Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35667

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 27 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016.

BDNS (Identif.): 313991.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap. minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios

As seguintes entidades: a) as universidades do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II, III e IV para cada caso.

Segundo. Obxecto.

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata convertérense en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

– Modalidade C: redes de investigación. Axudas a grupos de investigación para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación.

– Modalidade D: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1, liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada, e 2, liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 14.835.000 €.

A) GRC. O importe máximo destas axudas virá determinado por unha contía estrutural (ata un máximo de 50.000 €) máis outra variable, unicamente para as anualidades de 2017, 2018 e 2019 e acumulable á anterior, asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación (ata un máximo de 75.000 € anuais). A duración máxima destas axudas é de catro anos.

B) GPC. A contía máxima é de 17.500 € na primeira e terceira anualidade e de 35.000 € na segunda e as axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades.

C) Redes de investigación. A axuda consistirá nunha contía fixa anual de 30.000 € para os anos 2016 e 2018 e de 60.000 € para o ano 2017. As axudas serán de aplicación por un período de tres anualidades, mediante o pagamento anual á entidade a que pertenza o grupo que coordine a rede.

D) Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2016 e de 25.000 € para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes.

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

Francisco Conde López
Presidente da Axencia
Galega de Innovación