Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42160

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 1 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 316561.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias as organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións a cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002 segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Segundo. Obxecto

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 1 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

A distribución desta efectúase de forma que o 85 % do seu importe se repartirá a partes iguais, e o 15 % restante se repartirá en función do emprego da lingua galega na realización de actividades subvencionables.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias