Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42141

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 23 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o Premio de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

BDNS (Identif.): 316628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiaria

A persoa destinataria deste premio é a primeira persoa asinante dun artigo científico publicado en 2015 (aínda que deberá pedir autorización do resto dos/das autores/as para presentarse a esta convocatoria) que describa unha investigación que verse sobre o VIH ou outra ITS no ámbito das ciencias da saúde, sociais, xurídicas, da educación ou da comunicación en Galicia, sen prexuízo de que todas as persoas autoras do artigo reciban cadanseu certificado acreditativo da concesión do premio ao artigo gañador.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar un premio á mellor investigación científica realizada na Comunidade Autónoma de Galicia no eido do VIH e doutras ITS publicada en 2015.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o Premio de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

Cuarto. Importe

Para financiar o premio está previsto un crédito de tres mil euros (3.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 1102.413A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2016.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo máximo para entregar a documentación é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2016

Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade