Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 37994

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2016/17, e se procede á súa convocatoria.

A Lei do deporte de Galicia, Lei 3/2012, do 2 de abril, dedica o seu título II ás competencias das administracións públicas galegas en materia de deporte, onde o artigo 5 consagra as competencias que lle corresponden a Administración autonómica, segundo o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, especificando no punto 1, letra m) a atribución desta Administración no fomento e regulación do deporte e dos deportistas de alto nivel de Galicia, así como os seus beneficios.

En prol da definición da política deportiva autonómica, fixando as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia está a dotar o deporte de alta competición dos medios necesarios para o mellor desenvolvemento. Con este obxectivo establécense as bases reguladoras da concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD) para a tempada 2016/17, e se procede á súa convocatoria, que se axustará ás seguintes disposicións xerais.

Artigo 1. Obxecto. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das bolsas por parte da Secretaría Xeral para o Deporte destinadas a estudantes para a súa participación como persoal colaborador na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD), co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia de deportistas menores de idade do CGTD mentres que os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior, familiarizándose coa realización de actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Padre Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2016/17.

O número de prazas convocadas é de 5, precísanse polo menos 2 prazas ocupadas polo mesmo sexo (feminino ou masculino) e as 3 restantes ocupadas por solicitantes do sexo contrario ás anteriores, co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro.

Artigo 2. Réxime xurídico

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das bolsas para persoal de apoio no Centro Galego de Tecnificación Deportiva todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:

a) Ter entre 19 e 30 anos feitos no momento en que se publica a convocatoria.

b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, ou un ciclo formativo de grao superior.

d) Non estar propostos para unha bolsa de deportista no CGTD nin ser beneficiario da citada bolsa como deportista no momento da solicitude.

e) No caso de estudantes que tivesen sido bolseiros como deportistas bolseiros na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos 1 ano desde que rematasen a súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

f) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

Artigo 4. Criterios de valoración

As solicitudes valoraranse conforme os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo coas funcións recollidas no artigo 8 desta convocatoria (4 puntos).

b) Ser estudante universitario da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra (6 puntos).

c) Que o solicitante conte no momento de facer a solicitude coa categoría de deportista galego de alto nivel e/ou deportista de alto nivel (4 puntos) ou que fose recoñecido con anterioridade aínda que non conte co recoñecemento no momento da solicitude (2 puntos).

d) Ser estudante universitario nunha facultade ou escola diferente á do primeiro punto, que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (3 puntos).

e) Ser estudante dun ciclo formativo de grao superior que admita, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (2 puntos).

f) Que o solicitante teña o tivese o recoñecemento de deportista de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes (1 punto).

g) Ter formado parte de programas deportivos de tecnificación o rendemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (2 puntos).

h) Ter formado parte de programas deportivos de carácter estatal ou de rendemento recoñecidos polo Consello Superior de Deportes nun centro recoñecido para tal efecto fóra da nosa comunidade autónoma (1 punto).

i) Estar en posesión de titulacións oficiais técnicas nalgunha modalidade deportiva, valorándose 1 punto por cada titulación ata un máximo de 3 puntos.

j) Estar en posesión do título de licenciado/grao/diplomado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (4 puntos) ou mestre especialista en Educación Física (3 puntos).

Artigo 5. Solicitudes. Forma, lugar e prazo de presentación

5.1. Poderán presentar solicitudes para esta convocatoria as persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3 desta resolución e que se axusten ás necesidades do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

5.2. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, preferiblemente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, rúa Padre Fernando Olmedo, 1, 36002 Pontevedra, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

5.3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.4 O formulario de solicitude e demais anexos requiridos estarán tamén dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, https://deporte.xunta.es. Poderanse cubrir e imprimir a través desta web.

5.5. Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Anexo I de solicitude cuberto.

b) Fotocopia do DNI.

c) Fotocopia do certificado de empadroamento.

d) Fotocopia da matrícula universitaria ou do ciclo formativo de grao superior correspondente ao curso académico 2016/17.

e) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais (no caso de non autorizar a súa consulta).

f) 1 fotocopia do BOE/DOG onde se acredite a súa condición de deportistas de alto nivel/deportista galego de alto nivel, en caso de posuílo.

g) 1 certificado da federación nacional correspondente que o acredita como deportista de alto rendemento, en caso de posuílo.

h) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo coas función recollidas no artigo 8 da presente resolución.

i) Copia cotexada das titulacións oficiais técnicas nalgunha modalidade deportiva, só no caso de non autorizar a súa consulta.

j) Copia cotexada do título de licenciado/grao/diplomado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, só no caso de non autorizar a súa consulta.

5.6. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.

5.7. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral para o Deporte mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral para o Deporte, rúa Ourense, 6, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.deporte@xunta.gal.

5.8. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticos.

5.9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 7. Avaliación de solicitudes

Crearanse dúas comisións de avaliación das solicitudes, a Comisión de Análise e a Comisión de Selección.

7.1. A Comisión de Análise estará constituída por:

– Presidente/a: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Administración.

As funcións da Comisión de Análise serán:

– Analizar a documentación presentada polos interesados.

– Comprobar o cumprimento dos diferentes aspectos da convocatoria.

– Requirirlle ao/á interesado/a as modificacións necesarias e a documentación necesaria para cumprir co establecido no artigo 5, número 5.5.

7.2. Comisión de Selección.

A Comisión de Selección estará constituída por:

– Presidente/a: subdirector/a xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogal: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

As funcións da Comisión de Selección serán:

– Valoración das solicitudes posteriormente á análise realizada destas pola Comisión de Análise.

– Valoración e ratificación, se é o caso, dos informes emitidos pola Dirección do centro sobre a estadía como deportista bolseiro do CGTD, das solicitudes recibidas se se dese o caso.

– Elevar ao secretario xeral para o Deporte a proposta de resolución en virtude da cal se outorgase a concesión das bolsas como persoal de apoio e colaborador na residencia do CGTD durante o curso escolar 2016/17.

Artigo 8. Beneficios dos bolseiros

Os beneficiarios destas bolsas disporán do aloxamento e da pensión completa durante o curso escolar 2016/17 segundo publicación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

Artigo 9. Obrigas dos bolseiros

Serán obrigas dos bolseiros beneficiarios como persoal de apoio as detalladas a seguir:

a) Incorporarse á residencia o mesmo día que os deportistas.

b) Permanecer na residencia nos horarios establecidos polas preceptoras.

c) Colaborar en facilitar a convivencia e cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro e informar en todo momento a Dirección do CGTD de calquera infracción que se cometa.

d) Realización de actividades de apoio á Dirección do CGTD, aos técnicos responsables dos grupos de deportistas existentes implicados no programa de formación, e na organización e promoción de actividades deportivas, recreativas e académicas.

e) Colaborar coas preceptoras na organización e promoción de actividades recreativas e formativas.

f) Axudar nas tarefas de control e seguimento dos estudos dos residentes, así como a colaboración con eles no aproveitamento do seu tempo de estudo.

g) Notificarlles ás preceptoras todas as incidencias que se produzan en relación cos deportistas.

h) Calquera outra actividade que se determine para a correcta convivencia dos deportistas no centro e para o desenvolvemento das súas actividades dentro do CGTD.

Artigo 10. Instrución do procedemento

10.1. Correspóndelle á Comisión de Selección, establecida no artigo 6.1, a instrución do procedemento.

10.2. Finalizado o prazo para a presentación das solicitudes, a Comisión de Análise estudará a documentación presentada polos solicitantes e comprobará o cumprimento de todos os aspectos da convocatoria, e o solicitante será o responsable da autenticidade dos datos achegados.

10.3. Unha vez rematado o estudo por parte da Comisión de Análise da documentación presentada por cada solicitante, o/a presidente/a desta comisión remitirá a totalidade da documentación presentada que cumpra as exixencias contidas nestas bases á Comisión de Selección, que será a encargada da valoración das solicitudes recibidas e formulará a proposta motivada de resolución provisional, que será comunicada aos solicitantes.

10.4. Os solicitantes terán un prazo de 5 días naturais, contados desde o seguinte á comunicación da lista provisional, para facer as alegacións que consideren oportunas. O prazo rematará ás 14.30 horas do quinto día. Se a fin do prazo coincidise cun día non hábil, prorrogarase ata as 14.30 horas do día hábil seguinte. Estas alegacións deberanse remitir ao enderezo de correo electrónico cgtd@xunta.gal.

Artigo 11. Resolución e notificación

11.1. A Comisión de Selección formulará a proposta motivada de resolución definitiva, que será elevada ao titular da Secretaría Xeral para o Deporte, órgano encargado de resolver sobre a concesión ou denegación das solicitudes presentadas.

11.2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os tres meses contados desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no DOG. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

11.3. De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

11.4. Notificada a resolución polo órgano concedente, o beneficiario disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 12. Duración das bolsas

As bolsas terán unha duración como mínimo dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que o bolseiro remate os seus estudos e sempre que cumpra coas súas obrigas recollidas nos artigos 3 e 8 desta convocatoria.

Artigo 13. Revogación dunha bolsa

A bolsa concedida poderá ser revogada polas seguintes causas:

– Por inadaptación ás normas de convivencia.

– Por incumprimento dalgunha das obrigas establecidas no artigo 8 desta convocatoria.

– Por cesamento ou abandono dos estudos que está a cursar segundo presentou na súa solicitude.

– Poderase cancelar a bolsa porque así o solicite o beneficiario, sempre que veña motivada por causas xustificables.

– Igualmente, poderase cancelar por motivos disciplinarios no caso de faltas moi graves segundo o Regulamento de réxime interno do centro.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o secretario xeral para o Deporte no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2016

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte