O Regulamento delegado (UE) 2016/1612 da Comisión, do 8 de setembro de 2016, polo que se establece unha axuda para a redución da produción leiteira, establece a concesión de axudas destinadas exclusivamente á redución das entregas de leite de vaca.
Conforme se dispón no artigo 4 do citado Regulamento (UE) 2016/1612 da Comisión, os Estados membros notificarán as autorizacións aos solicitantes no prazo dos sete días hábiles seguintes á data límite de recepción das solicitudes prevista no artigo 2, número 2, sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 4, no suposto de que se supere o volume total máximo previsto para esta liña de axuda.
A Comisión Europea comunicou aos Estados membros que o volume agregado obxecto de todas as solicitudes de axuda recibidas non superou o volume total máximo de redución.
De conformidade co exposto, e recibidas as solicitudes de axuda para a redución da produción leiteira para o primeiro período de redución, correspondente aos meses de outubro, novembro e decembro de 2016,
RESOLVO:
Primeiro. Comunicación da aceptación das solicitudes de axuda
Notificar aos interesados que figuran na relación que figura na sede electrónica do Fondo Galego de Garantía Agraria (http://mediorural.xunta.gal/fogga/) que as súas solicitudes de axuda foron admitidas polo volume de litros que solicitaron.
En todo caso, esta aceptación está condicionada á verificación administrativa do cumprimento de todos os requisitos formais previstos no Regulamento (UE) 2016/1612.
Segundo. Presentación da solicitude de pagamento
Os interesados que figuran na devandita relación deberán presentar a solicitude de pagamento no prazo de 45 días naturais desde a data de finalización do período de redución.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2016
Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria