Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 1 de decembro de 2016 Páx. 53265

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas especialidades de Bens Arqueolóxicos, Escultura e Pintura na Comunidade Autónoma de Galicia.

O plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia foi establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro, en desenvolvemento do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

O dito plan de estudos regula a estrutura das ensinanzas, así como as condicións de acceso, matrícula, organización e avaliación, en consonancia co disposto no Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores.

Asemade, o citado plan de estudos prevé o recoñecemento e transferencia de créditos nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e o Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da educación superior, establece o réxime de recoñecemento de ensinanzas entre as diferentes ensinanzas que constitúen a educación superior.

En consecuencia, procede establecer os procedementos que desenvolvan o previsto no citado Decreto 174/2015, do 29 de outubro, co obxecto dunha correcta organización académica nos centros que imparten estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, e de acordo coa disposición derradeira primeira do citado Decreto 174/2015, do 29 de outubro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a ordenación das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas especialidades de Bens Arqueolóxicos, Escultura e Pintura, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente orde será de aplicación nos centros públicos do ámbito territorial de competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que se impartan as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades.

CAPÍTULO II
Acceso e admisión

Artigo 3. Requisitos xerais para o acceso

1. De acordo co establecido no artigo 5.1 do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, para o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de Bacharelato, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De acordo co establecido no artigo 5.2 do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, para os maiores de dezaoito anos de idade que non cumpran os requisitos xerais para o acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, polo menos unha vez ao ano, a proba establecida no artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Para a realización desta proba, que substitúe o requisito de titulación, será necesario cumprir ou ter cumpridos os dezaoito anos no ano en que se realice esta.

Artigo 4. Proba específica de acceso

1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos.

2. A proba específica de acceso será única para o acceso ás diferentes especialidades destas ensinanzas e terá carácter unificado para todos/as os/as aspirantes.

3. Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño. Corresponde á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores establecer a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que se reservarán para esta modalidade de acceso, así como os criterios de prelación na súa asignación.

4. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais faculta, unicamente, para matricularse no ano académico para o cal a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

5. O resultado da avaliación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considerarase a proba como superada para as cualificacións iguais ou superiores a cinco.

Artigo 5. Características da proba específica de acceso

1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais constará de dous exercicios:

Exercicio 1. Este exercicio consistirá na análise dun texto relacionado cos bens culturais, nun tempo máximo de noventa minutos, e terá como obxecto apreciar a madureza e formación xeral do/a alumno/a, especialmente no referente á comprensión de conceptos, utilización da linguaxe e capacidade de síntese e relación. A cualificación do exercicio oscilará entre 0 e 40.

Exercicio 2. Aptitude plástica. Este exercicio constará das seguintes partes:

a) Realización dun debuxo do natural, de enfoque mimético, con modelo real, exento e inanimado. Valorarase a fidelidade na representación, a calidade do grafismo e a precisión e acabamento do traballo.

b) Realización dun traballo sobre representación de cor. Considerarase a correcta utilización das técnicas empregadas e o grao de comprensión dos valores e calidades da cor.

c) Realización dun traballo práctico para a valoración das aptitudes específicas que requiren os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Considerarase a habilidade manual, a meticulosidade e a pulcritude na realización do traballo.

O tempo máximo para a realización deste exercicio determinarao o tribunal de acceso. Este exercicio terá por obxecto apreciar as aptitudes dos/as alumnos/as, tanto plásticas como específicas, para a conservación e restauración. A súa cualificación será a media aritmética da puntuación obtida en cada epígrafe, que se cualificará entre 0 e 20.

2. A cualificación global da proba resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos distintos exercicios. O primeiro ponderarase nun 40 % e o segundo nun 60 %. Para a superación da proba de acceso exixirase unha cualificación global igual ou superior a 5.

Artigo 6. Proba que substitúe o requisito de titulación

1. As persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en todo o Estado.

2. O resultado da avaliación da proba a que se refire o punto anterior expresarase en termos de apto/a ou non apto/a.

3. A superación da dita proba será condición indispensable para concorrer á proba específica de acceso sinalada no artigo 4 desta orde.

4. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determinará a estrutura e contidos da proba que substitúe o requisito de titulación.

Artigo 7. Convocatoria das probas de acceso

1. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba específica e a proba de acceso que substitúe o requisito de titulación.

2. A proba ordinaria realizarase nos meses de xuño e/ou xullo, e a extraordinaria, de ser o caso, no mes de setembro.

3. Para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, tanto para os centros sostidos con fondos públicos como para os centros privados autorizados, constituirase un tribunal nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por cinco membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de profesores/as ou mestres/as de taller de artes plásticas e deseño, con destino nas escolas de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e de entre os seus membros un/unha presidente/a e un/unha secretario/a.

Artigo 8. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Corresponde ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Artigo 9. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

De acordo co establecido nos artigos 34 e 36.d) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais reservaranse adicionalmente as prazas necesarias para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.

CAPÍTULO III
Matrícula, promoción e permanencia

Artigo 10. Matrícula

1. O alumnado soamente poderá realizar matrícula con carácter presencial nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades.

2. A matrícula no primeiro curso das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais será de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de trinta créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.

3. Para o segundo, terceiro e cuarto curso das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o alumnado poderá formalizar a matrícula, sempre cun mínimo de trinta créditos ECTS, ata un máximo de setenta e cinco. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas en que o alumnado teña solicitado o recoñecemento de créditos.

4. O alumnado deberá matricularse obrigatoriamente naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica e naquelas disciplinas que non teñan superados, de ser o caso, no curso académico anterior, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción establecidos nesta orde.

5. Habilitarase un período extraordinario de matrícula ao remate do primeiro cuadrimestre, que determinarán os centros, para o efecto de que poida matricularse o alumnado que teña superado disciplinas pendentes ao longo do primeiro cuadrimestre.

6. O alumnado matricularase nas Prácticas Externas (PE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria, respectivamente, para a superación desta disciplina. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a realización das PE ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

7. O alumnado matricularase no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o Traballo Fin de Estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.

8. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

Artigo 11. Renuncia de matrícula

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderá renunciar á matricula unicamente da totalidade das disciplinas en que se atope matriculado. A dita renuncia realizarase por escrito dirixida á dirección do centro e presentada con rexistro de entrada na secretaría deste, e suporá a perda da condición de alumno/a do dito centro a partir do día seguinte ao da súa presentación.

2. A perda da condición de alumno/a por renuncia á totalidade da matrícula implicará a perda da praza obtida no centro, e debe concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A perda da condición de alumno/a do centro pola renuncia á matrícula na totalidade das disciplinas en que se atope matriculado/a non implicará a devolución dos prezos públicos aboados.

Artigo 12. Promoción

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais disporá, con carácter xeral, de catro convocatorias para a superación das diferentes disciplinas integradas nestes estudos, agás nas disciplinas de Prácticas Externas (PE) e no Traballo Fin de Estudos (TFE), nas cales soamente disporá de dúas convocatorias.

2. As convocatorias establecidas no número anterior computaranse de xeito sucesivo e entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere a disciplina como no caso de que non se presente ás probas programadas para a dita convocatoria.

3. O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no número anterior, sen superar a disciplina correspondente, poderá solicitar por escrito, ante a dirección do centro en que estea matriculado, unha convocatoria adicional, de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, sen que se poida alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico.

4. O prazo para a presentación da solicitude sinalada no número anterior abranguerá os cinco días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria.

5. A dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria sinalada no número anterior, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento da especialidade correspondente, no cal consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do/da alumno/a solicitante. Resolverá nun prazo non superior a dez días hábiles.

6. O alumnado que obteña autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que fose concedida, sen prexuízo da solicitude da anulación de convocatoria establecida na presente orde da cal o alumnado poida facer uso.

7. O alumnado poderá solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre as ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico. A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.

8. A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no número anterior so poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente e valorada pola dirección do centro.

9. A concesión de anulación de convocatoria pola dirección do centro implicará que a dita convocatoria se considere como non consumida polo/pola solicitante, sen prexuízo dos criterios da permanencia nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais establecidos nesta orde. Na acta de cualificación correspondente figurará a anotación AC (anulación de convocatoria).

10. A solicitude e obtención dunha convocatoria adicional ou dunha anulación de convocatoria por parte do alumnado non afectará o dereito de asistencia ás actividades lectivas periódicas programadas na disciplina correspondente.

11. Contra a decisión da dirección do centro en relación á non concesión de convocatoria adicional ou de anulación de convocatoria, o alumnado poderá, no prazo de cinco días, interpor recurso de alzada ante a xefatura territorial correspondente, que resolverá segundo proceda.

Artigo 13. Permanencia

Non se poderá realizar matrícula nas ensinanzas de Conservación e Restauración de Bens Culturais durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da consellería competente en materia de educación da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle fosen concedidas. Para estes efectos, computaranse todos os anos académicos en que o alumnado teña realizado matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas en que se teña matriculado e do número de créditos ECTS asociados a estas.

CAPÍTULO IV
Recoñecemento de créditos ECTS

Artigo 14. Criterios xerais para o recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. Para o recoñecemento e transferencia de créditos observarase o disposto no artigo 10 do Decreto 174/2015, do 29 de outubro.

2. O recoñecemento de créditos efectuarase, en calquera caso, tendo en conta a adecuación dos contidos e competencias asociados ás disciplinas cursadas polo/pola estudante e aos previstos no plan de estudos do centro de destino.

3. O recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais suporá a aceptación dos créditos obtidos noutras ensinanzas superiores para os efectos da obtención do título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade que corresponda.

4. O dito recoñecemento suporá a validación ou exención de cursar a(s) disciplina(s) correspondente(s), para os efectos da obtención do título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade que corresponda.

5. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados a unha determinada disciplina das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, para a superación da totalidade desta o alumnado deberá cursar e superar a parte da programación docente desa disciplina que lle sinale o/a profesor/a correspondente, e a cualificación da disciplina recoñecida parcialmente será a resultante da media ponderada en función do número de créditos recoñecidos entre a cualificación obtida e a cualificación que o alumnado obteña na parte non recoñecida da disciplina.

6. A experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderá ser tamén obxecto de recoñecemento en forma de créditos ECTS, que se computarán para os efectos da obtención dun título oficial, sempre que a dita competencia estea relacionada coas competencias asociadas ao dito título. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado quedarán asociados ás Prácticas Externas curriculares, e o seu número non poderá ser superior, no seu conxunto, ao 15 por cento do total de créditos ECTS que constitúen o plan de ensinanzas cursado. O recoñecemento destes créditos ECTS non implicará a súa cualificación, polo que non se computarán para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado. No caso de recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá superar o total destes coa realización das horas de Prácticas Externas curriculares, a razón de 25 horas por cada crédito ECTS non recoñecido.

7. En ningún caso serán obxecto de recoñecemento os créditos ECTS asociados ao Traballo de Fin de Estudos ou a mestrados.

8. Nas disciplinas en que se recoñeza a totalidade dos créditos ECTS asociados a estas, computarase a cualificación obtida no centro de procedencia.

9. No caso do recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina por ter cursado máis dunha disciplina, a cualificación da disciplina obxecto de recoñecemento será a resultante da media aritmética das cualificacións nas disciplinas consideradas para o recoñecemento.

10. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales a cualificación sexa literal e numérica, respectarase a cualificación numérica.

11. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales a cualificación sexa unicamente literal, considerarase a cualificación numérica segundo a seguinte equivalencia:

a) Aprobado/suficiente: 5,5.

b) Ben: 6,5.

c) Notable: 8,0.

d) Sobresaliente/matrícula de honra: 9,5.

12. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales non exista cualificación, ou ben que figuren como exento/a, validada, recoñecida ou adaptada, na disciplina cuxos créditos ECTS asociados se recoñezan non existirá cualificación, figurando como REC (recoñecida), e non se computará para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado.

Artigo 15. Criterios específicos para o recoñecemento de créditos ECTS en función dos estudos cursados e superados

1. Estudos cursados en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior: con carácter xeral, os créditos obtidos polo alumnado das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior, poderán ser obxecto de recoñecemento tendo en conta a concordancia entre as competencias, os contidos e o número de créditos ECTS asociados ás disciplinas cursadas e ás competencias, aos contidos e ao número de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas no plan de estudos que o alumnado se atope cursando.

2. Estudos cursados e superados noutra especialidade das mesmas ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais: ao alumnado que acceda a unha nova especialidade das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais recoñeceráselle a totalidade dos créditos ECTS obtidos asociados ás disciplinas con carácter de formación básica que estea cursando, e serán de aplicación ao resto das disciplinas os criterios xerais recollidos nesta orde.

3. Estudos cursados e superados en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo plans de estudos previos, e declarados equivalentes para todos os efectos á diplomatura universitaria: ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, tendo iniciado ou rematado as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais cursados segundo o establecido na Orde do 20 de febreiro de 1992 pola que se aproba o currículo se regulan as ensinanzas de conservación e restauración de bens culturais (DOG do 11 de marzo), que lle serán recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o anexo á presente orde. Ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, tendo iniciado ou rematado os estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais cursados segundo plans de estudos establecidos polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, ao abeiro do Real decreto 1387/1991, do 18 de setembro, seranlle recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o disposto no artigo 14 desta orde.

4. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias segundo plans de estudos anteriores ao establecemento do Espazo Europeo da Educación Superior: ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e estea en posesión dun título universitario oficial, ou teña cursado e superado períodos formativos conducentes a titulacións universitarias oficiais dentro do Estado español, segundo plans de estudos regulados con anterioridade ao establecemento do Espazo Europeo de Educación Superior, poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que cursan, de acordo co establecido no artigo 14 desta orde.

5. Recoñecemento de créditos ECTS pola participación do alumnado en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación: de acordo co establecido no número cinco do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados a unha disciplina de carácter optativo pola súa participación en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, ata un máximo de seis créditos ECTS no total do plan de estudos, sempre que a natureza da actividade se relacione directamente coas competencias transversais, xerais ou específicas do título.

6. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias de grao: o alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderá obter o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas que os integran, por ter superado períodos de estudo conducentes a titulacións oficiais españolas de ensinanzas universitarias, sempre que se acrediten en créditos ECTS. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e estea en posesión dun título de grao universitario, integrado nunha rama de coñecemento directamente relacionada coas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seralle recoñecido un mínimo de 36 créditos ECTS asociados ás disciplinas que integran as ensinanzas que cursa, segundo o establecido no anexo 1 do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e teña superado as prácticas externas curriculares dun título integrado nunha rama de coñecemento de ensinanzas universitarias directamente relacionada coas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seranlle recoñecidos total ou parcialmente créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, segundo o número de horas realizadas nas prácticas curriculares superadas e aplicando a proporción dun crédito ECTS por cada 25 horas realizadas. Para o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá completar as horas asignadas a estas, se for o caso, sen prexuízo da entrega da documentación que corresponda. A cualificación obtida polo alumnado nas prácticas curriculares non se terá en conta para os efectos da cualificación nas Prácticas Externas. Se o recoñecemento de créditos ECTS for total, manterase a cualificación obtida polo alumnado nas prácticas curriculares superadas.

7. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico superior de formación profesional: ao alumnado das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que estea en posesión dun título de técnico superior en formación profesional, ou titulación declarada equivalente, seranlle recoñecidos un mínimo de 30 créditos ECTS, asignados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que está cursando. En función da relación directa entre a especialidade das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que estea cursando e as ensinanzas de formación profesional que teña cursadas, segundo o establecido no anexo 2.e) do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e teña superado o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo das ensinanzas de formación profesional de grao superior, relacionado directamente coa especialidade dos estudos superiores que está cursando, segundo o establecido no anexo 2.e) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seranlle recoñecidos parcialmente créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, segundo o número de horas realizadas no módulo superado e aplicando a proporción dun crédito ECTS por cada 25 horas realizadas. Para o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá completar as horas asignadas a estas, sen prexuízo da entrega da documentación que corresponda. A cualificación obtida polo alumnado no módulo de Formación en Centros de Traballo, non se terá en conta para ningún efecto de recoñecemento de créditos ECTS, e no seu expediente académico figurará coa notación REC (recoñecida). Tamén se poderán recoñecer créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais ao alumnado que teña superado cursos de especialización referidos a un título oficial de técnico superior de formación profesional sempre que se acrediten oficialmente en créditos ECTS.

8. Recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas: de acordo co establecido no número dous do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas pola experiencia laboral ou profesional acreditada, sempre que a dita experiencia laboral ou profesional estea directamente relacionada coas competencias inherentes ao título a que conducen os estudos que cursa. O número de créditos ECTS que se lle recoñezan, asociados á disciplina de Prácticas Externas, non poderá exceder o 15 por cento da totalidade dos créditos ECTS asociados ao plan de estudos. O recoñecemento da totalidade destes créditos ECTS non incorporará cualificación e debe figurar como cualificación a notación REC (recoñecida), e sen que conte para os efectos da baremación do expediente académico do alumnado. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, o alumnado deberá cursar a dita disciplina realizando as horas que correspondan, a razón de 25 horas por cada crédito ECTS non recoñecido, sen prexuízo do cumprimento das disposicións relativas á realización e superación da dita disciplina e, en particular, á súa cualificación.

Artigo 16. Límites ao recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. O procedemento de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en ningún caso comportará a obtención do título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

2. En ningún caso poderá ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais:

a) Os traballos de fin de grao de ensinanzas universitarias.

b) Os traballos fin de estudos das ensinanzas artísticas superiores.

c) Os módulos de Obra ou Proxecto final ou de Proxecto integrado das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

d) Os módulos profesionais de Proxecto das ensinanzas de formación profesional.

e) Os módulos de Proxecto final das ensinanzas deportivas.

3. Os estudos recoñecidos non poderán superar o sesenta por cento dos créditos ECTS do plan de estudos que cursa o alumnado.

4. Cando o recoñecemento de créditos ECTS se solicite para cursar estudos que conduzan á obtención dun título que permita o acceso a unha profesión regulada, deberá comprobarse que os estudos alegados responden ás condicións exixidas aos currículos e plans de estudos cuxa superación garantirá a cualificación profesional necesaria.

Artigo 17. Órgano competente na resolución de recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais

Ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, o órgano competente para a resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia é a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, que poderá estar asesorada por unha comisión específica, integrada por inspectores de educación e/ou docentes dos corpos de catedráticos/as ou de profesores/as de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18. Procedemento para o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. Solicitude, prazos e documentación acreditativa.

a) O alumnado poderá solicitar o recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais no centro en que estea cursando os ditos estudos. A solicitude deberá realizarse no momento da formalización da matrícula, segundo o modelo de solicitude que se estableza para tal fin.

b) Xunto coa solicitude, o alumnado achegará a seguinte documentación:

1º. Unha certificación académica oficial dos estudos cursados que sustentan a solicitude de recoñecemento de créditos.

2º. No caso de que os estudos superados polo alumnado solicitante fosen cursados segundo plans de estudos establecidos por outras administracións educativas autonómicas do Estado español, polas universidades ou por autoridades educativas doutros estados, o alumnado achegará os programas oficiais seguidos nas disciplinas ou módulos que sustentan a solicitude, visados polos centros oficiais en que se superaron.

c) Rematado o prazo de matrícula, a dirección do centro remitirá á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, nun prazo non superior a dez días, todas as solicitudes presentadas xunto coa documentación relativa a estas e, de ser o caso, os informes correspondentes.

2. Resolución, prazos e notificación.

A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores resolverá e notificará aos centros, sobre as solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS recibidas no prazo máximo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de entrada das solicitudes na devandita dirección xeral.

Artigo 19. Matrícula do alumnado nas disciplinas en que se lle recoñecen créditos ECTS asociados

O alumnado a que se teña recoñecido a totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina poderá ampliar a súa matrícula noutras disciplinas que sumen o mesmo ou inferior número de créditos ECTS asociados que os recoñecidos, sen prexuízo do cumprimento do establecido con carácter xeral na presente orde en canto a matrícula e promoción.

Artigo 20. Consignación dos créditos ECTS no expediente académico do alumnado

As disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en que o alumnado obteña o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados, figurarán no seu expediente coa cualificación numérica que corresponda segundo o establecido na presente orde, seguida da notación REC (recoñecida).

CAPÍTULO V
Mobilidade académica do alumnado

Artigo 21. Ámbitos de aplicación

De acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, o crédito ECTS como medida do haber académico do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia garante a súa mobilidade académica entre centros de ensinanzas artísticas superiores da propia comunidade autónoma, entre centros de ensinanzas artísticas superiores doutras comunidades autónomas do Estado español e entre centros de ensinanzas artísticas superiores no Espazo Europeo da Educación Superior.

Artigo 22. Mobilidade académica no Espazo Europeo da Educación Superior

1. Os traslados de expediente do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais nun centro oficial dependente doutra Administración educativa do Estado español ou nun centro oficial de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino, e é competente o consello escolar de cada centro para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que esta estableza, e estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS, establecidos no capítulo IV desta orde.

2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, segundo o modelo que se estableza para tal fin, dirixida á dirección do centro de acollida, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar, achegando para iso certificación académica dos estudos cursados na cal conste a norma que establece o plan de estudos cursado e as cualificacións obtidas, en idioma castelán.

3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, será competencia da dirección do centro a valoración e admisión da solicitude, debendo achegar o/a interesado/a informe completo das súas cualificacións ata o momento do traslado.

4. No caso de alumnado que supere estudos parciais como resultado da súa participación nun programa de intercambio, o recoñecemento dos estudos cursados no país de destino por créditos ECTS corresponderá á dirección do centro en que estea matriculado, ao abeiro do acordo establecido previamente entre os dous centros no marco da normativa europea de educación superior.

CAPÍTULO VI
Planificación académica

Artigo 23. Planificación académica anual

A planificación académica anual en cada centro axustarase ao disposto no plan de estudos recollido no Decreto 174/2015, do 29 de outubro, atendendo ao calendario oficial establecido para cada ano académico.

Artigo 24. Guías docentes

1. A guía docente xeral é o documento de carácter público en que se especifican os aspectos básicos de cada unha das disciplinas que integran o plan de estudos:

a) Identificación da materia e da disciplina.

b) Obxectivos.

c) Competencias.

d) Contidos.

e) Metodoloxías, actividades e temporalización.

f) Sistema de avaliación.

2. As guías docentes, tanto das disciplinas con carácter de formación básica (FB), como as de carácter obrigatoria de especialidade (OE), e as de carácter de Optativas (Op.) de ser o caso, con igual denominación, serán únicas para cada especialidade das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, con independencia do centro, público ou privado, en que se impartan.

3. As guías docentes axustaranse ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro educativo.

Artigo 25. Programación anual das disciplinas

A programación anual de cada disciplina basearase no establecido na guía docente da disciplina correspondente e axustarase ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro.

A programación da disciplina recollerá para cada ano académico, ademais dos puntos establecidos con carácter xeral na correspondente guía didáctica:

a) Identificación completa e contextualización.

b) Docente responsable.

c) Organización dos contidos propios e temporalización da docencia destes.

d) Procedemento e instrumentos de avaliación ordinaria e extraordinaria. Sistema de cualificación e sistema de recuperación.

e) Metodoloxía, materiais e recursos didácticos e actividades complementarias.

f) Criterios e pautas para o alumnado con necesidades educativas especiais.

A programación de cada disciplina formará parte da programación xeral anual e será accesible ao alumnado polo medio que determine a dirección do centro.

Artigo 26. Sistema de xestión calidade

1. Para os efectos do establecido no artigo 2.3 do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, no ámbito das súas competencias, establecerá cantas normas considere oportunas para o desenvolvemento dos sistemas de garantía interna e externa da calidade dos centros de ensinanzas artísticas superiores, que incluirán a supervisión a través dos servizos de inspección educativa, e a avaliación e o seguimento do plan de estudos por parte da axencia para a calidade que se determine.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, cada centro superior establecerá un sistema de garantía interna da calidade coa finalidade de potenciar a mellora das súas actividades docentes e de xestión, que seguirá as normativas establecidas pola Administración educativa en relación cos procesos de xestión e auditorías de calidade.

CAPÍTULO VII
Avaliación e cualificación do alumnado

Artigo 27. Características xerais da avaliación

1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado será continua e diferenciada por disciplinas, considerando os contidos, as competencias e os criterios de avaliación establecidos no currículo de cada unha das súas especialidades e cursos.

2. A avaliación será realizada polo profesor ou profesora de cada disciplina, en sesión de avaliación coordinada polo/a titor/a de cada curso.

Artigo 28. Convocatorias

En cada curso académico o alumnado disporá de dúas convocatorias: unha convocatoria de carácter ordinario e unha convocatoria de carácter extraordinario, que se farán públicas para o alumnado coa suficiente antelación.

Artigo 29. Sistema de cualificación

1. Os resultados da avaliación de cada disciplina expresaranse en termos de cualificación numérica nunha escala de 0 a 10, con expresión dun decimal, engadíndolle a correspondente cualificación cualitativa segundo a seguinte correlación:

a) 0-4,9: suspenso/a (SS).

b) 5,0-6,9: aprobado/a (AP).

c) 7,0-8,9: notable (NT).

d) 9,0-0: sobresaliente (SB).

Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. Cando o alumnado deba ser avaliado unicamente a través da realización dunha proba, e non se presente á súa realización, a cualificación será a de «non presentado/a» (NP).

2. Cualificación media do expediente académico do alumnado.

Segundo o disposto no artigo 5.3 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, a media do expediente académico de cada alumno/a será o resultado da aplicación da seguinte fórmula: suma dos créditos obtidos polo/a alumno/a multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan e dividida polo número de créditos ECTS totais obtidos polo/a alumno/a.

3. Matrícula de honra.

A mención de matrícula de honra poderá ser outorgada aos/ás estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9.0. O seu número non poderá exceder o cinco por cento dos/das estudantes matriculados/as nunha disciplina no correspondente curso académico, agás que o número de estudantes matriculados/as sexa inferior a 20, caso en que se poderá conceder unha soa matrícula de honra.

4. Nota media da promoción.

Para os efectos do cálculo da nota media da promoción, observarase o disposto no punto terceiro da Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do Protocolo de colaboración subscrito entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos.

Artigo 30. Reclamación contra as cualificacións

1. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento sexa avaliado conforme criterios obxectivos, o interesado ou interesada poderá reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de 2 días contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, contra as seguintes cualificacións:

a) Probas de acceso.

b) Probas finais ordinarias e extraordinarias.

c) Prácticas externas (PE).

d) Traballo Fin de Estudos (TFE).

2. A reclamación poderana presentar cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta ou dos instrumentos de avaliación aplicados en relación cos obxectivos e contidos da disciplina.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica.

3. No suposto de reclamación contra as cualificacións finais, o director ou directora do centro someteraa ao departamento correspondente. Logo de recibido o informe do departamento, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción.

4. No suposto de reclamación contra as cualificacións das probas de acceso e do TFE, o director ou directora do centro someteraa ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción. Para as probas de acceso o prazo será de dous días.

5. Contra a resolución do director ou directora do centro, o/a interesado/a poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 31. Premios extraordinarios

1. Os centros poderán outorgar un único premio extraordinario por especialidade e itinerario, de ser o caso, ao finalizar o cuarto curso destas ensinanzas.

2. Para optar ao dito premio será requisito indispensable ter obtido a cualificación media de 8.5 no último curso, incluída a cualificación do Traballo Fin de Estudos (TFE), e exclusivamente na convocatoria ordinaria.

3. No suposto de que haxa máis de un/ha candidato/a que cumpra os requisitos para a obtención do premio extraordinario, aplicaranse os seguintes criterios:

a) Maior cualificación media do cuarto curso.

b) Maior cualificación no TFE.

c) Maior cualificación media de todo o expediente.

4. Para os efectos do cálculo da nota media, tanto se a mesma se refire a un curso como se se refire a todo o expediente académico do alumnado, observarase o disposto no artigo 29.2 desta orde.

Artigo 32. Documentos de avaliación

A documentación de avaliación deberase axustar aos modelos e procesos de calidade que a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determine.

CAPÍTULO VIII
Traballo de Fin de Estudos (TFE)

Artigo 33. Aspectos xerais do TFE

1. O alumnado do TFE deberá propoñer ao departamento da especialidade que estea cursando, nos prazos que para cada curso escolar determine a Comisión de Coordinación Pedagóxica, e achegando a documentación necesaria, o traballo ou tema concreto que pretende desenvolver. O departamento, vistas as propostas do alumnado, proporá á xefatura de estudos a asignación de titor/a, e determinará a idoneidade do proxecto presentado en función dos requisitos exixibles. De non considerarse idónea a proposta formulada, o/a alumno/a deberá aceptar os cambios propostos polo/a titor/a ou formular unha nova proposta, no prazo sinalado polo departamento.

2. Durante a realización do TFE, o alumnado poderá dispoñer dos espazos, instalacións e medios precisos existentes no centro, coa tutela do/a docente que exerza a función de titor/a, e en horario e calendario que a xefatura de estudos determine.

3. Como parte integrante do TFE, o alumnado presentará unha memoria xustificativa do traballo realizado, que deberá conter un resumo desta nun idioma estranxeiro.

4. A presentación e defensa do TFE poderá ser recollido en soporte dixital. En calquera caso, as gravacións obtidas quedarán perfectamente identificadas, catalogadas e arquivadas para os efectos de atender calquera reclamación.

Artigo 34. Desenvolvemento do TFE

1. O TFE consistirá no desenvolvemento completo dun proxecto orixinal e inédito das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais da especialidade correspondente, coa execución material daquelas das súas partes que o tribunal encargado da súa organización, desenvolvemento e avaliación determine, cos condicionantes previos, de información, de redacción, de execución e de viabilidade técnica e económica o máis semellantes posible ás do ámbito laboral, social, económico, cultural e produtivo real.

2. O tribunal encargado da organización, desenvolvemento e avaliación do TFE, atendendo ás instrucións ao respecto acordadas pola Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro informará por escrito o alumnado das partes que integran o TFE, especificando a documentación e pezas que forman parte de cada unha delas, sexan documentos gráficos, dixitais, desenvolvementos volumétricos dixitais ou reais, fases do traballo que deba desenvolver o alumnado e o tipo de soporte en que deban ser presentadas e o seu formato, incluída a memoria xustificativa sinalada no artigo 33.3 desta orde, e do calendario, horario e forma de entrega do TFE.

3. O alumnado do TFE deberá expoñer o seu TFE perante o tribunal en sesión pública, durante un máximo de vinte minutos, utilizando para iso os medios que estime oportunos, e o tribunal poderá formular ao alumnado preguntas ou solicitar aclaracións sobre o seu TFE durante un tempo máximo de dez minutos.

4. A avaliación do TFE consistirá na constatación dos coñecementos que o alumnado amose dos contidos propios da especialidade, e da valoración do nivel acadado nas de competencias transversais, xerais e específicas establecidas para esta disciplina no anexo ao Decreto 174/2015, do 29 de outubro.

Artigo 35. Organización, supervisión, tutela e cualificación

1. Para a organización, avaliación e cualificación do TFE constituirase un tribunal integrado preferentemente por docentes da especialidade correspondente, nomeado pola dirección do centro, por proposta da xefatura de estudos deste, que estará integrado, cando menos, por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un/ha vogal. Asemade, a dirección do centro nomeará un tribunal suplente. Sempre que a dispoñibilidade do profesorado do centro o permita, as/os docentes que desempeñen a tutela do alumnado no TFE non poderán formar parte do tribunal cualificador deste.

2. A Comisión de Coordinación Pedagóxica establecerá os criterios para o desenvolvemento do TFE en cada curso escolar, que se integrará no plan anual, e que conterá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Prazo(s), condicións e documentación precisa para a presentación e defensa das propostas de traballo por parte do alumnado, calendario e horario de defensa das propostas.

b) Asignación de titor/a do TFE a cada alumno/a e horario semanal de atención por parte do/a titor/a, segundo dispoñibilidade do profesorado.

c) Calendario de realización, prazo e forma de entrega do TFE, calendario e horario de exposición e defensa destes.

3. O alumnado do TFE contará coa tutela dun/dunha profesor/a da especialidade durante unha hora á semana ao longo do cuadrimestre correspondente, no horario que será determinado pola xefatura de estudos, oído o equipo docente da especialidade e en función das súas necesidades de organización xeral.

4. Previamente, na data que determine o tribunal cualificador do TFE, os/as titores/as do alumnado que presente o TFE para a súa avaliación e cualificación deberán achegar informe individualizado para cada alumno/a tutelado/a, en relación co da tutela realizada, con indicación da asistencia do/a alumno/a aos horarios de tutela establecidos, grao do seguimento das indicacións dadas e cantas outras circunstancias consideren significativas ou relevantes para a correcta avaliación do TFE.

5. A cualificación do TFE será a media aritmética das cualificacións emitidas polos/as integrantes do tribunal presentes na sesión de cualificación. Cando entre as puntuacións outorgadas exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.

6. A cualificación no TFE expresarase en termos numéricos segundo a escala de 0 a 10 cun decimal. No caso de que a cualificación obtida polo alumnado resulte con máis de dous decimais, redondearase aos dous decimais por exceso. Á cualificación numérica engadiráselle a cualificación cualitativa segundo a relación establecida no artigo 29.1 desta orde. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. A acta incluirá un informe do tribunal elaborado para tales efectos.

CAPÍTULO IX
As prácticas externas (PE)

Artigo 36. Características e modalidades das PE

1. As prácticas académicas externas constitúen unha actividade de natureza formativa e carácter práctico que o alumnado debe realizar, supervisada polo centro en que cursa os estudos, tendo como obxectivo permitirlle aplicar e complementar os coñecementos acadados na súa formación académica, favorecer a adquisición das competencias asignadas á dita disciplina, preparalo para o exercicio de actividades profesionais, facilitar a súa empregabilidade e fomentar a súa capacidade de emprendemento.

2. As PE poderanse realizar en entidades colaboradoras, tales como empresas, institucións, entidades públicas ou privadas de ámbito nacional ou internacional. Dado o carácter formativo das PE, da súa realización non derivarán, en ningún caso, obrigas propias dunha relación laboral, nin suporá para o alumnado en prácticas a prestación laboral propia dun posto de traballo.

3. As PE poderán ser curriculares e extracurriculares:

a) As PE curriculares configúranse como actividades académicas integrantes do plan de estudos establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro.

b) As prácticas extracurriculares son aquelas que o alumnado poderá realizar con carácter voluntario durante o seu período de formación e que, aínda tendo os mesmos obxectivos que as prácticas curriculares, non forman parte do plan de estudos, e serán recollidas no suplemento europeo ao título (SET) segundo o establecido nesta orde.

Artigo 37. Obxectivos das PE

Coa realización das PE preténdese acadar os seguintes obxectivos:

a) Contribuír á formación integral do alumnado complementando a súa formación teórica e práctica.

b) Facilitar o coñecemento da metodoloxía de traballo adecuada á realidade profesional en que o alumnado deberá operar, contrastando e aplicando os coñecementos acadados.

c) Favorecer o desenvolvemento de competencias xerais, transversais e específicas asignadas á disciplina e as competencias metodolóxicas, persoais e participativas.

d) Obter a experiencia práctica que lle facilite a inserción no mercado laboral.

e) Favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento.

Artigo 38. Programación das PE

A programación en que se concretará a realización das PE deberá fixar os obxectivos formativos, as actividades que se desenvolveran e os criterios de avaliación acordados polo departamento da especialidade correspondente. Os obxectivos estableceranse considerando as competencias xerais, transversais e específicas asignadas a esta disciplina, e os contidos definiranse de xeito que aseguren a relación directa das competencias que se pretenden acadar nos estudos cursados. En calquera caso, procurarase que a programación se conforme seguindo os principios de inclusión, igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Artigo 39. Realización, duración e horarios das PE

1. As PE serán realizadas polo alumnado en empresas, institucións, estudos ou talleres en que a actividade principal se desenvolva no ámbito profesional da especialidade correspondente, en tarefas directamente relacionadas coas competencias específicas acadadas polo alumnado ao longo dos seus estudos. O alumnado redactará e entregará ao/á seu/súa titor/a académico/a unha memoria final segundo o formato disposto polo centro, ao remate das prácticas, na cal deberán figurar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Datos persoais do/a alumno/a.

b) Datos da entidade colaboradora en que realizou as PE e lugar de localización.

c) Descrición concreta e detallada das tarefas, traballos desenvolvidos e departamentos da entidade a que estivo asignado/a, temporalización, circunstancias, calendario e horario destas.

d) Valoración das tarefas desenvolvidas segundo os seguintes parámetros: adecuación das tarefas aos coñecementos e competencias acadadas na súa formación académica e grao de inmersión do alumno/a nos procesos produtivos e laborais da institución ou empresa.

e) Valoración dos problemas formulados e do procedemento seguido para a súa resolución.

f) Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas realizadas.

g) Valoración da titoría efectiva desenvolvida polo/a responsable das PE por parte da entidade e suxestións de mellora.

2. As PE terán unha duración mínima de 150 horas distribuídas en horarios establecidos de acordo coas súas características e as dispoñibilidades da entidade colaboradora. Procurarase que os horarios sexan compatibles coa actividade académica formativa e de representación e participación desenvolvida polo alumnado no centro en que cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Artigo 40. Organización das PE

1. Os centros en que o alumnado cursa as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e as entidades colaboradoras na realización das PE asinarán un acordo de colaboración en que constarán, cando menos, os seguintes datos:

a) Nome, razón social da empresa ou institución en que se realizarán as prácticas externas e persoa responsable da realización das PE por parte da empresa ou institución.

b) Centro, enderezo e localidade en que terán lugar.

c) Datas de comezo e remate das PE e a súa duración en horas.

d) Número de horas diarias de dedicación ou xornada e horario(s) asignado(s).

e) Programación das actividades e competencias que se van desenvolver.

f) Horario e calendario individualizado para cada alumno/a e definición das tarefas en que o alumnado terá que participar.

g) Modelo de informe de valoración da actividade desenvolta polo alumnado na realización das PE, que formalizará o/a responsable das PE por parte da empresa ou institución.

2. Asignación do alumnado a empresas e institucións para a realización das PE.

O/a coordinador/a de prácticas en empresas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais asignará ao alumnado que reúna as condicións establecidas na presente orde para a realización das PE a empresa ou institución para o efecto, segundo os seguintes criterios:

a) Os centros establecerán a oferta, difusión, solicitude e asignación de empresas ou institucións para a realización das PE de cada especialidade, garantindo, en calquera caso, os principios de transparencia, publicidade, accesibilidade universal e igualdade de oportunidades.

b) Outorgarase prioridade ao alumnado que solicite realizar prácticas curriculares fronte ao alumnado que solicite realizar prácticas extracurriculares. Así mesmo, outorgarase prioridade na elección e asignación de empresas e/ou entidades ao alumnado con discapacidade, co obxecto de que poidan optar a empresas ou institucións en que estean aseguradas todas as medidas de accesibilidade universal, incluídas as referidas ao transporte para o seu traslado e o acceso a estas.

3. Funcións do/a titor/a das PE.

O/a coordinador/a de prácticas en empresas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais terá, en relación co desenvolvemento das PE, as seguintes funcións:

a) Formalizar na documentación establecida para o efecto, os acordos coas persoas responsables das empresas ou institucións que colaboren co centro na realización das PE, de acordo coas directrices aprobadas pola Comisión de Coordinación Pedagóxica.

b) Asignar o alumnado ás empresas ou institucións para a realización das PE, informándoo do calendario, horario e condicións de realización destas.

c) Completar e custodiar a documentación relacionada coa realización das PE do alumnado e que formará parte integrante do seu expediente académico.

d) Informar e asesorar o alumnado en cantas cuestións se presenten na realización das PE.

e) Cualificar o alumnado, tendo en conta o informe do/a responsable das PE por parte da empresa ou institución, de acordo cos criterios fixados polo departamento correspondente e co establecido nesta orde.

4. Cualificación das PE.

As PE serán avaliadas e cualificadas polo/a titor/a correspondente tendo en conta os criterios que se acorden polo departamento da respectiva especialidade e o informe individualizado sobre cada alumno/a redactado polo/a responsable da empresa ou institución en que o/a alumno/a teña realizadas as PE. A cualificación das PE expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con expresión dun decimal.

No caso de que, por causa debidamente xustificada, o alumnado que está realizando as PE interrompa a súa realización, o tempo efectivo de realización seralle computado sempre que se reincorpore á súa realización no mesmo ou diferente ano académico.

Cando o alumnado realice esta disciplina noutro centro de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, conforme un programa de mobilidade do alumnado, a realización, organización e cualificación das PE realizarase conforme o establecido no dito programa de mobilidade.

Disposición adicional

A presente orde será de aplicación ás restantes especialidades establecidas no Real decreto 635/2010, do 14 de maio, que no futuro se poidan implantar.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos e disposicións da Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se estableceu o plan das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia que non fosen derrogados polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro. Igualmente, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Quedan autorizados/as os/as titulares das direccións xerais de Centros e Recursos Humanos e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todos os actos e medidas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Créditos ECTS asociados a disciplinas dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, cursadas segundo o plan establecido polo Decreto 174/2015, do 19 de outubro, que se recoñecerán ao alumnado que teña iniciado ou rematado as ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, cursadas segundo o plan de estudos establecido pola Orde do 20 de febreiro de 1992

Cursos comúns

Estudos cursados: estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o plan establecido pola Orde do 20 de febreiro de 1992

Disciplinas dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que se cursan segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro

Disciplinas superadas soporte do recoñecemento de créditos ECTS

Curso

Créditos ECTS asociados/disciplina(s) das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en que se recoñecen créditos ECTS/carácter da disciplina

Curso

Técnicas de Conservación. Metodoloxía e Diagnose

7/Principios Técnicos e Metodolóxicos da Conservación-Restauración/FB

7/Prácticas de Reintegración/FB

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

3/Principios de Conservación Preventiva I/FB

3/Principios de Conservación Preventiva II/FB

Debuxo

7/Debuxo e Cor/FB

Tecnoloxía e Patrimonio Histórico

6/Informática Aplicada á Documentación/FB

Bioloxía, Física e Química

6/Fundamentos de Física e Química/FB

4/Bioloxía Aplicada á Conservación-Restauración/FB

Historia Xeral das Artes Aplicadas e Industriais en España

7/Historia da Arte e os Bens Culturais I/FB

Antropoloxía Cultural. Bens Etnolóxicos

4/Antropoloxía e Patrimonio Etnográfico/FB

Teoría e Historia da Conservación-Restauración. Lexislación e Criterios

6/Teoría e Historia da Conservación-Restauración/FB

Técnicas de Conservación. Metodoloxía e Diagnose

7/Prácticas de Consolidación e Adhesión de Bens Culturais/FB

7/Prácticas de Limpeza de Bens Culturais/FB

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

2/Principios de Conservación Preventiva III/FB

2/Principios de Conservación Preventiva IV/FB

Técnicas Fotográficas

4/Técnicas Fotográficas I/FB

3/Técnicas Fotográficas II/FB

Procedementos e Técnicas Artísticas

7/Procedementos de Bens Culturais/FB

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas I

6/Física e Química Aplicada á Conservación-Restauración/FB

Materiais

7/Tecnoloxía e Propiedades dos Materiais/FB

Arqueoloxía I

7/Historia da Arte e os Bens Culturais II/FB

Arqueoloxía II

Tecnoloxía e Patrimonio Histórico

4/Metodoloxía da Investigación e da Documentación/FB

4/Difusión, Técnicas de Comunicación: TICS/FB

Especialidade: Bens Arqueolóxicos

Estudos cursados: estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o plan establecido pola Orde do 20 de febreiro de 1992

Disciplinas dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que se cursan segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro

Disciplinas superadas soporte do recoñecemento de créditos ECTS

Curso

Créditos ECTS asociados/disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en que se recoñecen créditos ECTS/carácter da disciplina

Curso de especial.

Práctica de Conservación-Restauración de Arqueoloxía I

11/Práctica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos I/OE

11/Práctica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos II/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos I/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos II/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

2/Técnica da Conservación Preventiva dos Bens Arqueolóxicos I/FB

2/Técnica da Conservación Preventiva dos Bens Arqueolóxicos II/FB

Técnicas Fotográficas

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Arqueolóxicos I/FB

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Arqueolóxicos II/FB

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas II

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Arqueolóxicos e as súas Alteracións I/FB

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Arqueolóxicos e as súas Alteracións II/FB

Iconoloxía e Iconografía (Arqueoloxía- Escultura-Pintura)

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía I/OE

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía II/OE

Prácticas de Conservación-Restauración de Arqueoloxía II

9/Práctica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos III/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Arqueolóxicos III/OE

8/Técnica e Práctica da Conservación Activa e Preventiva dos Bens Arqueolóxicos/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

3/Técnica da Conservación Preventiva dos Bens Arqueolóxicos III/FB

Peritaxe, Catalogación e Taxación de Bens Culturais

5/Xestión do Patrimonio Cultural/FB

Museoloxía e Museografía

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas II

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais e as súas Alteracións III/FB

Proxectos, Dirección e Organización de Obras e Empresas

4/Xestión e Actividade Profesional/FB

4/Proxectos de Conservación-Restauración/FB

Especialidade: Escultura

Estudos cursados: estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o plan establecido pola Orde do 20 de febreiro de 1992

Disciplinas dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que se cursan segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro

Disciplinas superadas soporte do recoñecemento de créditos ECTS

Curso

Créditos ECTS asociados/disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en que se recoñecen créditos ECTS/carácter da disciplina

Curso de especial.

Prácticas de Conservación-Restauración de Escultura I

11/Práctica da Conservación Activa dos Bens Escultóricos I/OE

11/Práctica da Conservación Activa dos Bens Escultóricos II/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Escultóricos I/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Escultóricos II/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

2/Técnica da Conservación Preventiva dos Bens Escultóricos I/FB

2/Técnica da Conservación Preventiva dos Bens Escultóricos II/FB

Técnicas Fotográficas

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Escultóricos I/FB

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Escultóricos II/FB

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas I

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Escultóricos e as súas Alteracións I/FB

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Escultóricos e as súas Alteracións II/FB

Iconoloxía e Iconografía (Arqueoloxía- Escultura-Pintura)

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía I/OE

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía II/OE

Prácticas de Conservación-Restauración de Escultura II

9/Práctica de Conservación Activa dos Bens Escultóricos III/OE

3/Técnica da Conservación Activa de Bens Escultóricos III/OE

8/Técnica e Práctica da Conservación Activa e Preventiva dos Bens Escultóricos/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

3/Técnicas da Conservación Preventiva dos Bens Escultóricos III/FB

Peritaxe, Catalogación e Taxación de Bens Culturais

5/Xestión do Patrimonio Cultural/FB

Museoloxía e Museografía

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas II

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais e as súas Alteracións III/FB

Proxectos, Dirección e Organización de Obras e Empresas

4/Xestión e Actividade Profesional/FB

4/Proxectos de Conservación-Restauración/FB

Especialidade: Pintura

Estudos cursados: estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, segundo o plan establecido pola Orde do 20 de febreiro de 1992

Disciplinas dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que se cursan segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 174/2015, do 29 de outubro

Disciplinas superadas soporte do recoñecemento de créditos ECTS

Curso

Créditos ECTS asociados/disciplinas das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais nas que se recoñecen créditos ECTS/carácter da disciplina

Curso de especial.

Prácticas de Conservación-Restauración de Pintura I

11/Práctica de Conservación Activa dos Bens Pictóricos I/OE

11/Práctica de Conservación Activa dos Bens Pictóricos II/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Pictóricos I/OE

3/Técnica da Conservación Activa dos Bens Pictóricos II/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

2/Técnicas da Conservación Preventiva dos Bens Pictóricos I/FB

2/Técnicas da Conservación Preventiva dos Bens Pictóricos II/FB

Técnicas Fotográficas

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Pictóricos I/FB

2/Técnicas de Documentación Gráfica dos Bens Pictóricos II/FB

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas II

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Pictóricos e as súas Alteracións I/FB

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Pictóricos e as súas Alteracións II/FB

Iconoloxía e Iconografía (Arqueoloxía- Escultura-Pintura)

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía I/OE

2/Iconoloxía, Iconografía e Tipoloxía II/OE

Practicas de Conservación-Restauración de Pintura II

9/Práctica da Conservación Activa dos Bens Pictóricos III/OE

3/Técnica da Conservación Activa de Bens Pictóricos

III/OE

Conservación de Materiais non Tradicionais

8/Técnica e Práctica da Conservación Activa e Preventiva dos Bens Pictóricos/OE

Depósito, Traslado e Exposición de Bens Culturais

3/Técnicas da Conservación Preventiva dos Bens Pictóricos III/FB

Peritaxe, Catalogación e Taxación de Bens Culturais

5/Xestión do Patrimonio Cultural/FB

Museoloxía e Museografía

Bioloxía, Física e Química Aplicadas. Técnicas Analíticas II

2/Técnicas de Estudo Científico dos Materiais Pictóricos e as súas Alteracións III/FB

Proxectos, Dirección e Organización de Obras e Empresas

4/Xestión e Actividade Profesional/FB

4/Proxectos de Conservación-Restauración/FB