Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45488

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se regula o procedemento de cobertura temporal de postos de persoal funcionario sanitario da escala de saúde publica e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

Por Resolución conxunta do 17 de abril de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, publicouse o pacto asinado pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de determinados postos de traballo de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria con destino na Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e no Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 83, do 2 de maio).

Nos últimos anos téñense implementado melloras importantes na xestión dos procesos de selección e provisión competencia deste centro directivo, coa posta en marcha do sistema de información Fides/expedient-e que permitiu dotar a selección de persoal estatutario temporal dunha maior simplicidade e axilidade na súa tramitación, á vez que reforzou os principios de publicidade e seguridade xurídica, e que cómpre facer extensivas ao colectivo de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, cuxa xestión é tamén competencia deste centro directivo.

Por canto antecede, ao abeiro das competencias atribuídas polo artigo 18 do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde e logo de negociación coa representación legal do persoal nos termos do título VII, capítulo II da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, esta dirección xeral acorda establecer un novo procedemento de cobertura temporal de postos de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), que se efectuará consonte a seguinte regulación:

I. Normas xerais.

I.1. Obxecto.

Esta resolución establece e regula o procedemento de selección das persoas aspirantes, a través de listas elaboradas consonte baremo así como a xestión de chamamentos para a cobertura con carácter temporal dos postos de traballo de persoal funcionario sanitario da escala de saúde publica e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro.

I.2. Ámbito de aplicación.

A regulación contida na presente resolución aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas clases de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, cuxa xestión é competencia da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

II. Selección das persoas aspirantes.

II.1. Ámbito de inscrición.

Para a cobertura temporal de postos reservados a persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Lei 17/1989, do 23 de outubro, elaborarase unha única lista, por cada un dos colectivos profesionais que a continuación se indican, que terá ámbito de comunidade autónoma.

– Clase de inspector/a médico/a.

– Clase de inspector/a farmacéutico/a.

– Clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública.

– Lista xeral de licenciado/a sanitario/a: licenciado en Medicina e Cirurxía, licenciado en Farmacia, licenciado en Ciencias Químicas, licenciado en Ciencias Biolóxicas, licenciado en Psicoloxía.

– Clase de subinspector/a sanitario/a.

– Clase de ATS/DUE.

II.2. Baremo aplicable.

A ordenación das persoas aspirantes na lista efectuarase consonte a prelación que resulte da aplicación do seguinte baremo:

a) Experiencia profesional.

a.1) Por cada mes completo de servizos prestados en postos da mesma clase á que opta na Administración da Xunta de Galicia ou en postos, prazas ou funcións de corpos homólogos noutras administracións sanitarias de España ou resto de UE/Suíza e Espazo económico europeo: 0,15 puntos.

Na lista xeral de licenciado/a sanitario/a terán a consideración de servizos prestados na mesma clase os prestados indistintamente nas clases de licenciado/a en Medicina e Cirurxía, licenciado/a en Farmacia, licenciado/a en Ciencias Químicas, licenciado/a en Ciencias Biolóxicas e licenciado/a en Psicoloxía.

a.2) Por cada mes completo de servizos prestados en clase distinta á que opta, de inscrición compatible, na Administración da Xunta de Galicia ou en postos, prazas ou funcións de corpos homólogos noutras administracións sanitarias de España ou resto de UE/Suíza e Espazo económico europeo: 0,075 puntos.

A puntuación máxima que se conseguirá nesta epígrafe será de 40 puntos.

b) Coñecemento do idioma galego.

Valorarase nesta epígrafe o coñecemento polos/as aspirantes do idioma galego no nivel Celga 4 ou equivalente conforme certificación oficial regulada na Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), segundo modificación efectuada pola Orde do 10 de febreiro de 2014, cunha puntuación de 5 puntos.

A aqueles aspirantes das clases de inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública e subinspector/a sanitario/a que non estean en posesión do diploma acreditativo do coñecemento do idioma galego Celga 4 ou equivalente e participasen na última convocatoria de concurso oposición para o acceso á clase, efectuada polo Servizo Galego de Saúde, valoraráselles nesta epígrafe a puntuación acadada no exercicio de galego, superasen ou non este, coa ponderación que corresponda sobre o máximo de 5 puntos.

c) OPE.

Ás persoas aspirantes das clases de inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública e subinspector/a sanitario/a valoraránselles as cualificacións obtidas en cada un dos exercicios da fase de oposición, agás galego, do último proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde para a clase en que solicita a súa inscrición coa ponderación que corresponda sobre o máximo de 55 puntos.

A puntuación desta epígrafe obterase logo da suma das cualificacións obtidas polo/a aspirante no proceso selectivo multiplicado por 55 e dividido pola puntuación máxima acadable na fase de oposición.

Para estes efectos, entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

A asignación da puntuación correspondente a esta epígrafe efectuaraa de oficio a Administración, sen que a persoa aspirante deba presentar ningunha documentación acreditativa.

II.3. Desempate.

Os empates de puntuación que se poidan producir resolveranse pola seguinte orde:

Primeiro. A aspirante de sexo feminino con preferencia sobre o de sexo masculino, cando na categoría, corpo ou escala se dean as condicións de infrarrepresentación previstas no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Segundo. A persoa aspirante que acadase a maior puntuación na fase de oposición, naquelas clases que valoren este mérito no baremo.

Terceiro. A persoa aspirante que acredite maior puntuación na epígrafe de experiencia profesional.

Cuarto. O/a aspirante de maior idade.

Quinto. Pola letra vixente no resultado do sorteo para participar en procesos selectivos do ano natural anterior.

II.4. Procedemento de inscrición e elaboración das listas.

A inscrición das persoas aspirantes nas listas así como a súa elaboración efectuarase consonte o procedemento regulado nos números II.4.1 a II.4.4 da Resolución do 13 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño) ou disposición equivalente que o substitúa.

II.5. Requisitos das persoas aspirantes.

Poderán inscribirse nas listas que se elaboren en aplicación desta resolución as persoas interesadas que reúnan os seguintes requisitos:

a. Ter nacionalidade española ou algunha outra que, consonte o disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, permita o acceso ao emprego público.

b. Estar en posesión da titulación exixida ou estar en condicións de a obter.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para os efectos profesionais.

c. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No caso do persoal laboral, non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma clase á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

d. Ter cumpridos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

e. Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

Os requisitos deberán reunirse na data de formalización da inscrición e manterse no momento da formalización do oportuno nomeamento.

As persoas aspirantes poderán modificar os seus datos persoais a través de Fides/expedient-e (www.sergas.es), en calquera momento, producindo efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da data de modificación.

II.6. Baixa automática do persoal funcionario de carreira.

O persoal de novo ingreso, en virtude do remate dun proceso selectivo, será dado de baixa automaticamente como aspirante a nomeamentos temporais na clase en que adquire a condición de persoal funcionario de carreira.

II.7. Compatibilidade de listas.

Admitirase a compatibilidade de inscrición nas seguintes listas:

Bloque 1)

Inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a de saúde pública e licenciado sanitario.

Bloque 2)

Inspector/a médico/a e licenciado sanitario.

Bloque 3)

Subinspector/a sanitario/a e ATS/DUE.

III. Xestión de chamamentos.

III.1. Órgano competente.

O chamamento das persoas aspirantes será efectuado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

A formalización do nomeamento será efectuada por este mesmo órgano.

III.2. Procedemento.

III.2.1. Na xestión de chamamentos das persoas aspirantes respectaranse as disposicións contidas nos números III.2, III.3, III.4 e III.6 da Resolución do 13 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño) ou disposición equivalente que o substitúa.

III.2.2. Para o desenvolvemento de postos reservados na relación de postos de traballo ás clases de inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, subinspector/a sanitario/a ou ATS/DUE, efectuarase o chamamento ao aspirante que, pola orde lle corresponda, na lista respectiva.

III.2.3. Para a cobertura temporal dos postos abertos na relación de postos de traballo a distintas clases de persoal licenciado sanitario chamarase, pola lista xeral de licenciado sanitario, o primeiro aspirante ao cal lle corresponda segundo a orde de prelación, con independencia da titulación que este posúa, agás que polo contido funcional do posto que se vai cubrir resulte debidamente xustificado o seu desempeño por profesional dunha determinada titulación ou clase, suposto en que o chamamento se efectuará a favor do/da primeiro/a aspirante desta lista coa titulación solicitada ou da lista específica da clase que se requira.

III.2.4. Para a cobertura dos postos de persoal licenciado sanitario que, conforme a relación de postos de traballo só poidan ser ocupados por persoal da clase de licenciado en Medicina e Cirurxía, licenciado en Ciencias Biolóxicas, licenciado en Farmacia, licenciado en Ciencias Químicas ou licenciado en Psicoloxía, chamarase o primeiro aspirante da lista xeral de persoal licenciado sanitario que reúna o requisito de titulación exixido para o seu desempeño.

IV. Réxime de penalizacións.

Resultará de aplicación o réxime de penalizacións contido no punto IV da Resolución do 13 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño) ou disposición equivalente que o substitúa.

A referencia ás condutas constitutivas de falta grave e moi grave da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde substituirase polas contidas no título IX, capítulo II da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

V. Seguimento e control.

Corresponde á representación legal do persoal o seguimento e control do procedemento establecido na presente regulación. Para tales efectos, constituirase unha comisión de seguimento, de composición paritaria.

No exercicio das competencias de seguimento e control resultarán de aplicación os dereitos e garantías recoñecidos na normativa sobre órganos de representación de persoal.

Disposición transitoria

Mentres non se publiquen as listas de persoas aspirantes seleccionadas en aplicación dos criterios contidos na presente resolución, serán de aplicación respecto de cada clase e para os chamamentos que resulte necesario efectuar, as últimas listas confeccionadas e as normas de xestión contidas na regulación anterior correspondente.

O primeiro proceso de inscrición nas listas de selección temporal reguladas pola presente resolución formalizarase logo de anuncio no Diario Oficial de Galicia, no prazo do mes seguinte á súa publicación. Os sucesivos procesos de xeración efectuaranse consonte o procedemento regulado na norma II da Resolución do 13 de xuño de 2016 sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño) ou norma que o substitúa.

Disposición adicional

Se durante a vixencia da presente resolución o Servizo Galego de Saúde convoca un concurso-oposición para calquera das clases incluídas no seu ámbito de aplicación, o baremo incorporará a valoración das cualificacións obtidas polo/a aspirante no proceso, na porcentaxe que se indica no número II.2.

Da mesma forma, se durante a vixencia desta resolución se publicase no Diario Oficial de Galicia un novo baremo para os procesos de selección fixa que engada novos méritos distintos á experiencia profesional, este novo baremo aplicarase no seguinte proceso de xeración de listas da clase correspondente, nos mesmos termos, coa ponderación que resulte para cada unha das súas epígrafes sobre o máximo de 40 puntos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Resolución conxunta do 17 de abril de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto asinado pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de determinados postos de traballo de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria con destino na Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e no Servizo Galego de Saúde, e demais disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ao establecido na presente resolución, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos