Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45427

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de setembro de 2016 pola que se autoriza a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, do concello de Teo.

Os representantes da entidade Trisquel Compostela I.S., S.L., solicitan autorización de apertura e funcionamento dun centro docente para impartir as ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro.

A Embaixada dos Estados Unidos de América remite certificado temporal de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para un máximo de 50 postos escolares do nivel Elementary (de 6 a 12 anos), que se corresponden coa etapa de educación primaria do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro

1. Autorizar a apertura e funcionamento, con carácter temporal, do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

2. Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.

Denominación específica: Trisquel Compostela International School.

Código do centro: 15033058.

Domicilio: travesía de Cacheiras, 64.

Localidade: Cacheiras.

Código postal: 15883.

Concello: Teo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Trisquel Compostela I.S, S.L.

Ensinanzas que se autorizan temporalmente: nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Alumnado: español e estranxeiro.

Número de postos escolares: 50 (nivel Elementary).

Segundo. O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil e primaria.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Terceiro. O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Cuarto. A autorización temporal a que fai referencia o punto primeiro desta orde terá validez desde o 1 de setembro de 2016 ata o 31 de agosto de 2017, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Quinto. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria