Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2016 Páx. 48078

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes a nomeamentos temporais nos postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

Por Resolución do 20 de setembro de 2016 (DOG nº 188, do 3 de outubro) regúlase o procedemento de cobertura temporal de postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro.

A devandita resolución será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas clases de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, cuxa xestión é competencia da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Nos termos previstos na disposición transitoria da citada resolución, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 139, do 20 de xuño),

RESOLVE:

Primeiro.

Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais nos postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), nos colectivos profesionais que se indican a seguir:

1. Clase de inspector/a médico/a.

2. Clase de inspector/a farmacéutico/a.

3. Clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública.

4. Lista xeral de licenciado/a sanitario/a: licenciado/a en medicina e cirurxía, licenciado/a en farmacia, licenciado/a en ciencias químicas, licenciado/a en ciencias biolóxicas, licenciado/a en psicoloxía.

5. Clase de subinspector/a sanitario/a.

6. Clase de ATS/DUE.

Segundo.

A selección de aspirantes efectuarase conforme o disposto na Resolución do 20 de setembro de 2016 pola que se aproba o procedemento de cobertura temporal de postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro (DOG nº 188, do 3 de outubro) e consonte as bases que se recollen como anexo I desta resolución.

Terceiro.

1. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa notificación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este órgano directivo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos de participación

Poderán inscribirse nas listas correspondentes ao primeiro proceso de xeración dos colectivos profesionais indicados as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base quinta, reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou algunha outra que, consonte o disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, permita o acceso ao emprego público.

b) Estar en posesión ou en condicións de obter a titulación que para cada unha das listas se detalla no anexo II desta resolución.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

c) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No caso do persoal laboral, non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma clase á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

d) Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

Os requisitos de participación deberán reunirse na data de formalización da inscrición e manterse no momento de formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Formulario de inscrición

2.1. As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude de inscrición, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), á cal se accederá a través da páxina web (www.sergas.es), na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

2.2. Logo da súa formalización, deberá ser confirmada electronicamente pola/polo interesada/o, imprimirse e asinarse para a súa presentación en formato papel na forma prevista na base sexta desta resolución.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a clase/s e/ou colectivo profesional a que se opta.

No caso de discrepancia entre o formulario de inscrición cuberto pola vía electrónica e a documentación acreditativa dos datos incorporados nel será válida esta última.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. No en tanto, e dentro do prazo de presentación de instancias, admitiranse as renuncias á inscrición, así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

A solicitude de renuncia/modificación deberá efectuarse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixa o formulario de inscrición e deberá presentarse no mesmo prazo e lugares que esta.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. Elaborarase unha única lista para cada un dos colectivos profesionais que se indican no punto primeiro desta resolución, que terá ámbito de Comunidade Autónoma.

3.2. Só se admitirá a compatibilidade de inscrición entre as seguintes listas:

– Bloque 1. Inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública e licenciado/a sanitario/a.

– Bloque 2. Inspector/a médico/a e licenciado/a sanitario/a.

– Bloque 3. Subinspector/a sanitario/a e ATS/DUE.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao Expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

4.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos, deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible en Fides/expedient-e, na epígrafe de «informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e Expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base quinta.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e presentarse nalgún dos lugares previstos na base sexta desta resolución.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base quinta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración:

– A cualificación obtida en cada un dos exercicios da fase de oposición da última convocatoria OPE das clases de inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública e subinspector/a sanitario/a.

– Os datos que consten validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

4.6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

4.7. Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes non serán obxecto de valoración neste proceso.

4.8. Para os efectos da súa valoración neste proceso, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias, non se admitirá ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

Quinta. Prazo de inscrición

5.1. Para a primeira xeración de listas poderanse formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2016. Os méritos computables serán os causados ata o día inmediatamente anterior ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no expediente electrónico con posterioridade ao 30 de novembro de 2016, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas que se efectúe nas respectivas clases e/ou colectivos profesionais.

Sexta. Lugar de presentación

A solicitude de inscrición, logo de formalizada electronicamente, dirixirase, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos e méritos, a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e poderá presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

7.1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web da Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas en cada listaxe coa asignación aos primeiros da puntuación e da orde de prelación provisionais acadadas.

7.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

7.3. A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e orde de prelación definitiva nas listas.

7.4. Contra esta resolución os/as interesados/as poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Oitava. Aboamento de taxas

8.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez ás listas deberán aboar previamente por cada listaxe e en concepto de dereitos de inscrición nelas o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, estarán dispoñibles na páxina web www.sergas.es, na parte relativa a emprego público/listaxes de contratación de persoal funcionario sanitario. A falta de presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», e escollerase a opción «Pagamento telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Excepción. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde polo menos seis meses antes da data de publicación da presente resolución e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, estarán exentas do aboamento de taxa as persoas que xa figuren inscritas nas listas inmediatas anteriores da mesma clase e/ou colectivo profesional, segundo os termos determinados na Resolución conxunta do 17 de abril de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, polo que se publicou o pacto asinado pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de determinados postos de traballo de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria.

8.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola que se publiquen as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do Servizo Galego de organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no punto III da Resolución do 20 de setembro de 2016 pola que se aproba o procedemento de cobertura temporal de postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO II
Requisitos de titulación

Lista

Titulación

Inspector/a médico/a

Graduado/Licenciado en Medicina e Cirurxía

Inspector/a farmacéutico/a

Graduado/Licenciado en Farmacia

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

Graduado/Licenciado en Farmacia

Licenciado/a sanitario/a

Graduado/Licenciado en Medicina e Cirurxía, Farmacia, Ciencias Biolóxicas, Ciencias Químicas ou Psicoloxía

Subinspector/a sanitario/a

Diplomado/a Universitario/a de Enfermaría

Graduado/a en Enfermaría

Axudante Técnico Sanitario

ATS/DUE

Diplomado/a Universitario/a de Enfermaría

Graduado/a en Enfermaría

Axudante Técnico Sanitario