Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP, en colaboración coa Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., convoca unha xornada sobre a Administración pública ante o reto do BIM-Building Information Modeling, conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
Entre os obxectivos principais desta xornada podemos destacar os seguintes:
– Explicar a importancia da metodoloxía BIM nos proxectos de construción. Melloras e aforros.
– Presentar a Estratexia nacional BIM do Goberno.
– Coñecer as experiencias BIM na Administración pública.
– Debater sobre estratexias de implantación.
2. Contidos.
Trataranse, entre outros, os seguintes temas:
– Que é o BIM?
– Iniciativa EsBIM do Ministerio de Fomento.
– BIM na Administración pública.
– A xestión do proxecto na contorna BIM.
3. Destinatarios.
Esta xornada está principalmente dirixida, e terá preferencia no proceso selectivo, ao persoal de dirección e técnicos funcionarios ou contratados pola Xunta de Galicia co seguinte perfil:
– Directivos con responsabilidade na xestión de proxectos de construción.
– Arquitectos e arquitectos técnicos.
– Enxeñeiros e enxeñeiros técnicos.
Non obstante, estará aberta a inscrición a técnicos en xeral das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, a persoal das entidades do sector público, profesionais e persoas interesadas en xeral.
4. Desenvolvemento.
Lugar: EGAP, salón de actos, rúa Madrid 2-4, Santiago de Compostela.
Data: 6 de outubro de 2016.
Horario: mañá.
Duración: 4 horas lectivas.
5. Número de prazas.
Limitado pola capacidade do local.
6. Inscrición.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/
O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 3 de outubro de 2016.
Poderá obterse calquera outra información desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.
7. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
8. Certificado de asistencia oficial.
Ao final da xornada expediráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública