Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 38012

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asigna á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 3 os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020 recolle como un dos seus obxectivos estratéxicos o de ampliar e consolidar as medidas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e constitúe unha das súas medidas prioritarias a promoción e a diversificación dos servizos de atención á infancia.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é tamén unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), área que ten como obxectivo propiciar un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo e na cal se prevé, entre outras medidas, a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos.

Neste sentido, cómpre avanzar na posta á disposición das familias de solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación, finalidade á que responde esta convocatoria, que se propón tentear a demanda dos recursos de atención personalizada a domicilio como vía para a cobertura de necesidades puntuais de conciliación.

Así pois, a través desta convocatoria ponse en marcha de modo experimental o programa Bono coidado, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento do importe de servizos de atención a nenos e nenas de ata 3 anos de idade a domicilio.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro) e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo). Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás familias con nenos e nenas menores de tres anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares, así como proceder á súa convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns de euros (3.000.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 distribuído en dúas anualidades, correspondendo setecentos cincuenta mil euros (750.000 €) a 2016 e dous millóns douscentos cincuenta mil euros (2.250.000 €) a 2017.

2. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do número de menores de tres anos de cada provincia, acudíndose aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para efectuar a repartición.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas acolledoras de nenos/as menores de tres anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017.

b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio, nos seguintes supostos convenientemente acreditados:

a) Enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar.

b) Enfermidade da persoa coidadora habitual.

c) Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.

d) Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan a atención do/a neno/a polos membros da unidade familiar.

2. Concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado (un máximo de 20 horas na anualidade 2016 e de 60 horas na anualidade 2017). Este crédito horario diminuirá proporcionalmente a partir do 1 de outubro de 2016 en función do momento de solicitude da axuda.

3. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: 14 €/hora.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 e ata 13.500 euros ou superior dentro dos límites establecidos no artigo 3.1.b): 7 €/hora.

4. O período subvencionable será o que vai desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 1 decembro de 2017.

5. A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 13 desta orde.

Artigo 5. Renda per cápita

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras.

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e mais a formada por unha soa persoa proxenitora e:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de acollemento familiar.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2014 ou 2015 segundo corresponda, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar.

2. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude segundo o modelo oficial do anexo I desta orde.

Os impresos de solicitude estarán dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, así como no enderezo electrónico http://politicasocial.xunta.gal

2. Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Anexo II, agás que a familia estea a cargo dunha soa persoa adulta.

b) Copia do DNI da persoa solicitante, só no suposto de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Copia do DNI da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no suposto de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Certificado de empadroamento de todos os membros da unidade familiar, só no caso de non autorizar a súa consulta. No suposto de que a/o cónxuxe ou parella da persoa solicitante non figure neste, deberá achegar o seu xustificante de empadroamento individual só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Copia da declaración do IRPF correspondente ao ano 2014 ou 2015, segundo corresponda, da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a consulta, dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Copia da declaración do IRPF correspondente ao ano 2014 ou 2015, segundo corresponda, da persoa, cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no caso de denegar expresamente a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria (anexo II).

g) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

h) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, de ser o caso, só no suposto de non prestar autorización para a súa consulta ou cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

i) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só no suposto de non prestar autorización para a súa consulta ou cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

j) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, só no suposto de non prestar autorización para a súa consulta ou cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

k) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de non autorizar a súa consulta, ou certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

3. Ademais, na parte correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde, doutra Administración publica ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Compromiso de manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

4. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común se terá por desistida na súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos na dita normativa.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xa citada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. As solicitudes de axuda poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2017.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Consellería de Política Social para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizada a consellería para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. Para a comprobación dos datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a persoa solicitante deberá dar o seu consentimento á Consellería de Política Social para a súa obtención da AEAT, para o cal deberá cubrir a parte correspondente da solicitude. No caso de non prestar o consentimento, deberá achegar copia da declaración do IRPF ou certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2014 ou 2015, segundo corresponda. Para estes efectos, o/a cónxuxe ou parella deberá presentar o anexo II debidamente cuberto e asinado. No caso de non prestar autorización, a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2014 ou 2015, segundo corresponda.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización á Consellería de Política Social para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos Servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano encargado da tramitación do procedemento publicará no DOG e no portal de Benestar o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivamento, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante. O seu contido será notificado ás persoas interesadas de acordo co establecido no artigo 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 13. Pagamento e xustificación da axuda

Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias disporán en cada anualidade dunha subvención de ata o máximo de horas establecido no artigo 4, a cal se fará efectiva logo de achegar á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo III).

b) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados onde conste expresamente o día e hora/s en que se prestou o servizo, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

c) Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade do/a neno/a, da persoa coidadora habitual ou do cónxuxe ou parella e de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade; certificado de asistencia a entrevistas de traballo ou cursos de formación; certificado da empresa acreditativo do motivo de carácter laboral que impide o coidado do/a neno/a ou declaración xurada e documentos de alta censual (modelo 036) e de alta na Seguridade Social para o caso de traballadores/as autónomos/as.

No suposto de producirse algunha variación na renda da unidade familiar ou respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberá comunicarse á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato. Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 5 de decembro da anualidade a que se refire o servizo, salvo no suposto de servizos recibidos no mes de decembro de 2016, respecto dos cales se deberá solicitar o pagamento no primeiro mes de 2017.

2. As xefaturas territoriais realizarán as comprobacións necesarias antes do pagamento da axuda e poderán exixir xustificacións complementarias cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 15. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 16. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Artigo 18. Publicidade

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, sen prexuízo do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Non obstante o anterior, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional primeira. Límite orzamentario

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file