Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38389

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 17 de xuño de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela na Rocha, estrada N-550, p.q. 67, para os efectos da súa aprobación definitiva.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT con datas do 3.10.2007 e 1.9.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu con data do 14.5.2014 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Os servizos municipais emitiron informes con datas do 14.11.2014, 16.2.2015, 18.2.2015 e 9.12.2015.

4. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe o 25.11.2014, de carácter favorable, en referencia á estrada autonómica AG-56 (A Rocha-Brión).

5. A Demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) emitiu informe favorable o 23.1.2015.

6. A modificación non precisou ter o informe previo á aprobación inicial correspondente ao artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no artigo 93.4 da LOUG.

7. O Concello Pleno do 4.3.2015 aprobou inicialmente a modificación. Sometida a información pública dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 9.4.2015 e DOG do 12.6.2015) e comunicada aos concellos lindeiros de Boqueixón, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Oroso, Teo, O Pino e Ames, non houbo ningunha alegación.

8. Augas de Galicia emitiu informe, de carácter favorable, o 7.9.2015.

9. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable o 30.11.2015.

10. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 21.1.2016.

11. O Concello remitiu, mediante escrito do 8.2.2016, o expediente administrativo e o proxecto con dilixencias de aprobación inicial e provisional. Con data do 7.3.2016, requiriuse o preceptivo informe en materia de paisaxe do Instituto de Estudos do Territorio (artigo 7.2 da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia), que foi emitido con data do 11.4.2016, e no que non se formula ningunha obxección.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto mudar a categoría de solo rústico de especial protección de augas pola de solo rústico de especial protección de infraestruturas nuns terreos de 4.466 m2 co fin de utilizarse como vial provisorio da estrada N-550.

2. Preténdese con esta modificación mellorar a fluidez e a seguridade da circulación nos accesos a unha gasolineira situada na zona de afección da estrada N-550 mediante o recuado parcial das súas instalacións.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, non se formulan obxeccións á modificación, tendo en conta que se presentan razóns de interese público que a fundamentan (artigo 94.1 da LOUG).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela (A Coruña) na Rocha, estrada N-550, p.q. 67.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio