Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2016 Páx. 46519

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de setembro de 2016 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Anxos.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Anxos con domicilio na rúa Áspera, número 3, en Nigrán (Pontevedra).

Feitos:

1. O 9 de maio de 2016 Anunciación Gloria González Pérez, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para oa efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Anxos foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 18 de xaneiro de 2016, ante o notario Ernesto Regueira Núñez, co número de protocolo 111, por Paula María González Pérez, Alfonso Paz Andrade Rodríguez, Elizabeth An Taylor, Nuria Casal Domínguez e Anunciación Gloria González Pérez que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outras dúas outorgadas na mesma cidade e ante o mesmo notario: unha correspondente ao 5 de xullo de 2016 co número de protocolo 1.680; e outra do 20 de xullo de 2016 co número de protocolo 1.816.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto axudar e orientar os nenos e mozos no desenvolvemento integral do seu ser, potenciando todas as súas capacidades e intelixencias múltiples, coas metodoloxías máis avanzadas, a través da música clásica, a ciencia, a arte, a bioenerxética, a natureza, o deporte e as terapias naturais.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Anunciación Gloria González Pérez como presidenta; Alfonso Paz Andrade Rodríguez como vicepresidente; Nuria Casal Domínguez como secretaria; e Elizabeth An Taylor e Paula María González Pérez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Anxos, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de setembro de 2016.

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Anxos, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza