Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2016 Páx. 39436

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de agosto de 2016 pola que se modifica a Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17, e se procede á ampliación da dotación orzamentaria.

Mediante a Orde do 23 de maio de 2016 (Diario Oficial de Galicia do 8 de xuño), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17.

Detectado un erro no artigo 10 relativo á certificación, procédese á súa corrección.

Así mesmo, o artigo 2, punto 1 alínea a) da devandita orde, que establece as contías e as aplicacións dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2016 destinadas aos centros públicos, por un importe global de 542.500 €, recolle a posibilidade de ampliación destas contías, en función da dispoñibilidade orzamentaria, previamente á resolución definitiva da convocatoria.

Como consecuencia da existencia de crédito adecuado para poder ampliar o orzamento inicial e á vista das necesidades valoradas, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1. Modificación da Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17

O artigo 10 da Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17, queda redactado da seguinte maneira:

«A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa, en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, recibirá unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación do profesorado por ano académico, ao abeiro do artigo 37 da Orde do 14 de maio de 2013, pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado de Galicia».

Artigo 2. Ampliación de crédito

Increméntase o orzamento para o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o curso 2016/17, por un importe de 560.000 € na aplicación 10.60.423A.628.1, destinada á adquisición de fondos documentais en distinto soporte, e por un importe de 50.000 € na aplicación 10.60.423A.625.1, destinada á adquisición de mobiliario e outros equipamentos, de acordo co establecido no artigo 2, punto 1 da Orde do 23 de maio de 2016 (Diario Oficial de Galicia do 8 de xuño). Desta forma, o importe global destinado a este programa para o curso 2016/17, no punto de centros de titularidade pública, é de 1.152.500 €.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes na Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria