Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38392

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de xullo de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ourol no SAU residencial S-1 (expediente PTU-LU-13/122).

O 24.5.2016 o Concello de Ourol remitiu documentación do expediente de referencia, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, pola que poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

A documentación consiste no proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento (NSP) datado en marzo de 2016, subscrito polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Enrique Cacicedo Herrero, da empresa consultora Senén Prieto Ingeniería, S.L.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data, eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

Por Orde do 26.2.2016, esta conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio acordou non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual referida.

Posteriormente, o Concello realizou os seguintes trámites:

– Emisión do informe sectorial polo director xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria (29.7.2014), de carácter favorable.

– Aprobación provisional (2ª) da modificación (versión marzo 2016) polo Concello Pleno (6.5.2016), segundo certificación expedida pola secretaria do Concello.

II. Obxecto e alcance da modificación.

A modificación persegue rematar a transformación urbanística dun ámbito clasificado como apto para urbanizar residencial nas vixentes NSP (aprobadas o 9.10.1984), substancialmente coincidente co ámbito da 1ª etapa do Plan parcial do sector S-1 cuxa urbanización quedase sen rematar como consecuencia da súa anulación.

O obxectivo é regularizar unha serie de equipamentos construídos dentro do mesmo (casa do concello, polideportivo, centro sociocultural e piscinas) e posibilitar a construción doutros novos e de vivendas suxeitas a protección pública.

Esta modificación implica cambios na clasificación do solo, xa que se reclasifican como solo rústico 1,83 ha, anteriormente clasificadas como apto para urbanizar; e como solo urbanizable delimitado 2,74 ha. Implica tamén cambios na intensidade edificatoria prevista polas NSP nas zonas de equipamento e incorpora a ordenación detallada do novo sector.

III. Análise e consideracións.

En relación coas observacións formuladas na Orde CMAOT, do 26.2.2016, púidose comprobar que foron emendadas, nomeadamente coa remisión do informe sectorial en materia de telecomunicacións (favorable) e o proxecto de modificación aprobado inicialmente; canto ao cumprimento do artigo 23.4 da Lei autonómica 8/2013, realizáronse correccións no plano nº 10, Ordenación, e no punto 3.4 da memoria, cualificándose como sistema xeral viario a marxe da estrada provincial LU-P-3803 abranguida entre a liña exterior do dominio público e a liña límite de edificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ourol, no SAU residencial S-1.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio