Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42162

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2016 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala técnica, categoría de intendente principal, dos corpos da policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso a categoría de intendente principal da policía local, conforme as seguintes bases:

– Obxectivos.

Actualizar na normativa vixente e de aplicación directa no traballo policial o alumnado.

Desenvolver a súa capacidade de liderado, coñecendo os recursos dispoñibles para levar a cabo unha dirección de equipos eficaz e motivadora.

Aumento da capacidade de comunicación.

– Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de intendente principal, e que non realizasen este curso.

– Inscrición.

A inscrición dos/as participantes será totalmente gratuíta.

– Prazas.

Sen límite.

– Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que estean nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de setembro de 2016.

– Duración e contido.

O curso ten unha duración de 200 horas.

Conforme o establecido nos artigos 38.4 e 39.3 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Academia homologaralle ao alumnado os cursos realizados cuxos programas, duración e contido o permitan.

O contido deste curso versará sobre habilidades de mando, estratexias directivas, comunicación externa e protocolo, xestión administrativa, ademais da presentación dun proxecto directivo.

A presentación do proxecto directivo realizarase o día 6 de outubro de 2016, ás 12.00 horas.

– Certificado.

A Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de policía local.

– Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de setembro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública