A Orde do 25 de abril de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 93, do 18 de maio, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN201I).
No artigo 1.3, parágrafo segundo, do anexo I-Bases reguladoras, establécese a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.
O artigo 18.1 do anexo I-Bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, en orixinal ou copia compulsada, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto da subvención, para o que terá de prazo ata o 31 de outubro de 2016.
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión por parte dos concellos beneficiarios, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 18.1 do anexo I da orde, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos beneficiarios.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Modificación do artigo 18.1 do anexo I da Orde do 25 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN201I).
O primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, en orixinal ou copia compulsada, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, para o que terá de prazo ata o 18 de novembro de 2016».
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2016
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria