Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 38033

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 315294.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas acolledoras de nenos/as menores de tres anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017.

b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás familias con nenas e nenos menores de tres anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares, así como, proceder á súa convocatoria.

Terceiro. Tipo de axuda

A axuda consistirá nunha achega económica cuxa contía estará en función da renda per cápita da unidade familiar, para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

Quinto. Importe

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns de euros (3.000.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, correspondendo setecentos cincuenta mil euros (750.000 €) a 2016 e dous millóns douscentos cincuenta mil euros (2.250.000 €) a 2017.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes de axuda poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social