Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 22 de agosto de 2016 Páx. 37210

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de xullo de 2016 pola que se autorizan a apertura e o funcionamento do Centro de Ensinanzas Deportivas Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela (A Coruña).

O representante da titularidade do Centro de Ensinanzas Deportivas Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela, solicita autorización para impartir as ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en Baloncesto, reguladas no Real decreto 980/2015, do 30 de outubro, e no Real decreto 982/2015, do 30 de outubro, respectivamente.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartiren ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida pola Orde desta consellería do 17 de abril de 2008, na cal se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro

Autorizar a apertura e o funcionamento do Centro de Ensinanzas Deportivas Manuel Peleteiro, que queda configurado como se sinala a continuación:

Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas.

Denominación específica: Manuel Peleteiro.

Código do centro: 15033034.

Titular: Herederos de Manuel Peleteiro, S.C.

Domicilio: O Monte Redondo, s/n.

Código postal: 15702.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan:

Grao medio: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Baloncesto (2 unidades para 30 postos escolares cada unha).

Grao superior: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Baloncesto (2 unidades para 30 postos escolares cada unha).

Segundo

Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro, así como o equipamento adecuado.

Terceiro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria