Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45369

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

I

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade establece no artigo 1 o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade e atribúe a maior efectividade posible, no seu eido de competencias, ao principio constitucional de igualdade de oportunidades entre as persoas de ambos os sexos, de conformidade coas obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia. Entre estas obrigas figura a de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade da persoa e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, así como remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude. Tamén establece o citado decreto lexislativo no artigo 5.2 que un dos criterios xerais de actuación da Xunta de Galicia para a aplicación do principio de transversalidade é o fomento da colaboración entre os diversos suxeitos implicados na igualdade de oportunidades, entre os cales menciona os suxeitos públicos de ámbito local.

O Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, que agora se derroga coa aprobación deste decreto, creou un marco de regulación e acreditación destes centros para os efectos de poder ser beneficiarios da actividade de fomento da Xunta de Galicia, e configurounos como un servizo de titularidade da Administración local.

No período de tempo transcorrido desde a entrada en vigor do citado Decreto 182/2004, os centros de información ás mulleres (en diante CIM) reveláronse como instrumentos dunha importancia decisiva no ámbito local na promoción da igualdade de xénero grazas ás actividades que desenvolven e, por outra parte, prestaron unha atención inestimable ás persoas que demandaron o servizo, principalmente nos ámbitos xurídico, psicolóxico e de información de acceso aos recursos dispoñibles. Dentro da atención prestada merece destacar especialmente a das mulleres en situación de vulnerabilidade por diversos motivos e, en concreto, o servizo prestado a mulleres que foron vítimas de violencia de xénero ou que se atopaban en risco de seren potenciais sufridoras desa situación. Deste xeito os CIM convertéronse en ferramentas decisivas na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra esta praga social desde unha relación de proximidade e atención directa.

Os cambios na realidade social producidos durante a vixencia do anterior decreto, a experiencia da xestión cotiá dos procedementos de recoñecemento e acreditación e de extinción do recoñecemento e as modificacións normativas operadas, fan aconsellables nuns casos, e exixen directamente noutros, a modificación dos requisitos para a acreditación dos CIM.

II

Este decreto configura os CIM como un conxunto de recursos das entidades locais, desde os cales se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Os CIM atenderán todas as mulleres que o demanden, así como calquera persoa, sexa home ou muller, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero.

Na redacción dos contidos deste decreto tivéronse en conta as achegas das entidades locais e, en concreto, do persoal dos CIM, que foron recollidas, por unha parte, durante os anos de relación na xestión administrativa entre estes centros e o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, por outra, nos tramites de audiencia e de información pública abertos durante a tramitación deste decreto.

Entre as principais novidades que establece este decreto respecto ao que se derroga destacan as seguintes:

– Establécese o carácter prioritario dentro da acción dos CIM das actividades de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero, así como a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais, a atención poderase estender ás fillas e fillos e ás persoas menores ou maiores dependentes delas coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas.

– Tamén será prioritaria a atención a mulleres pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.

– A Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia establece no artigo 8 que se apoiará un servizo de información, atención e asesoramento a lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais e ás súas familias e persoas achegadas, en colaboración cos gobernos locais. Neste sentido considérase adecuado utilizar a rede dos CIM con este obxectivo, xa que conta con persoal especializado nos ámbitos xurídico e psicolóxico e con experiencia na información no acceso aos diversos recursos dispoñibles.

– Establécese o principio de atención universal no ámbito territorial de prestación dos servizos dos CIM con independencia do concello de procedencia da persoa atendida, se ben, co obxecto de fomentar unha repartición máis xusta da carga económica e loxística de xestión dos CIM, establécese o recoñecemento explícito da posibilidade de formalizar convenios de colaboración entre as entidades locais e inclúese un mecanismo excepcional polo que as entidades interesadas poderían quedar exentas da atención a persoas procedentes de entidades locais que negasen reiteradamente a súa colaboración ao respecto.

– Establécese unha maior concreción nos requisitos funcionais, materiais e persoais con que deben contar os CIM, achegando así unha maior seguridade xurídica. Entre outras novidades neste aspecto, concrétase o número de horas de formación necesarias en materia de igualdade ou valórase como experiencia o traballo de voluntariado desenvolvido nesta materia en organismos públicos ou en entidades sen ánimo de lucro. Tamén se recoñece a posibilidade de desprazamentos fóra das instalacións do CIM para a prestación dos servizos propios dos centros, que se computarán como horas de traballo efectivo.

– Desenvólvense e concrétanse os procedementos de recoñecemento e acreditación, modificación e extinción do recoñecemento dos CIM solucionando algunhas eivas detectadas na xestión cotiá dos procedementos.

– Créase a Rede CIM como un instrumento de colaboración e compartimento de información entre os CIM, na cal tamén participará o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, principalmente cunha función de soporte e coordinación.

– Recoñécese o dereito de queixa sobre o funcionamento dun CIM que afecte os requisitos de funcionamento establecidos neste decreto, coa obriga de contestación á persoa interesada.

Ademais, froito das modificacións lexislativas que tiveron lugar no ano 2015, relativas á consideración das e dos menores fillas/os das mulleres vítimas da violencia de xénero, ou suxeitos á súa tutela ou garda e custodia, como vítimas directas tamén desta violencia, cómpre a modificación do artigo 2 do Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero para adaptalo ao disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, modificado pola Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Igualmente, e para flexibilizar o acceso das persoas usuarias ao Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, modifícase o artigo 8 do Decreto 1/2014 incluíndo unha nova letra.

III

O decreto consta de tres capítulos con vinte e catro artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O primeiro capítulo refírese ás disposicións xerais, o segundo aos requisitos que deberán reunir os CIM e o terceiro ao procedemento de recoñecemento e acreditación, modificación e extinción do recoñecemento destes centros. A disposición adicional establece a facultade de execución do decreto. A disposición transitoria regula o réxime temporal de aplicación do decreto antigo para os centros e para o persoal, a disposición derrogatoria pon fin á vixencia do citado Decreto 182/2004. A disposición derradeira primeira modifica o Decreto 1/2014 no sentido antes indicado e a disposición derradeira segunda establece a data de entrada en vigor.

De acordo co exposto, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do quince de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto a regulación dos requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do recoñecemento destes centros.

Artigo 2. Concepto e natureza dos centros de información á muller

1. Para os efectos do presente decreto enténdese por centros de información á muller (en diante CIM) aqueles recursos de carácter permanente desde os cales se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Os CIM poderán prestar atención e asesoramento a aquelas mulleres que o demanden, de forma individual ou colectiva, formando parte dun grupo ou asociación de mulleres, así como a calquera persoa, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero.

2. As actividades de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero, así como a atención ás mulleres vítimas desta violencia, serán prioritarias nos CIM. Nestes casos a atención, ademais de ás mulleres vítimas de violencia de xénero, poderase estender ás fillas e fillos e ás persoas menores ou maiores dependentes delas. Estas actuacións estarán dirixidas a reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas en todos os ámbitos.

3. Tamén será prioritaria a atención a mulleres pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.

4. Así mesmo, os CIM tamén poderán prestar información e asesoramento na súa área de influencia ao colectivo de persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais (en diante colectivo LGTBI), tanto individualmente como ás asociacións e federacións que o demanden.

5. Os CIM carecen de personalidade xurídica e a súa actividade constitúe un servizo prestado polas entidades locais de que dependan. A súa configuración poderá adoptar as seguintes modalidades en función da entidade de que dependan:

a) De titularidade municipal.

b) De titularidade de calquera das entidades locais recoñecidas na lexislación vixente sobre réxime local.

6. Sen prexuízo do establecido no número anterior, as entidades locais poderán asinar convenios de colaboración para a prestación conxunta do servizo do CIM de acordo coas condicións pactadas entre elas.

7. A obtención do recoñecemento dun CIM permitirá que a entidade de que dependa poida participar nas convocatorias de axudas convocadas polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou establecer convenios de colaboración con esta.

Artigo 3. Ámbito territorial de prestación dos servizos dos CIM

1. Os diferentes servizos que presten os CIM serán dispensados a calquera persoa usuaria que, individual ou colectivamente, os solicite, sen poder exixirse que teña a condición de persoa empadroada ou residente no concello ou ámbito territorial correspondente no caso de que proceda dun concello en que non existe este servizo.

No caso de que as persoas demandantes de atención procedan dalgún concello en que exista CIM, o persoal do centro a que acudan poderá derivar a atención ao servizo do concello de orixe, salvo que algunha circunstancia apreciada pola dirección do centro en que se demanda atención aconselle que sexan atendidas fóra do seu ámbito territorial.

2. Sen prexuízo do anterior, cando a persoa representante legal dunha entidade local considere que, de acordo coas estatísticas rexistradas, o número de persoas atendidas procedentes doutras entidades locais supera o 30 % respecto ao total, poderá instar a formalización do respectivo convenio de colaboración con esas entidades, co obxecto de recibir unha achega económica proporcional e, de ser o caso, compartir a xestión. De non formalizarse o convenio por causa imputable ás entidades das cales se demanda a colaboración e se esta circunstancia estiver debidamente acreditada, a entidade afectada poderá dirixirse ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, para que a exima da obriga de prestar atención a persoas procedentes do ámbito territorial das entidades que neguen a colaboración. No caso de que esta petición resulte favorable, só deberá prestar servizo de xeito excepcional a aquelas persoas dese ámbito territorial que xa estaban recibindo atención previamente, ata a finalización dos asuntos que se estaban tratando.

3. Os CIM tamén prestarán atención dentro do seu obxecto e funcións, sen as limitacións previstas neste artigo, ás persoas que a demanden que non estean empadroadas en ningún dos concellos de Galicia, ben procedan do resto do territorio español ben do estranxeiro.

4. O recoñecemento e acreditación dos CIM propios de entidades locais que non sexan concellos, ou que se establezan ao abeiro dun convenio de colaboración entre dúas ou máis entidades, exixirá necesariamente a extinción previa, con revogación da acreditación concedida, dos CIM xa existentes que estivesen prestando servizo na mesma área territorial correspondente a esas entidades locais. Así mesmo, o recoñecemento e acreditación dun CIM dunha entidade local suporá a exclusión desta da súa posible participación na prestación deste servizo de xeito agrupado con outras entidades locais.

Artigo 4. Principios de actuación

Serán principios informadores de actuación no exercicio de todas as funcións do CIM:

a) O respecto ao principio de confidencialidade por parte do persoal dos CIM, quen deberá garantir a privacidade das comunicacións, salvo manifestación de vontade en sentido contrario por parte das persoas usuarias.

No caso de que as persoas usuarias do CIM expresen o seu desexo de seren atendidas de forma anónima, o persoal do centro deberá respectar o anonimato da identidade destas, sen prexuízo dos requisitos de identificación que se establezan noutra normativa de ámbito autonómico, estatal ou comunitario.

b) O respecto á vontade das persoas usuarias na busca das posibles solucións e alternativas ás consultas expostas.

c) A prestación gratuíta de todos os servizos, que se ofertarán atendendo á vocación de servizo público.

d) Coordinación cos servizos sociais comunitarios e demais servizos municipais co obxecto de prestar unha mellor atención ás persoas usuarias e un exercicio máis eficaz das funcións propias do CIM.

e) A colaboración coas demais administracións públicas e, especialmente, co órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Funcións dos CIM

1. Os CIM, dentro do seu ámbito territorial e na súa área de influencia, poderán desenvolver as funcións e prestar os servizos que a continuación se relacionan:

a) Asesoramento xurídico e atención psicolóxica ás persoas e colectivos a que se refire o artigo 2.

b) Atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero e, de ser o caso, ás fillas, fillos e persoas menores ao cargo da muller vítima, ou maiores dependentes, facilitando o acceso aos recursos existentes na Comunidade Autónoma, incluíndo a xestión urxente cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que sexan oportunos.

c) Atención específica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade co obxectivo de mellorar a súa situación persoal, social ou laboral.

d) Información sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial e, se é o caso, área de influencia.

e) Difusión e sensibilización cidadá acerca da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes e da necesidade da consecución de igualdade de dereitos e de integración social do colectivo LGTBI.

f) Funcionamento como canle de comunicación entre as persoas usuarias e os distintos organismos que teñan competencias en materia de muller e igualdade e atención e integración do colectivo LGTBI.

g) Información sobre cursos, estudos e xornadas en materia de igualdade de oportunidades, tanto no ámbito de xénero como para o colectivo LGTBI e, en especial, difusión de actividades e servizos desenvolvidos polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Realización de conferencias, encontros, xornadas e cursos sobre temas de especial incidencia na consecución do principio de igualdade, tanto no relacionado co xénero como coa temática da diversidade sexual.

i) Actuacións de dinamización levadas a cabo por persoas expertas en xénero e igualdade, cara á integración da perspectiva de xénero nos programas e actuacións que desenvolve a entidade local, así como o establecemento de canles de comunicación e colaboración con outros axentes presentes no territorio e que poidan ser de interese para o desenvolvemento das actividades do centro no ámbito educativo, sanitario, etc.

j) Recepción de denuncias e queixas en materia de discriminación por razón de xénero ou por razón da identidade ou orientación sexual no ámbito da publicidade e nos medios de comunicación e traslado destas aos órganos competentes.

k) Fomento do asociacionismo e da participación das mulleres en todos os ámbitos.

l) Colaboración co órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles casos en que este órgano o demande para a atención ás persoas usuarias e para a promoción da igualdade de xénero, no exercicio das súas competencias.

m) Colaboración e coordinación con outras administracións públicas que poida redundar na mellora da atención ás persoas usuarias.

n) Impulso para a constitución e funcionamento das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero como mecanismo útil para a harmonización de todos os axentes e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero.

ñ) Fomento do asociacionismo do colectivo LGTBI e de actividades encamiñadas á súa integración efectiva en todos os ámbitos da vida social e económica.

o) Calquera outra actividade que se adecúe ao obxectivo prioritario da consecución da igualdade, sobre todo nos ámbitos laboral e social.

2. De conformidade co establecido no artigo 2, as funcións das letras b) e c), relativas á violencia de xénero e á atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, terán carácter prioritario na actividade dos CIM.

3. Con respecto ao exercicio das funcións establecidas neste artigo relativas ao colectivo LGTBI, o persoal do CIM terá en conta a posibilidade de derivación cando existan servizos ou centros públicos de titularidade municipal ou autonómica especializados nesta materia no mesmo termo municipal, ou na entidade local correspondente, sempre que a persoa que solicita atención cumpra cos requisitos necesarios para poder ser atendida no servizo ou centro a que se deriva e este poida, de acordo coas funcións que lle son propias, prestar a información ou asesoramento concreto que se demanda.

Artigo 6. A Rede CIM

Co obxectivo de poñer en marcha diferentes mecanismos e ferramentas que axuden a establecer estratexias de traballo colaborativo, compartir experiencias e boas prácticas e fomentar a cooperación institucional, os CIM integraranse nunha rede de colaboración e de uso conxunto da información denominada Rede CIM, na cal tamén participará o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Rede CIM contará cun logotipo que deberá publicarse na páxina web do órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e exhibirse nas instalacións dos CIM recoñecidos e acreditados e na produción documental destes.

CAPÍTULO II
Dos requisitos que deberán reunir os CIM

Artigo 7. Dos recursos materiais

1. O CIM deberá situarse preferentemente nunha zona accesible, ben comunicada e dotada de servizos dentro do municipio que o acolla.

2. O local disporá dun ou varios despachos para as consultas, en función da necesidade derivada do horario e servizos ofertados ás persoas usuarias. Non obstante o anterior, o asesoramento xurídico e psicolóxico ás persoas usuarias do CIM será dispensado sempre nun despacho independente e que reúna as condicións necesarias para garantir a privacidade das comunicacións e, preferentemente, illado do resto dos servizos que poidan ser prestados nas dependencias onde radique o centro.

3. Todos os locais onde se realicen as actividades propias do CIM deberán adecuarse ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade previstas na lexislación vixente que lles sexan aplicables. Así mesmo, deberán cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e de eliminación de barreiras.

4. Os CIM deberán dispoñer, para o seu uso exclusivo, dos medios técnicos e tecnolóxicos suficientes para poderen desenvolver as súas funcións, así como para a utilización, tratamento e xestión da aplicación informática de xestión, para os efectos da consignación de cantos datos resultaren do funcionamento do centro, contando, así mesmo, con teléfono, acceso á internet e unha conta de correo electrónico propia. Igualmente, deberán dispoñer do material funxible suficiente para o desenvolvemento das funcións que lles corresponden.

5. No caso de que sexa necesario o desprazamento regular do persoal a lugares diferentes das instalacións acreditadas, ademais da documentación exixida no artigo 22.1, deberase garantir a atención en condicións de privacidade e cumprir os mesmos requisitos establecidos nos números 2 e 3 deste artigo.

Artigo 8. Dos requisitos funcionais

1. Os CIM deberán respectar os dereitos que legalmente correspondan ás persoas usuarias.

2. Os CIM permanecerán abertos de luns a venres, e establecerán un horario de atención ao público mínimo de cinco horas diarias, das cales polo menos dúas serán en xornada de mañá. Os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica deberán ofrecerse ás persoas usuarias durante un mínimo de dez horas semanais cada un.

No caso de que sexa necesario o desprazamento do persoal do CIM, o horario de prestación de servizos fóra das instalacións do centro tamén será computable para os efectos do cumprimento dos horarios mínimos.

3. O CIM expoñerá nun lugar visible o horario de atención ao público, especificando os días e intervalo horario en que se prestan os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica. De calquera modificación de horarios darase conta ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os CIM deberán procurar a formación continua do persoal ao seu cargo nas materias relacionadas co seu obxecto e funcións, co fin de garantir o seu correcto funcionamento e a prestación dun servizo de calidade. A Xunta de Galicia impulsará a organización e impartición de cursos de formación orientados ao persoal dos CIM en materias relacionadas coas súas funcións. Para tal efecto, deberase facilitar e permitir a asistencia do persoal a cantas actuacións de coordinación, cursos de formación, xornadas e seminarios organice a Xunta de Galicia que teñan unha relación directa e clara coa súa actividade e funcións.

Artigo 9. Convenios de colaboración entre entidades locais

Cando varias entidades locais pretendan que un CIM preste o servizo no seu ámbito territorial en virtude dun convenio, será requisito para o seu recoñecemento e acreditación que o convenio mediante o cal se instrumente a colaboración entre aquelas entidades se axuste, dentro do respecto á normativa vixente, aos contidos mínimos recollidos no modelo de convenio marco para a prestación conxunta de servizos aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 1 de marzo de 2012 ou, de ser o caso, naquel modelo que o substitúa. Os concellos, dentro da súa autonomía, poderán adaptar este convenio ás súas necesidades.

Artigo 10. Dos recursos humanos

1. Os CIM deberán contar, como mínimo, co seguinte persoal cualificado:

a) Directora/or: será a persoa encargada da organización, control e xestión do CIM. Para tal efecto velará polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias, en especial, aqueles a que especificamente se refire o artigo 4. Deberá posuír unha titulación universitaria de grao ou titulación equivalente, preferentemente da área de ciencias xurídicas e sociais ou da área de ciencias da saúde.

Así mesmo, deberá acreditar formación en materia de igualdade por razón de xénero e experiencia nalgún dos seguintes eidos: igualdade de oportunidades por razón do xénero ou da diversidade sexual, desenvolvemento comunitario, voluntariado e dinamización social ou de grupos. En todo caso, o seu perfil axustarase ás funcións descritas no artigo 11.

A prestación do servizo de dirección abranguerá todo o horario de apertura do CIM e requirirá a presenza habitual nas instalacións, agás os desprazamentos necesarios por razón das funcións propias da dirección. Sen prexuízo do anterior, no caso de que a vinculación da directora ou director coa entidade local sexa funcionarial ou laboral, o requisito anterior tamén se entenderá cumprido se o servizo se presta a xornada completa e durante o tempo máximo diario establecido na norma aplicable, con independencia de que o CIM poida permanecer aberto para asesoramento xurídico ou psicolóxico nun horario máis amplo.

b) Asesora/or psicolóxica/o: deberá posuír titulación de grao, ou titulación equivalente, en Psicoloxía, e contar con formación e experiencia en temas relacionados coa igualdade de oportunidades por razón do xénero.

c) Asesora/or xurídica/o: deberá posuír titulación de grao, ou equivalente, en Dereito e contar con formación e experiencia en temas relacionados coa igualdade de oportunidades por razón do xénero.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións os CIM poderán contar, ademais, co persoal técnico de apoio ou persoal administrativo que se considere conveniente.

3. A formación acreditarase mediante a xustificación de ter realizado polo menos 200 horas de actividades formativas relacionadas coa igualdade de oportunidades, e a experiencia coa acreditación de ter traballado en entidades públicas ou privadas, ou de ter realizado voluntariado nalgunha das entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na sección I (entidades de acción voluntaria).

Cando neste artigo se fai referencia á formación en materia de igualdade por razón de xénero, experiencia en igualdade de oportunidades por razón do xénero ou formación e experiencia en temas relacionados coa igualdade de oportunidades por razón do xénero, débese entender incluída a formación e/ou a experiencia en materia de violencia de xénero.

4. O asesoramento xurídico e a atención psicolóxica serán compatibles coas funcións de dirección.

5. A prestación de servizos no CIM por parte de calquera persoa física ou xurídica ao abeiro dunha relación funcionarial, laboral, mercantil, administrativa ou de calquera outro tipo, será incompatible co exercicio de calquera cargo, profesión ou actividade que poida impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ao servizo do CIM, a súa imparcialidade ou independencia, así como o cumprimento dos principios establecidos no artigo 4.

Sen prexuízo do anterior, será incompatible para calquera persoa física ou xurídica a prestación de servizos no CIM coa realización de actividades profesionais de atención psicolóxica ou asesoramento xurídico con respecto ás persoas usuarias do servizo. Ademais, no caso do asesoramento xurídico, tampouco se poderá realizar esta actividade a favor de persoas con que as persoas usuarias manteñan unha relación litixiosa, se esta situación implica a vulneración do establecido no parágrafo primeiro deste número.

6. O traballo que desenvolverá cada profesional que integre os CIM axustarase ao preceptuado no artigo 5. Para tal efecto corresponderalles desenvolver as funcións establecidas nos artigos 11, 12 e 13.

Artigo 11. Funcións da directora ou director do CIM

As funcións da persoa que exerza a dirección do CIM, nos termos establecidos nos artigos 5 e 10 do presente decreto, serán as seguintes:

a) Coordinación da atención específica a mulleres vítimas de violencia de xénero, poñendo á súa disposición os recursos existentes na Comunidade Autónoma a través da xestión urxente dos servizos policiais, sanitarios, xudiciais e sociais que sexan oportunos.

b) Coordinación da atención específica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

c) Información sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial.

d) Organización, xestión e seguimento de conferencias, encontros, xornadas, exposicións ou cursos.

e) Divulgación e sensibilización da problemática das mulleres impartindo charlas, conferencias, participando en medios de comunicación, etc.

f) Información e asesoramento ao colectivo LGTBI encamiñada á integración e á igualdade de oportunidades das persoas que o integran en todos os ámbitos.

g) Información sobre cursos, estudos e xornadas que se programen no seu ámbito territorial, así como sobre as actividades e servizos desenvolvidos polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Organización de exposicións e xestión de programas.

i) Fomento do asociacionismo e a participación cidadá das mulleres e do colectivo LGTBI.

j) Recepción, canalización e tramitación de denuncias en materia de discriminación por razón de xénero ou por razón da identidade e a orientación sexual no ámbito da publicidade e os medios de comunicación.

k) Coordinación, de ser o caso, do centro de documentación.

l) Coordinación con outros servizos pertencentes a outras institucións públicas ou privadas.

m) Elaboración e supervisión de memorias e informes.

n) Promoción da formación continua do persoal dependente do CIM nas materias relacionadas co obxecto e funcións do centro.

ñ) Comunicación ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dos datos relativos ao funcionamento do centro e da súa variación e achega da documentación que corresponda, así como achega da información demandada ao abeiro das letras l) e m) do artigo 5 deste decreto.

o) Atención individualizada e seguimento ás persoas usuarias mediante o asesoramento persoal, telefónico ou por escrito.

p) Realización de calquera outra actividade que favoreza a consecución do principio de igualdade.

q) Calquera outra función inherente á condición de directora/or do CIM.

