Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 31 de agosto de 2016 Páx. 38618

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de agosto de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Gallega (CIG) nun centro de traballo da empresa Tecnocom, que se levará a efecto os días 1, 2 e 5 de setembro das 8.00 ás 10.00 horas.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria e das funcións en materia de saúde pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente con relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga que afectará ao persoal da empresa Tecnocom Telecomunicaciones y Energía, S.A., contratado para quendas, que presta o servizo de atención 24x7 baseado en help-desk no seu centro de traballo de Conxo. A folga levarase a efecto os días 1, 2 e 5 de setembro das 8.00 ás 10.00 horas.

A dita empresa presta servizos de soporte a usuarios/as dos sistemas e tecnoloxías da información do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade que traballan no ámbito dos servizos administrativos, da asistencia sanitaria e da protección da saúde pública.

As datas nas que se ten convocado a folga coinciden con períodos de actividade máis alta do habitual, ao tratarse de días nos que moitos/as usuarios/as finalizan ou comezan as súas vacacións, polo que se reciben moitas solicitudes de habilitación ou modificación dos perfís de acceso aos sistemas de información, así como un maior número de notificacións de incidencias sobre sistemas e equipos.

Toda vez que a dirección e o control da actividade do persoal corresponde á empresa, e polo tanto, a determinación dos horarios e distribución do tempo de traballo, incluída a fixación de quendas, nesta orde óptase, en primeiro lugar, por fixar un número de efectivos de persoal que, como mínimo, deberá necesariamente prestar servizos no tramo horario afectado pola folga. En segundo lugar, e para o suposto de que sexa preciso recorrer a persoal chamado á folga para a garantía dese número mínimo de efectivos, determínase a actividade mínima necesaria que debe desenvolver este persoal.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria da folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde, os cales resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria e de determinadas funcións en materia de saúde pública, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía que, respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Atendendo aos motivos anteriormente expostos, determínanse en 5 o número mínimo de efectivos que deberán prestar servizos no centro de traballo, días e tramo horario afectados pola folga.

No suposto de que a empresa deba recorrer a persoal chamado á folga para garantir ese número de efectivos, este atenderá, como servizo mínimo esencial, as seguintes incidencias formuladas polo persoal usuario implicado na prestación de asistencia sanitaria nos centros de saúde (e outros centros sanitarios non hospitalarios que non contan con unidades informáticas propias) e polo persoal inspector veterinario: alta ou modificación de perfís de usuario; habilitación dos perfís de acceso en caso de estar bloqueados ou ter problemas coa contrasinal de acceso; incidencias urxentes que inhabiliten para a utilización dos sistemas de información corporativos.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a empregado/a da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade