Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42126

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o Premio de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

A infección polo virus de inmunodeficiencia humana (VIH) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) irrompen en todo o mundo a principios dos anos 80 e continúan a ser un dos principais problemas de saúde pública a nivel mundial. Desde ese momento, inícianse numerosas investigacións multidisciplinares que permitiron que esta infección deixase de ser unha enfermidade necesariamente mortal e que mellorasen dun xeito moi importante a esperanza e a calidade de vida das persoas afectadas.

Nos últimos anos a principal vía de transmisión do VIH na nosa contorna é a vía sexual. Ademais, observouse un incremento doutras infeccións de transmisión sexual (de agora en diante ITS).

O Plan galego anti VIH/sida e outras ITS, da Consellería de Sanidade, foi aprobado polo Consello da Xunta o 22 de xaneiro de 2015 e un dos seus obxectivos principais é promover a investigación galega neste eido. Para iso, entre as iniciativas aprobadas neste plan, figura o establecemento dun premio anual de investigación no campo do VIH e outras ITS, polo que se acordou establecer o seu regulamento.

Para tal fin, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e de acordo coas facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34.6 e 38,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar un premio á mellor investigación científica realizada na Comunidade Autónoma de Galicia no eido do VIH e doutras ITS publicada en 2015.

A través desta convocatoria preténdese fomentar e difundir a investigación galega sobre o VIH e outras ITS, así como recompensar publicamente o labor que as persoas investigadoras veñen realizando a prol da mellora da esperanza e calidade de vida das persoas afectadas.

A contía do premio ascende a tres mil euros (3.000,00 €) para a primeira persoa asinante do artigo científico. Así mesmo, entregarase un certificado acreditativo da concesión do premio á/ás persoa/s autora/s do traballo. Estes premios son compatibles con calquera premio, subvención ou axuda para a mesma finalidade.

Para calquera dúbida con respecto a esta orde pode enviarse un correo electrónico a plan.vih.its@sergas.es ou chamar ao 881 54 29 96.

Artigo 2. Orzamento e normativa reguladora

1. Para financiar o premio está previsto un crédito de tres mil euros (3.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 1102.413A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2016.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (de agora en diante Lei 30/1992, do 26 de novembro), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (de agora en diante Lei 9/2007, do 13 de xuño), e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento (de agora en diante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

Artigo 3. Persoas destinatarias

A persoa destinataria deste premio é a primeira persoa asinante dun artigo científico publicado en 2015 (aínda que deberá pedir autorización do resto dos/das autores/as para presentarse a esta convocatoria) que describa unha investigación que verse sobre o VIH ou outra ITS no ámbito das ciencias da saúde, sociais, xurídicas, da educación ou da comunicación en Galicia, sen prexuízo de que todas as persoas autoras do artigo reciban cadanseu certificado acreditativo da concesión do premio ao artigo gañador.

Artigo 4. Requisitos dos artigos

1. Versarán sobre a investigación científica en calquera eido da infección polo VIH e/ou outras ITS como a prevención, asistencia sanitaria, asistencia social, investigación básica, comunicación, etc.

2. Soamente se aceptarán artigos publicados en revistas científicas en 2015.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. A documentación que se debe entregar é:

– Solicitude axustada ao modelo que se inclúe como anexo I nesta orde.

– Artigo publicado no ano 2015.

– Documento que acredite a autorización dos/das demais autores/as para presentarse a esta convocatoria.

– Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Axencia Tributaria de Galicia, só no caso de que denegue expresamente a súa consulta.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O enderezo de envío das solicitudes en papel é a Secretaría da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Dirección Xeral de Saúde Pública, Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703, Santiago de Compostela, A Coruña.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación da solicitude

O prazo máximo para entregar a documentación é un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (de agora en diante DOG), sen prexuízo da súa publicación na web da Consellería de Sanidade e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Emenda da solicitude

A unidade administrativa da Dirección Xeral de Saúde Pública, responsable da tramitación do procedemento de concesión deste/s premio/s, comprobará que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos.

Se unha solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase a persoa solicitante para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

A presentación da solicitude de concesión do premio pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 9. Condicións xerais de participación

1. A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo. Os seus efectos rexeranse polo establecido no seu articulado e, no seu defecto, pola normativa xeral que lles sexa de aplicación.

2. Así mesmo, as persoas participantes autorizan a Consellería de Sanidade para difundir nos medios que considere máis adecuados o/os título/s do/dos artigo/s gañador/es e a identidade das persoas responsables da súa autoría.

Artigo 10. Criterios de valoración

Para valorar as solicitudes presentadas, a comisión de valoración axustarase aos seguintes criterios:

A calidade científico-técnica do artigo: 0-20 puntos.

O impacto positivo da investigación na esperanza e calidade de vida das persoas afectadas: 0-20 puntos.

O éxito da investigación no cambio de actitudes en persoas con prácticas de risco para as ITS: 0-15 puntos.

Realizar a investigación en grupos de elevada prevalencia de ITS: 0-10 puntos.

Aspectos innovadores na abordaxe da investigación: 0-10 puntos.

O carácter multidisciplinar da investigación: 0-10 puntos.

A mellora do coñecemento e da efectividade e eficiencia das actividades desenvolvidas polo Plan galego anti VIH/sida e outras ITS: 0-5 puntos.

Artigo 11. Instrución e comisión de valoración

1. Instrución:

1.1. A unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión será a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para conseguir a documentación obrigatoria completa ao longo da instrución.

1.2. A instrución iniciarase de oficio coa publicación desta convocatoria no DOG segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Comisión de valoración:

2.1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha comisión que avaliará as solicitudes presentadas polas persoas interesadas, segundo os criterios establecidos nesta orde.

2.2. A dita comisión levantará a acta de todas as reunións en que se constitúa para valorar as solicitudes presentadas.

2.3. A comisión de valoración poderá requirirlles ás persoas interesadas información ou documentación adicional que non estea en poder da Administración e que teña relevancia e relación directa coa avaliación das solicitudes.

2.4. Finalmente, a comisión de valoración elaborará un informe no cal, de xeito motivado, dará conta das solicitudes presentadas, das excluídas e da puntuación acadada polas solicitudes admitidas para valoración. Á vista do dito informe, a comisión de valoración formulará a correspondente proposta de resolución de concesión, así como a proposta de denegación do resto das solicitudes. A dita comisión poderá propor que se declare deserto ou conceder 2 premios compartidos a partes iguais.

2.5. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza de secretario/a e, polo menos, a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non pode asistir, delegarase na persoa que, para o efecto, designe o/a titular.

2.6. A comisión de valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativo aos órganos colexiados.

2.7. A comisión avaliadora está composta polos seguintes membros:

Presidente/a: persoa que teña a titularidade da Dirección Xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: unha persoa técnica do Plan galego anti VIH/sida e outras ITS.

Vogais: unha persoa representante de cada unha das seguintes entidades: Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), Bibliosaúde, Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía (Consellería de Sanidade), Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida (Sogaisida) e dunha organización non gobernamental (ONG) vinculada ao eido do VIH e doutras ITS.

Na composición dos membros da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

3. Resolución:

A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública, á vista da proposta formulada pola comisión de valoración, ditará as oportunas resolucións de concesión ou denegación do/dos premio/s, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación de persoa/s investigadora/s a que se lle concede/n o/os premio/s e á/ás que se lle/lles denegue/n, con indicación da norma reguladora, a súa correspondente contía e as causas de denegación, de ser o caso.

Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Prazo de resolución

1. Establécese un prazo máximo de 2 meses, contado desde o día seguinte á data de remate de presentación de solicitudes, para a emisión da resolución de concesión do/dos premio/s.

2. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 13. Notificación, publicación e entrega de premios

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez (10) días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A notificación de forma individualizada do/dos premio/s concedido/s farase sen prexuízo da súa publicación no DOG e igualmente na páxina web da Consellería de Sanidade, de conformidade co establecido nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución definitiva, a/as persoa/s investigadora/s proposta/s como beneficiaria/s disporá/n dun prazo de dez (10) días para aceptala, presentando a correspondente declaración de aceptación ou renuncia do premio concedido segundo os modelos dos anexos II e III. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. A concesión dos premios terá lugar no transcurso dun acto público que se celebrará con motivo do Día Mundial da Sida o 1 de decembro de 2016.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións comerciais e económicas con terceiros» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral@sergas.es

Artigo 15. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, as persoas investigadoras poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ante a Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á persoa interesada ou, no caso de silencio, a partir do día seguinte ao remate do prazo fixado no artigo 15.1 para a resolución das solicitudes.

2. Igualmente, procederá interpor directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Tendo en conta a natureza e obxecto desta orde, e naquilo que lle resulte de aplicación no relativo a esta materia, rexerá o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Revogación e reintegro do premio

No que lle resulte de aplicación no relativo a esta materia, rexerá o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En todo caso, o incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro por parte da persoa interesada, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file