Artigo 12. Funcións de asesoramento psicolóxico

As funcións da persoa que exerza o asesoramento psicolóxico do CIM serán as seguintes:

a) Atención psicolóxica.

b) Realización de valoracións e orientacións psicolóxicas, así como a emisión dos informes que se consideren pertinentes.

c) Intervención individual.

d) Realización de informes psicolóxicos naqueles supostos en que sexan solicitados por organismos públicos.

e) Realización de prácticas de grupo e talleres de autoestima.

f) Participación nas actividades do CIM.

g) Colaboración na elaboración de memorias e documentos.

h) Calquera outra función que, dentro do seu ámbito de actuación, lle encomende a persoa que exerce a dirección do CIM

Artigo 13. Funcións de asesoramento xurídico

As funcións da persoa que exerza o asesoramento xurídico no CIM serán as seguintes:

a) Información e asesoramento xurídico.

b) Colaboración na elaboración de memorias e documentos.

c) Calquera outra función que, dentro do seu ámbito de actuación, lle encomende a persoa que exerce a dirección do CIM.

Artigo 14. Actualización de datos e colaboración na achega de información á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os CIM deberán manter actualizados os seus datos identificativos, así como os relativos ao persoal e os horarios, utilizando a aplicación informática establecida ao respecto.

Por outra parte, tamén deberán manter actualizados na mesma ferramenta informática os datos referentes ás consultas e actividades que se realicen.

2. Os CIM deberán ter finalizada a introdución de cantos datos sexan necesarios para a confección dunha memoria anual do centro na data límite do 31 de xaneiro do ano seguinte a que se refira a memoria, segundo o modelo facilitado na aplicación informática dispoñible. A memoria anual deberá ser remitida ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia antes do 15 de febreiro do ano seguinte, ou día hábil posterior se este for inhábil, agás nos casos en que, a xuízo deste órgano, sexa suficiente coa súa consulta polo persoal habilitado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na aplicación informática.

No caso de que o CIM desexe entregar documentación ou arquivos complementarios que non se poidan incorporar á aplicación, ou que se desexe utilizar un formato de presentación diferente ao proposto, poderase remitir unha memoria complementaria que non eximirá da obriga de incorporar toda a información e datos necesarios no modelo da aplicación informática establecida.

3. A realización de asesoramento ou actividades fóra das instalacións habituais, cando for necesario o desprazamento do persoal, non eximirá da obriga de rexistrar na aplicación informática esas actuacións.

4. Os CIM deberán achegar ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a información que este órgano solicite para o exercicio das súas competencias.

5. A inobservancia das obrigas establecidas neste artigo poderá ser causa de extinción do recoñecemento do CIM.

Artigo 15. Regulación en materia de protección de datos de carácter persoal respecto á recollida e xestión de datos das persoas usuarias dos CIM

Cada entidade local será responsable do ficheiro dos datos persoais que trate no funcionamento do CIM e do cumprimento das obrigas derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os datos tratados serán incluídos nos ficheiros responsabilidade da devandita entidade local.

Así mesmo, o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia tamén será responsable do ficheiro dos datos persoais das persoas usuarias dos CIM a que teña acceso e deberá observar ao respecto a normativa aplicable. Estes datos serán incluídos nos correspondentes ficheiros responsabilidade da Secretaría Xeral da Igualdade.

Sen prexuízo do anterior, no momento en que o persoal dos CIM recolla datos de carácter persoal, deberá informar a cada persoa afectada, mediante a sinatura do documento incluído para tal efecto na aplicación informática, das cesións a terceiros e demais condicións en que a persoa achega os seus datos. Cada entidade local será responsable do cumprimento desta obriga e do arquivamento e custodia destes documentos, que deberán ser facilitados ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, cando este órgano os requira.

CAPÍTULO III
Do recoñecemento, acreditación, modificación e extinción dos CIM

Artigo 16. Competencia

O órgano competente para a tramitación e resolución dos procedementos de recoñecemento e acreditación dos CIM, e de modificación e extinción do recoñecemento destes centros, é o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17. Do recoñecemento e acreditación dos CIM

O procedemento de recoñecemento e acreditación dun CIM iniciarase por solicitude da persoa titular da representación legal da entidade interesada dirixida ao órgano competente para a súa tramitación, para o cal debe achegar a documentación establecida neste capítulo.

Artigo 18. Da modificación dos elementos materiais, persoais e funcionais do CIM

1. Os CIM deberán comunicar calquera variación de datos mediante a correspondente modificación na aplicación informática, así como as modificacións relativas ao persoal, instalacións e outras que poidan afectar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto para o recoñecemento do CIM ou que no seu momento sustentaron a acreditación do CIM. O órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia deberá comprobar que se continúan cumprindo os requisitos establecidos neste decreto considerando esas modificacións. Para esta comprobación poderá requirir a documentación xustificativa e as aclaracións necesarias á entidade interesada, para o cal concederá un prazo de dez días hábiles.

2. Se non for necesario achegar ningunha documentación ou a modificación non afectar o cumprimento dos requisitos deste decreto, ou, achegada a documentación dentro do prazo establecido, esta acreditase o cumprimento dos requisitos, o cambio será validado polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na aplicación informática. Non obstante, transcorrido o prazo establecido sen terse achegado a documentación ou logo de comprobar que non se cumpren os requisitos necesarios, poderá iniciarse o procedemento de extinción de acordo co establecido nos artigos 19 e 20 deste decreto.

Artigo 19. Da extinción do recoñecemento dos CIM

O recoñecemento dun CIM poderá extinguirse por solicitude da entidade interesada ou de oficio polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

As causas que poderán motivar o inicio da extinción de oficio son:

a) A perda das condicións e requisitos exixidos ou o incumprimento das obrigas contraídas, recollidas neste decreto.

b) A suspensión da actividade do centro por un período superior a tres meses se a inactividade é total ou por un período superior a cinco meses se afecta a algún requisito illado dos exixidos por este decreto.

c) A prestación do servizo no mesmo ámbito territorial por outro CIM, de acordo co establecido no artigo 3.4.

d) O incumprimento das obrigas de actualización de datos e colaboración na achega da información á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia establecidas no artigo 14.

A extinción do recoñecemento dos CIM non extingue a posible responsabilidade pendente por parte das entidades de que dependan ou do persoal ao seu servizo.

Artigo 20. Tramitación dos expedientes de recoñecemento, modificación e extinción dos CIM

1. A tramitación dos expedientes será realizada consonte o disposto na lexislación vixente en materia de procedemento administrativo.

2. No caso do procedemento da extinción do recoñecemento dun CIM iniciado de oficio, comunicarase o inicio do expediente á persoa representante legal da entidade correspondente, coa motivación das causas que xustificaron o comezo do procedemento. O CIM disporá dun trámite de audiencia de 15 días hábiles para realizar as alegacións que coide oportunas. Durante ese prazo o CIM poderá emendar as causas que motivaron o inicio do procedemento e xustificalo ante o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No suposto de que a solicitude ou a documentación achegada en calquera procedemento iniciado por instancia de parte conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade de que dependa o CIM para que, no prazo de 10 días hábiles, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que será ditada de acordo coa normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

4. Ademais dos documentos específicos para cada procedemento establecidos neste decreto, poderase requirir aquela documentación e aclaracións que se coiden necesarias para comprobar a veracidade e adecuación á normativa aplicable dos requisitos exixidos en cada procedemento, e a falta de presentación no prazo de dez días hábiles tamén implicará, de igual xeito, a desistencia da solicitude.

Por outra parte, o órgano instrutor do procedemento poderá realizar as comprobacións necesarias para a verificación das exixencias normativas de cada caso e o posible resultado insatisfactorio será incorporado ao expediente e á resolución motivada notificada á persoa interesada.

5. A resolución do expediente deberá notificarse no prazo máximo de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación ou desde a data do acordo de iniciación no caso dos procedementos iniciados de oficio. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, a solicitude entenderase estimada e, de tratarse dun expediente iniciado de oficio, producirase a caducidade.

6. As resolucións que se diten e notifiquen nestes procedementos poñen fin á vía administrativa.

Artigo 21. Disposicións xerais sobre a documentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Non se admitirán as solicitudes que non se presenten por medios electrónicos, conforme o sinalado no parágrafo anterior.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexalo coa copia electrónica presentada. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. No caso de que algún dos documentos que ten que presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

5. Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Artigo 22. Documentación específica de cada procedemento

1. Para a solicitude de recoñecemento e acreditación presentarase, xunto co formulario recollido no anexo I debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos materiais a que se fai referencia no artigo 7:

1º. Planos do local, con indicación expresa do despacho ou dependencias que se dedicarán á realización de accións propias do CIM.

2º. Declaración expedida pola persoa representante legal da entidade ou entidades da existencia de mobiliario, equipamento telefónico con liña propia do centro, así como equipamento informático que asegure a comunicación telemática destinado á realización das funcións propias do CIM.

3º. Declaración expedida pola persoa representante legal da entidade ou agrupación solicitante en que se acredite a dispoñibilidade, a través de calquera forma admitida en dereito, de locais adecuados para a realización de actividades, cursos, encontros, xornadas etc.

b) Proxecto de organización e funcionamento do CIM no cal polo menos consten os fins, programas, período de actividades, medios técnicos e financeiros, número de persoas usuarias susceptibles de poderen ser atendidas conforme as características do centro e criterios de avaliación do rendemento do centro.

c) Certificación do órgano competente da entidade local en que conste a relación detallada de persoal, con indicación da súa titulación, dedicación horaria e adscrición de funcións; así mesmo, deberase xuntar a documentación acreditativa da titulación, formación e experiencia que corresponda en cada caso de acordo co establecido no artigo 10. A experiencia deberá ser acreditada mediante a presentación dun certificado emitido polo organismo público ou privado correspondente en que conste o tempo de prestación de servizos e as principais funcións e tarefas desenvolvidas.

d) No caso de mancomunidades ou outras entidades locais recoñecidas pola lexislación vixente diferentes aos concellos, deberán achegar os estatutos ou, de ser o caso, o acordo ou norma reguladora da entidade.

e) Certificación do cadro de horarios de atención ao público, de dirección e de prestación dos servizos de asesoramento xurídico e psicolóxico.

f) No caso de que se prevexa o desprazamento do persoal a lugares de atención diferentes das instalacións do CIM deberase indicar o detalle desta previsión, con indicación dos lugares, días e horarios, así como a descrición das instalacións en que se atenderá as persoas usuarias.

2. Para o procedemento de extinción abondará coa presentación do formulario recollido no anexo II, debidamente cuberto, se ben se poderá requirir a documentación que poida ser necesaria en función das circunstancias do caso, para asegurar a adecuación aos requisitos establecidos neste decreto.

Artigo 23. Comprobación dos requisitos de funcionamento dun CIM

1. Con independencia dos requirimentos e comprobacións necesarias en cada procedemento, o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá, en calquera momento, realizar cantas probas ou verificacións considere oportunas co obxecto de comprobar o mantemento dos requisitos establecidos neste decreto, sexan estas accións dirixidas a algún CIM concreto sexan a un grupo deles ou á totalidade, podendo, de detectarse o incumprimento dos ditos requisitos, iniciar o procedemento de extinción do recoñecemento.

2. Poderanse formular queixas ou denuncias sobre o funcionamento dun CIM que afecten os requisitos establecidos neste decreto, que irán dirixidas ao órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez recibida a queixa ou denuncia, dirixirase unha comunicación á persoa representante legal da entidade que corresponda na cal, ademais, poderanse solicitar as aclaracións ou documentación que se consideren procedentes ao respecto. A entidade deberá presentar a documentación pertinente e contestar as cuestións formuladas, así como efectuar todas as alegacións e observacións que considere oportunas, no prazo de dez días hábiles.

Unha vez recibida a contestación ao trámite de audiencia, a persoa titular do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade comunicará, no prazo máximo de tres meses que se contarán desde a entrada da queixa ou denuncia no rexistro de tal órgano, tanto á persoa denunciante como á persoa representante legal da entidade denunciada, a valoración dos feitos e as medidas adoptadas que, de ser o caso, procedan, entre as cales podería atoparse o inicio do procedemento da extinción do recoñecemento.

A denuncia ou queixa poderá ser inadmitida cando careza manifestamente de fundamento ou non se refira ao cumprimento dos requisitos que establece este decreto.

Artigo 24. Regulación en materia de protección de datos de carácter persoal respecto á tramitación do procedemento establecido neste capítulo III para a acreditación, recoñecemento, modificación e extinción dos CIM

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos asociados a este decreto serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar os ditos procedementos, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo electrónico: xestion.igualdade@xunta.gal, ou no enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade. Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Disposición adicional. Habilitación executiva

Facultase a persoa titular do órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para ditar no ámbito das súas competencias cantas resolucións e instrucións sexan necesarias para a execución deste decreto.

Disposición transitoria. Réxime temporal de aplicación

1. Os procedementos de recoñecemento e acreditación regulados neste decreto non serán aplicables aos centros que xa estean debidamente acreditados conforme o Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento. Así mesmo, aqueles procedementos de acreditación, modificación ou extinción que na data de entrada en vigor do novo decreto estean pendentes de resolución, tramitaranse e resolveranse de acordo coas disposicións vixentes no momento do seu inicio.

2. Sen prexuízo do establecido no número 1, os CIM que pretendan realizar calquera modificación das recollidas no artigo 18 con posterioridade á entrada en vigor do presente decreto, deberán axustar aquelas modificacións ás previsións del.

3. Non obstante o establecido no número anterior, o réxime transitorio dos requisitos exixibles ao persoal queda regulado nos seguintes termos:

a) Os requisitos relativos a formación e experiencia do persoal que xa estivese prestando os seus servizos antes da entrada en vigor deste decreto rexeranse polo establecido no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento.

b) Cando o persoal a que se refire a letra anterior sexa substituído temporalmente, non precisará acreditar as novas condicións establecidas neste decreto con motivo da súa reincorporación logo do período de substitución.

c) Calquera persoa que de xeito temporal ou indefinido se incorpore á prestación dos servizos de dirección, asesoramento xurídico ou psicolóxico logo da entrada en vigor deste decreto terá que cumprir os requisitos que nel se establecen.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Derrógase o Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero

O Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, queda modificado como segue:

Un. O artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2. Finalidade

1. O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade principal desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero e para as súas fillas e fillos menores e para as/os menores que se atopen baixo a súa tutela ou garda e custodia, vítimas tamén desta violencia, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, que permita evitar duplicidades e racionalizar a xestión.

2. Actuará ademais como centro de referencia e coordinador da Rede galega de acollemento; como centro colaborador nas derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e na recepción das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; como centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais, fundamentalmente dos centros de información á muller e dos servizos sociais, como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; como centro colaborador co Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia; como centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero e como centro de atención, individual e grupal, das e dos menores fillas e fillos das usuarias do centro ou que se atopen baixo a súa tutela ou garda e custodia».

Dous. O artigo 8 queda redactado como segue:

«Artigo 8. Acceso

1. O acceso ao Centro de Recuperación Integral realizarase mediante procedementos protocolizados de derivación a través de:

a) Centros que compoñen a Rede galega de información ás mulleres.

b) Centros da Rede galega de acollemento.

c) Servizos sociais comunitarios e especializados da nosa comunidade autónoma.

d) Centros de servizos sociais das diferentes comunidades autónomas.

e) Outros centros ou entidades que acrediten colaboración estable no ámbito da igualdade e a erradicación da violencia de xénero co órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file