Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 9.6.2016 a Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 26.5.2016, ante a notaria María Isabel Louro García, co número de protocolo 635, por Delfín Campos Castro e Fernando Villarino Rodríguez que actúan no seu nome propio e dereito.
Terceiro. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten o obxectivo de atender adultos e nenos dependentes neurolóxicos e os seus familiares, atendendo de forma individual cada caso. Valórase e trátase cada persoa e familia utilizando unha metodoloxía multidisciplinar, personalizada e participativa (tanto para o paciente como a familia).
Búscase, así, potenciar e desenvolver habilidades que favorezan a autonomía da persoa, potenciar estratexias terapéuticas para a recuperación ou a compensación funcional e reducir o impacto social da discapacidade e/ou dependencia no individuo e na familia.
Ademais, ofrécese formación e asesoramento a familiares e coidadores en todo o referente ao manexo de cada persoa e ao seu cadro neurolóxico, así como aos problemas que poidan encontrar na súa vida diaria.
Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, a identificación dos membros do padroado e os estatutos.
Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, os fins e actividades para a consecución dos seus fins, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, así como a designación do padroado inicial.
Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Delfín Campos Castro como presidente, Fernando Villarino Rodríguez como vicepresidente, Sandra Quintana Caseiro como secretaria e Cristina López González como vogal.
Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Sanidade.
Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de xullo de 2016, clasificouse de interese sanitario a Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade, da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, polo que,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.
Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como a demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.
Contra esta resolución, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2016
Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade