Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2016 Páx. 51343

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2016 pola que se inclúe o Pazo da Raña, no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo), no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta competencia foi aprobada a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 22 da devandita Lei 8/1995, do 30 de outubro, indicábase que formarán parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia os bens que, non tendo a condición de bens de interese cultural ou de bens catalogados, merezan ser conservados polo seu interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico; e o artigo 54 indica que o réxime de protección dos bens inventariados estará baseado en evitar a súa desaparición. Así mesmo, de forma adicional, o artigo 64 define como patrimonio etnográfico os lugares e os bens mobles e inmobles, así como as actividades e os coñecementos que constitúen formas relevantes ou expresión da cultura e modos de vida tradicionais e propios do pobo galego nos seus aspectos materiais e inmateriais.

De conformidade co previsto no artigo 23 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, mediante Resolución do 14 de xullo de 2016, incoou expediente para a inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia do Pazo da Raña, no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo), e dispuxo a apertura dun período de información pública durante o prazo de vinte (20) días desde a publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia que se produciu o día 10 de agosto de 2016 (DOG núm. 151).

O 16 de agosto de 2016 entrou en vigor a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, coa que desaparece a figura de inventario, e que establece na súa disposición adicional segunda: «Desaparece o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Todos os bens que figuren no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia no momento da entrada en vigor desta lei, agás os que teñan a consideración de bens de interese cultural, incorporaranse ao Catálogo e pasarán a ter a consideración de bens catalogados, quedando sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes».

Tomando en consideración que o nivel de ben catalogado da nova lexislación integra o nivel de inventariado da anterior e o previsto na disposición transitoria primeira que establece que: «A tramitación e os efectos dos procedementos de declaración de bens de interese cultural ou de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia incoados con anterioridade á entrada en vigor desta lei quedarán sometidos ao disposto por esta», séguese coa tramitación do procedemento de catalogación, de conformidade coa nova regulación contida nos artigos 25 e seguintes da Lei 5/2016.

Non existindo alegacións nin informacións complementarias durante o período de información pública, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, mediante Resolución do 23 de setembro de 2016, acordou incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble, coa categoría de monumento, o Pazo da Raña no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar no termo municipal de Sarria (Lugo), ben que o artigo 28.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, especifica que a resolución do procedemento de catalogación lle corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural, por proposta da dirección xeral competente na dita materia.

De conformidade co disposto no artigo 52.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co fin de validar a dita resolución, e rematada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, segundo o disposto no artigo 28.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble, coa categoría de monumento, do Pazo da Raña no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo), consonte a descrición, delimitación, contorno de protección e o nivel de protección integral que figuran no anexo I, os planos coa delimitación e contorno de protección recollidos no anexo II e as fotografías deste inmoble contidas no anexo III.

Segundo. Notificar esta resolución aos interesados no procedemento e ao Concello de Sarria.

Terceiro. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e publicarase no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación segundo o disposto na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición, delimitación, contorno de protección e nivel de protección

O Pazo da Raña responde á tipoloxía dunha casa grande dunha rica rexión agrícola, coas invariantes típicas da arquitectura pacega. O conxunto desenvólvese segundo o modelo tradicional para a explotación e control do territorio, illada nunha grande extensión de parcelas agrícolas máis preto do núcleo da Rañoá, onde tamén se conservan boas mostras da arquitectura rural tradicional.

O conxunto de edificacións concéntrase na parte sur dunha gran parcela murada de 1,5 ha. A edificación principal está destinada á vivenda e desenvólvese en planta baixa e alta, con planta en forma de L cunha superficie superior aos 530 m2. Xunto coa capela e o alpendre configuran unha planta en U cun patio central practicamente pechado que serve de acceso principal ao conxunto. Neste patio prodúcese o acceso principal da vivenda, por unha escaleira de cantaría que ascende ao corredor aberto en planta alta, de 18 metros de longo, e que dá acceso ás habitacións máis antigas do pazo. Neste corredor destaca o sistema porticado con columnas clásicas características dunha arquitectura culta.

O sistema construtivo das edificacións é o tradicional de muros de carga de pedra con predominio do macizo sobre os ocos. Destaca a moi boa calidade da fábrica, con cantaría de bo traballo e muros de cachotaría de grandes dimensións coa combinación de cantaría nos seus ocos e esquinas. Os muros de cachotaría nas zonas de vivenda están acabados con morteiros pintados na súa cara exterior en cor branca, nos cales destacan detalles ornamentais en zócolos e cornixas en cores ocres por medio de esgrafiados dos propios morteiros.

Na actualidade dispón de carpintarías exteriores de madeira pintada en cor verde, as fiestras están orixinalmente colocadas a faces exteriores mentres que as portas están cara ao interior, ben que existen algúns elementos que non responden a este esquema tradicional.

A estrutura horizontal e de cuberta é de madeira, agás na zona da lareira principal, na cal se pode destacar unha bóveda de pedra cuberta cunha estrutura de madeira rematada con lousa irregular. Sobre esta lareira, que se conserva e que é un dos elementos de máis interese da súa distribución interior, levántase a gran cheminea, apoiada sobre 4 columnas de cantaría e con escadas interiores. Desde o exterior destaca a súa volumetría respecto dos restantes volumes da vivenda, claro símbolo da prosperidade económica da casa. Está executada elegantemente con cachotaría de pedra e cantaría traballada nas esquinas e remátase no alto cunha pequena cornixa e peitoril con pezas decorativas en granito en cada esquina.

A planta baixa da edificación principal destínase aos labores agrícolas e gandeiros, mentres que a planta alta se destina a vivenda. No seu día, contou con 22 habitacións e 3 cociñas; hoxe conta con 10 habitacións e 2 cociñas. A cociña principal, que é a máis antiga, ademais de conservar a xa descrita lareira, posúe vertedoiro de cantaría e lacena encaixada nos propios muros.

A construción do conxunto executouse en diferentes fases. A parte máis antiga da casa (a zona do corredor exterior e planta baixa abovedada) e o forno son aproximadamente de 1650. Unha segunda fase de construción da vivenda é de 1788 (inscrición nun lintel dunhas das portas) e a capela de 1782 (inscrición no paramento de entrada). A terceira fase de construción realizouse en 1848. Descoñécense os autores das diferentes fases de actuacións mais o fundador da capela da Concepción foi o Rvdmo. Sr. Bartolomé Vázquez, Señor do Coto da Raña e Abade de Pinol (Sober). Cómpre, polo tanto, destacar a súa antigüidade e a importancia histórica e etnográfica que supón o mantemento do seu uso por máis de tres séculos.

O predio do pazo ten unha superficie aproximada de 15.000 m2 e está pechado na súa totalidade con muros de cachotaría altos, que por tramos superan os 3 metros e dispón de 3 accesos diferentes (hoxe con portas de chapa). O conxunto do pazo posúe pombal, aínda que non se atopa na propia parcela actual do pazo senón que nunha lindeira de 10.000 m2; capela da Concepción de 1782 que, segundo a propiedade, sufriu numerosos roubos e que posúe retablo policromado; alpendre en continuación coa capela e executado con apoios de cantaría, muro de cachotaría e cuberta con estrutura de madeira rematada con lousa irregular; pozo circular soterrado, illado respecto do pazo, ao cal se accede a través dunha escaleira de cantaría; muíño, do que hoxe só se conservan as pedras que machucaban o grao. Tamén pode destacarse a presenza significativa dunha pía de pedra que polas súas dimensións podería asimilarse a un sepulcro.

O Pazo da Raña, coma ben inmoble catalogado, corresponde coa totalidade da parcela murada que inclúe as edificacións descritas e que pode identificarse pola súa referencia catastral 27057A017000360000JH. Tamén ten a consideración de ben inmoble catalogado o pombal do pazo, localizado fóra desta parcela mais incluído no mesmo contorno definido para a súa protección.

Para a delimitación do contorno de protección empréganse como referencias as pegadas físicas existentes no territorio próximo (límites de parcelas, camiños, muros, cómaros...) e a distancia de cen metros establecida como delimitación xenérica para os bens arquitectónicos no Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Estímase, con base no anterior, que tamén debe ser incluído neste contorno a totalidade do núcleo rural da Rañoá, pola súa inmediata relación visual e polas relacións de carácter histórico e etnográfico entre deles, co obxecto de manter as condicións de integración do ben catalogado no seu ámbito cunhas características compatibles cos seus valores culturais.

O contorno de protección correspondería coas parcelas ao seu redor adaptado á forma e elementos funcionais e característicos do territorio, e que teñen as seguintes referencias catastrais:

27057A01700024, 27057A01700025, 27057A01700027, 27057A01700030, 27057A01700031, 27057A01700032, 27057A01700033, 27057A01700034, 27057A01700037, 27057A01700038, 27057A01700039, 27057A01700040, 27057A01700068, 27057A01700069, 27057A01700071, 27057A01700072, 27057A01700074, 27057A01700075, 27057A01700076, 27057A01700077, 27057A01700079, 27057A01700080, 27057A01700082, 27057A01700083, 27057A01700084, 27057A01700085, 27057A01700086, 27057A01700087, 27057A01700088, 27057A01700090, 27057A01700092, 27057A01700093, 27057A01700095, 27057A01700096, 27057A01700086, 27057A01701641, 27057A01701713, 27057A01701727, 27057A01701728, 27057A01601529, 27057A01601531, 27057A01601532, 27057A01601533, 27057A01601534, 27057A01601535, 27057A01601536, 27057A01601537, 27057A01601538, 27057A01601539, 27057A01601540, 27057A01601541, 27057A01601581, 27057A01601629,    27057A01602000.

Deste xeito, o contorno queda delimitado polos seguintes puntos:

Punto 1, comezando polo extremo setentrional da parcela 1529 xunto á estrada á Rañoá, pasando polos lindeiros norte das parcelas 1529, 1532 e 1531 ata o punto 2, coincidente co extremo máis oriental da parcela 1531. Desde o punto 2 continúa polos lindeiros leste das parcelas 1531 e 1532 ata o camiño no cal se identifica o punto 3. Bordeando a parcela 1541 primeiro polo seu lateral leste ata o punto 4 e logo polo lateral sur cara á estrada da Rañoá (punto 5). Continúa pola estrada cara ao sur bordeando polo leste a parcela 95 ata o seu extremo sur (punto 6). Neste punto pasa polo lindeiro sur das parcelas 95 e 96 ata o camiño do Regueiro (punto 7), bordeando o lindeiro sur da parcela 93 ata o punto 8 e a partir de aquí polos lindeiros suroeste das parcelas 93, 80, 79 e 76 ata o camiño do Candaval (punto 9). Seguindo por este camiño cara ao norte, bordeando polo extremo oeste as parcelas 40, 75, 71 e 69 (punto 10), o contorno de protección segue os lindeiros oeste e norte da parcela 32 e os lindeiros norte das parcelas 31, 30 e 24 ata a estrada da Rañóa (punto 11) para pechar o contorno contactando de novo co punto 1.

Por todo o exposto, considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección integral que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a: «conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo».

missing image file
missing image file
missing image file