Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42123

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao Máster en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2016/17.

O Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, dispón, no seu artigo 9, que para exercer a docencia nestes ámbitos será necesario estar en posesión dun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica de acordo co exixido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias, estableceu a organización e o contido dos títulos oficiais de máster universitario. Con posterioridade, a Orde ministerial ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), determinou os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, dispoñendo unha fase de prácticum obrigatoria que se realizará en colaboración coas institucións educativas establecida mediante convenios entre as universidades e as administracións educativas.

A Orde do 18 de abril de 2011 (DOG do 13 de maio) establece o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao Máster en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos artigos 2º, 3º e 4º da citada orde descríbense os procedementos de regulamentación de centros de prácticas, as persoas titoras de prácticas e as persoas coordinadoras de prácticas.

Para tal fin e de acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é abrir o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o curso 2016/17 para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao Máster en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Solicitudes e documentación

Os centros e as persoas, coordinadoras e titoras, que desexen acreditarse para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao Máster en profesorado deberán solicitar a súa alta á Dirección do centro, que rexistrará todos os interesados, aínda que en anos anteriores estivesen acreditados, na aplicación Xade, seguindo o itinerario: Profesorado→Datos profesionais→Traballo no centro, onde existirán dúas opcións: Coordinador prácticum máster profesorado e Voluntario para titorizar prácticum máster profesorado.

Cada centro terá un só coordinador, que será o director do centro, ou por delegación súa, a persoa encargada da Xefatura de Estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titoras de prácticas.

Ademais, a Dirección do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da Xefatura de Estudos, ou da Secretaría, asinarán e remitirán ao enderezo
formacion.fprofe@edu.xunta.gal unha listaxe coas persoas que participan que poderán obter directamente da aplicación Xade.

Para as escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superior de deseño e os conservatorios profesionais de música e danza, enviarán a súa solicitude ao enderezo electrónico formacion.fprofe@edu.xunta.gal. Nesta solicitude indicarán os nomes do coordidador e dos titores cos correspondentes datos de DNI e especialidades.

Artigo 3. Centros acreditados

As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e das especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal

Artigo 4. Selección dos centros e réxime de realización das prácticas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitirá estas solicitudes, unha vez revisadas, ás universidades correspondentes.

As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta de centros e persoas coordinadoras e titoras seleccionados pola Comisión de Seguimento do prácticum correspondente, segundo o establecido no artigo 7 da Orde do 18 de abril de 2011.

A realización das prácticas rexerase pola normativa vixente e polos protocolos que, se é o caso, se establezan de acordo coa consellería e as universidades.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes dará comezo o día seguinte ao da súa publicación e rematará o día 3 de outubro de 2016. Terán ata o 4 de novembro de 2016 para realizar as alegacións que consideren ás listas publicadas.

Artigo 6. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións conxuntas que consideren oportunas no desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa