Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 31 de agosto de 2016 Páx. 38621

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 24 de agosto de 2016 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

No Diario Oficial de Galicia núm. 67, do 8 de abril, publicouse a Orde do 23 de marzo de 2016 pola que establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Esta orde, no seu título II, convoca as axudas de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) para o ano 2016 e, concretamente, no primeiro parágrafo do número 1 do artigo 35, relativo á duración das prácticas formativas, establece a data límite para a realización destas o 20 de novembro de 2016; así mesmo, o número 3 do mesmo artigo 35 establece que a duración das prácticas será como máximo de 4 meses.

Conforme os prazos establecidos na convocatoria, para que se poidan levar a cabo prácticas de 4 meses deberían comezar como mínimo o 20 de xullo de 2016. Tendo en conta a data de publicación da orde, a complexidade administrativa que implica a resolución de cada un dos tres procedementos administrativos que comprende (BS324A, BS324B e BS324C), os prazos de aceptación da axuda e de presentación de documentación preceptiva para persoas e entidades beneficiarias, e considerando a xestión que deben realizar tanto as entidades beneficiarias como a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado logo da resolución definitiva das axudas e con carácter previo ao inicio das prácticas, resulta oportuno ampliar o prazo máximo establecido para a finalización das prácticas formativas.

Consecuentemente co anterior, débese ampliar tamén o período do gasto subvencionable e o prazo máximo de xustificación das axudas, sen que ningunha destas modificacións teña incidencia no prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016

A Orde do 23 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, queda modificada como segue:

Un. O parágrafo primeiro do número 1 do artigo 35 queda redactado como segue:

«Artigo 35. Duración das prácticas formativas

1. O período de realización das prácticas formativas non retribuídas rematará, en todo caso, o 3 de decembro de 2016».

Dous. O artigo 36 queda redactado como segue:

«Artigo 36. Período do gasto subvencionable

Serán obxecto de subvención todos aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo comprendido entre 1 de xaneiro de 2016 e o 13 de decembro do mesmo ano, e sempre que se realice o seu pagamento no mesmo período».

Tres. O artigo 37 queda redactado como segue:

«Artigo 37. Prazo de presentación da xustificación da axuda

As persoas/entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar os gastos e os seus pagamentos conforme indican as bases reguladoras, e mais a efectiva realización do obxecto da subvención (xustificando a realización das viaxes, prácticas formativas, apoio lingüístico e demais conceptos subvencionables) conforme a regulación de custos simplificados. O prazo máximo para xustificar as accións subvencionadas será dun mes desde o día seguinte ao remate da mobilidade e como máximo ata o 13 de decembro de 2016».

Catro. Modifícanse os anexos IV, VI-A e V en canto ás referencias das datas límite para a realización das prácticas, que se entenden todas modificadas á data do 3 de decembro de 2016.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social