Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 17 de agosto de 2016 Páx. 36377

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2016 pola que se convoca un curso sobre intervención en emerxencias para os concellos con grupos de emerxencia supramunicipais (GES), cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte, dun xeito coordinado, ás emerxencias que poidan se producir en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención en emerxencias para o persoal dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), con 1 edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Intervención en emerxencias para o persoal dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

70

Prazas por edición

20

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: impartir unha formación especializada nuns niveis de capacitación suficientes para que o persoal que participou nunha convocatoria para os grupos de emerxencia supramunicipais e vaian a ser contratado de xeito inmediato ou se atopa nas lista de reserva e poida, se for o caso, comezar a asumir as súas funcións.

Contido: o contido estrutúrase en bloques relativos aos principais riscos e emerxencias nos que, segundo as estatísticas da Xunta de Galicia, intervirá este persoal:

1. Módulo 1: primeiros auxilios (7 h).

2. Módulo 2: actuacións en caso de accidente de tráfico (14 h).

3. Módulo 3: extinción de incendios urbanos e industriais (28 h).

4. Módulo 4: intervención en incendios forestais (21 h).

Todos os temas inclúen exercicios prácticos sobre os temas tratados e haberá unha proba final de conxunto.

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido ao persoal que que participou nunha convocatoria para os grupos de emerxencia supramunicipais e vaian ser contratado de xeito inmediato ou se atopa nas lista de reserva.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar e datas: o curso levarase a cabo nas instalación da Agasp desde o 12 ata o 23 de setembro de 2016.

Horario: mañá e tarde, de luns a venres.

Uniformidade: o persoal deberá asistir aos cursos provisto do seguinte material:

1. Bota de media cana con punteira de seguridade e plantilla antipunzamento.

2. Funda ignífuga.

3. Casco F2 Gallet, HPS3000 ou similar con lentes de seguridade.

4. Guantes ignífugos de intervención.

5. Verdugo ignífugo.

5. Prazo de inscrición.

O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

a) Os concellos interesados que conten con grupo de emerxencia supramunicipais (GES) remitiranlle á Agasp:

• A lista de persoas que van ser contratadas de xeito inmediato, no caso de que existan vacantes na data de convocatoria do curso (segundo o modelo do anexo I desta convocatoria).

• A lista de persoas que se atopen na lista de reserva (segundo o modelo do anexo II desta convocatoria).

Para ambos os casos o concello achegará cuberta unha ficha cos datos de cada unha das persoas (segundo o modelo do anexo III desta convocatoria).

As listas remitidas terá prioridade o número un e así sucesivamente.

b) Os datos mencionados no punto anterior poderán ser comunicados por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

c) As persoas seleccionadas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp recibirán unha mensaxe de correo electrónico para darse de alta nesta.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Terán prioridade as persoas que van ser contratadas de xeito inmediato para cubrir vacantes existentes na data de convocatoria do curso.

6.1.a. As prazas ofertadas repartiranse de xeito homoxéneo entre os distintos concellos, dando prioridade ás entidades por orde de chegada da solicitude e polo número de orde da lista empezando polo número un.

6.1.b. Adxudicarase a primeira praza á primeira entidade solicitante, a segunda praza á segunda e así sucesivamente. Unha vez repartidas as primeiras prazas de cada entidade solicitante, reiniciarase o proceso para a primeira e seguirase o proceso anterior.

6.2. De existiren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, seleccionarase as persoas da lista de reserva que non teñan o curso de GES.

Priorizaranse, en primeiro lugar, aqueles concellos que non teñan ningunha persoa da lista de reserva que conte co curso, por telo feito en edicións anteriores, aplicando os criterios dos puntos 6.1.a e 6.1.b.

Aplicado o proceso anterior para priorizar as entidades que non teñan ningunha persoa da lista de reserva que conte co curso aplicando os criterios dos puntos 6.1.a e 6.1.b, daraselle prioridade á lista de persoas sen curso GES aplicando tamén os criterios 6.1.a e 6.1.b.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará, na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas que participarán en cada edición do curso, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo ao establecido no artigo 21 do Reglamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense a data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle á/ao alumna/o poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, Obxectivo temático 08-Promover a sustentatibilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01-Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02-Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar, mediante resolución do director xeral e sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir, polo mesmo procedemento, o curso, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase ao director xeral ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 5 de agosto de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file
missing image file
missing image file