Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38395

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de xullo de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Miño.

O Concello de Miño remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.1 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello de Miño, subscrita polo arquitecto municipal Ignacio Pedrosa e a secretaria municipal Alejandra Rodríguez, con datas do 12.11.2014 e do 30.1.2015; co cumprimento do informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 7.1.2015; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Miño dispón na actualidade dun PXOM aprobado definitivamente o 8.8.2002, ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 21.10.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, tras as consultas de Augas de Galicia (8.10.2014), do Instituto de Estudos do Territorio (9.10.2014) e da Consellería de Medio Rural e do Mar (6.10.2014).

3. Constan informes do arquitecto municipal do 14.11.2014, favorable en canto aos requisitos legais exixidos; e da secretaria municipal do 17.11.2014, favorable (artigo 85.1 da LOUG) e do 12.5.2016, favorable á aprobación provisional.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 7.1.2015.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 31.3.2015. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 12.8.2015 e DOG da mesma data). Non foron presentadas alegacións conforme o certificado do 21.10.2015. Dada audiencia aos concellos lindantes, consta certificado da secretaría municipal do 18.5.2016 sobre as contestacións deles.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 24.11.2015.

7. Tras a solicitude de aprobación definitiva, requiriuse a emenda das deficiencias observadas no expediente. O concello achegou documentación o 26.5.2016.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

Os obxectivos da modificación son incorporar condicións regradas para resolver cuestións que no actual texto do PXOM non teñen regulación e adaptar o PXOM a determinadas limitacións impostas desde a lexislación sectorial e urbanística.

As modificacións propostas afectan os artigos 63, superficie de teito edificable; 69, sotos; 77, valados de parcela; 98, condicións de carácter xeral; e 147, categorías de uso agrícola, da normativa do PXOM.

III. Análise e consideracións.

1. A adaptación do planeamento á normativa urbanística ou sectorial é razón de interese público para xustificar a modificación, para os efectos do artigo 94.1 da LOUG.

2. A proposta para a modificación dos artigos da normativa municipal afectados, dá completo cumprimento ás observacións formuladas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 7.1.2015, previo á aprobación inicial.

3. A nova Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece, na súa disposición transitoria 2ª.1, que os plans aprobados provisionalmente á súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, do que resulta que é posible resolver sobre a aprobación definitiva da modificación proposta sen se adaptar á nova lei unha vez entrada en vigor esta.

4. Porén, respecto do solo rústico, a modificación proposta devén parcialmente inaplicable por non adecuarse ao artigo 39.d) da LSG, que limita a ocupación dos invernadoiros a un 60 % da superficie da parcela, precepto legal vixente a ter en conta por mor da disposición transitoria 1ª.2.d) da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Miño agás a modificación prevista para artigo 147 da normativa, que se deberá axustar aos termos sinalados no punto III.4 anterior.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio