Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43675

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se veda a pesca nas augas encoradas do encoro de Vilagudín.

Antecedentes.

Con data do 16 de setembro de 2016, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña propón a veda das augas encoradas do encoro de Vilagudín. A proposta fundaméntase na mortaldade producida en aves acuáticas que, tendo en conta o cadro clínico observado nos animais vivos, a súa evolución, a variabilidade da dieta das especies afectadas, a época do ano e a climatoloxía deste verán fan pensar nunha intoxicación.

Co fin de protexer e evitar afeccións á fauna ictícola no encoro de Vilagudín e o feito de que nel se autoriza a pesca durante todo o ano, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña propón a veda de todas as especies no encoro de Vilagudín.

Consideracións legais.

Esta dirección xeral é competente para a adopción de medidas excepcionais de conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no artigo 48 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo vedar a pesca nas augas encoradas do encoro de Vilagudín.

A resolución que anule a presente veda estará condicionada ata poder coñecer e avaliar as posibles causas do episodio e o seu impacto final sobre a fauna silvestre e o estado ecolóxico no medio afectado. No caso de ser preciso, a veda manterase ata a entrada en vigor da normativa de pesca fluvial da tempada 2017.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza