Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 17 de agosto de 2016 Páx. 36386

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2016 pola que se dá publicidade ao Plan de inspección urbanística para os anos 2016/17.

Visto o acordo adoptado polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, na súa reunión do 9 de xuño de 2016, polo que se aprobou o Plan de inspección urbanística para os anos 2016/17, e de conformidade co disposto no artigo 18.f) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

ANEXO
Plan de inspección urbanística para os anos 2016/17

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este plan de inspección urbanística ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da Axencia.

Artigo 2. Vixencia

Este plan terá unha duración bienal, no período 2016/17, prorrogándose de forma tácita ata a entrada en vigor do seguinte plan de inspección.

Artigo 3. Obxectivos principais

Os obxectivos principais do presente plan de inspección urbanística son:

1. Promover o dereito dos cidadáns a un medio urbano e rural adecuado para o desenvolvemento da persoa, consonte o disposto no artigo 45 da Constitución, na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

2. Evitar que se leven a cabo obras, instalacións e usos que contraveñan a normativa urbanística.

3. Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Artigo 4. Actuacións prioritarias

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desenvolverá, entre outras, as seguintes actuacións prioritarias:

a) Actuacións para evitar os ilícitos.

– Vixiar e inspeccionar o territorio.

– Asesorar no eido xurídico-urbanístico os concellos adheridos no ámbito das competencias propias da Axencia.

– Formar o persoal.

b) Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos:

– Investigar as infraccións.

– Tramitar os expedientes de reposición da legalidade.

– Executar as ordes de reposición.

– Tramitar os expedientes sancionadores.

– Impugnar as licenzas ilegais.

CAPÍTULO II
Actuacións contra os ilícitos

Artigo 5. Vixiar e inspeccionar o territorio

1. Actuación.

Desenvolver as operacións de vixilancia e inspección do territorio para detectar as posibles infraccións, dentro do eido competencial propio da Axencia, agás as de escasa entidade.

As actuacións de vixilancia complementaranse coas investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción urbanística, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades de reposición da legalidade e sancionadoras previstas na LSG e na Lei de costas.

2.a) Criterios para determinar os concellos que se van investigar.

As operacións de vixilancia e inspección serán realizadas por orde da dirección da Axencia, prestando especial atención aos seguintes territorios:

a) O territorio dos municipios integrados na Axencia.

b) O territorio dos municipios que non foron inspeccionados nos últimos tres anos.

c) O territorio dos municipios por onde transcorran as rutas dos Camiños de Santiago normativamente delimitados.

d) O territorio dos municipios costeiros.

e) O territorio dos municipios con espazos naturais.

Para que a xefatura do servizo provincial correspondente leve a cabo estas actuacións de inspección elaborarase trimestralmente un cadro resumo dos concellos que se van inspeccionar que, á marxe das inspeccións periódicas realizadas como consecuencia da tramitación dos expedientes de reposición en curso, recolla a lista de concellos que se van inspeccionar tendo en conta o seguinte:

• Para os concellos adheridos, seguirase a orde cronolóxica de incorporación á Axencia que figura na data de publicación do correspondente convenio no Diario Oficial de Galicia.

• Para os concellos non adheridos, elaborarase unha táboa resumo dos concellos existentes na provincia e comezarase polos concellos que cumpran coa prioridade b), continuarase polos que cumpran coas prioridades c) e d) e deseguido polos que cumpran coa prioridade c) e por último a prioridade d). En igualdade de criterios e para o resto dos concellos, farase por orde decrecente de poboación, unha vez que presupoñemos que os de menor poboación dispoñen de menor capacidade para realizaren os labores de inspección propia.

2.b) Prioridades para a tramitación de infraccións detectadas.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución, así como as obras terminadas cuxo prazo de caducidade de reacción estea próximo a vencer, que, presumiblemente, constitúan infracción urbanística, das que a competencia para a reposición da legalidade urbanística corresponda directamente á Axencia ou fosen delegadas polos concellos integrados nela, agás as de escasa entidade.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da Axencia.

As actuacións de inspección serán coordinadas debidamente cos representantes municipais.

Artigo 6. Tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística de conformidade co disposto nos artigos 152 a 156 da LSG.

2. Prioridades.

Deberán paralizarse e/ou incoarse con carácter prioritario e urxente as obras en curso de execución, así como as obras terminadas cuxo prazo de caducidade de reacción estea próximo a vencer, que, presumiblemente, constitúan infracción urbanística, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de paralizarse e incoarse varias obras en curso de execución de carácter prioritario, atenderase aos seguintes criterios:

1º. As obras en execución situadas nos municipios integrados na Axencia.

2º. As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais e os servizos de inspección urbanística da Axencia.

Artigo 7. Tramitar os expedientes sancionadores

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes sancionadores por infracción urbanística, de conformidade co disposto nos artigos 157 a 164 da LSG, e por infracción grave da Lei de costas.

2. Prioridades.

En virtude do artigo 71 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística de aplicación da Lei do solo de Galicia, así como do artigo 56 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, cando con ocasión da tramitación dos expedientes administrativos que se instrúan por infracción urbanística se desprendan indicios de carácter ilícito penal do feito, poranse en coñecemento do Ministerio Fiscal, para os efectos da exixencia das responsabilidades de orde penal en que puideren incorrer os infractores, suspendendo a tramitación do expediente administrativo ata que o Ministerio Fiscal comunique que non procede actuación penal polos feitos e contra as persoas de que se trate ou se dite resolución xudicial firme.

Comunicada a improcedencia da vía penal, continuarase coa tramitación administrativa segundo a antigüidade da comunicación do Ministerio Fiscal e entidade da obra ou instalación obxecto do expediente.

3. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística da Axencia.

Artigo 8. Executar as ordes de demolición

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 152.6 da LSG e 107 da Lei de costas.

2. Execución en período voluntario

A execución da orde de restitución da legalidade deberá ser realizada pola persoa obrigada no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente de reposición da legalidade.

A persoa obrigada a repor a legalidade poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de restitución, por razóns cumpridamente xustificadas.

En todo caso, deberá quedar suficientemente garantida a execución da reposición dentro do prazo que fixe a Axencia, que en ningún caso poderá ser superior a seis meses desde a resolución da ampliación correspondente e, como máximo, un ano contado desde a data en que a resolución que ordena a demolición sexa executiva.

Para estes efectos, a persoa interesada presentará a solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Proxecto de execución das obras de demolición e restauración da realidade física alterada ao estado anterior á actuación ilegal, que deberá de ser redactado polo técnico competente e visado polo seu correspondente colexio profesional.

c) Programa de execución das obras de demolición.

d) Resgardo do depósito da garantía constituída na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda, a favor da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, por importe suficiente para cubrir os gastos de execución das obras de demolición e restauración. A garantía poderá constituírse en metálico, mediante aval prestado por entidades de crédito ou sociedades de garantía mutua, mediante seguros de caución outorgados por entidades aseguradoras ou mediante valores representados en anotacións en conta ou participacións en fondos de investimento, representadas por certificados nominativos.

e) Declaración responsable da persoa obrigada, que se compromete a executar ao seu cargo as obras de demolición, de acordo co proxecto técnico e o programa de execución aprobados pola Axencia.

No caso de incumprimento dalgún dos prazos parciais ou do prazo final, acordarase a execución subsidiaria pola Axencia á conta da persoa obrigada e o inicio do expediente para proceder á incautación inmediata da garantía constituída, sen prexuízo da liquidación definitiva do importe dos gastos de demolición.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que serán reiteradas periodicamente cada tres meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.

Transcorrido un ano desde a data en que a resolución que ordena a demolición adquira firmeza en vía administrativa ou, se é o caso, en vía contencioso-administrativa, a Axencia acordará a execución subsidiaria pola Axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1º. As resolucións firmes en vía administrativa e, se é o caso, na contencioso-administrativa, que ordenan a demolición de edificacións nos tipos de solo prioritarios segundo o establecido no artigo 5.2.a) deste plan de inspección, agás as de escasa entidade.

2º. As ordes de demolición respecto das cales as persoas interesadas se comprometeron a executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola Axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

3º. As restantes ordes de demolición segundo a importancia da infracción e a antigüidade das obras.

Dentro destas prioridades acordarase a execución, en primeiro lugar, das construcións e instalacións que non estean a ser utilizadas para o fin a que pretendan ser destinadas.

Os expedientes tramitados dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre que afecten terreos que solicitasen no prazo e condicións sinalados nos puntos segundo e terceiro da disposición transitoria primeira da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, a aplicación do réxime alí previsto, a execución forzosa das súas ordes de derriba quedarán en suspenso sempre que a Administración municipal acredite o cumprimento dos requisitos, e ata que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emita informe desfavorable.

A acreditación municipal de ter solicitado o citado informe realizarase mediante certificado da secretaría municipal.

En calquera caso, o acordo de execución subsidiaria quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes.

4. Unidades responsables: o servizo técnico e os servizos de inspección urbanística da Axencia.

Artigo 9. Impugnar as licenzas ilegais

1. Actuación.

Velarase polo axuste das licenzas ao cumprimento da normativa urbanística, en aplicación do disposto no artigo 154 da LSG. Este control exercerase requirindo o cumprimento do referido deber e acudindo aos órganos xudiciais no caso de que se rexeite o requirimento ou ante a falta de resposta.

2. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística, os servizos provinciais e a subdirección da Axencia.

Artigo 10. Formar o persoal

1. Actuación.

Dar formación especializada ao persoal da Axencia e dos concellos integrados nela, para mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística.

Asemade, propiciarase a formación destinada a profesionais de ámbitos diversos e interesados en xeral, co obxecto de dar unha formación urbanística máis especializada, facendo fincapé na importancia do cumprimento da legalidade urbanística así como as consecuencias da súa transgresión.

2. Unidade responsable: a subdirección da Axencia.

CAPÍTULO III
Execución e seguimento do plan

Artigo 11. Execución do plan

1. A dirección da Axencia poderá ditar as instrucións e ordes de servizo que resulten necesarias para a mellor execución deste plan de inspección.

2. De conformidade co disposto nos artigos 50 e 74 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a dirección da Axencia poderá acordar a tramitación de urxencia e alterar a orde de prioridades sinaladas neste plan de inspección por razóns de interese público.

3. Como anexo a este plan introdúcense os resultados do ano 2015 que permiten avaliar os efectos do plan de inspección 2015 e así dar unha mellor resposta no plan de inspección para os anos 2016/17 nun proceso de mellora continua.

Artigo 12. Colaboración coas administracións públicas e convenios de colaboración

1. A Axencia colaborará activamente con todas as administracións públicas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e o litoral, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En particular, a Axencia coordinará a súa actuación cos municipios integrados nela, así como coa unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Axencia comunicará aos correspondentes concellos o inicio e a resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

4. Asemade, a dirección e subdirección da Axencia propiciarán a sinatura de convenios con outras administracións, corporacións de dereito público e asociacións representativas de intereses comúns que teñan por obxecto mellorar o coñecemento sobre o urbanismo, a ordenación do territorio e a paisaxe.

Artigo 13. Consultas dos concellos adheridos

En virtude dos convenios de adhesión, a Axencia informará sobre as dúbidas que se susciten aos concellos adheridos en cuestións de disciplina urbanística competencia da Axencia.

O prazo máximo para a contestación da consulta será dun mes, salvo que requira a emisión de informes específicos.

Unidades responsables: os servizos de inspección e a subdirección da Axencia.