Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 1 de decembro de 2016 Páx. 53229

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música en desenvolvemento do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de Composición, Interpretación, Musicoloxía e Pedagoxía na Comunidade Autónoma de Galicia.

O plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música na Comunidade Autónoma de Galicia foi establecido polo Decreto 163/2015, do 29 de outubro, en desenvolvemento do Real decreto 631/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao de Música establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

O dito plan de estudos regula a estrutura das ensinanzas, así como as condicións de acceso, matrícula, organización e avaliación, en consonancia co disposto no Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores.

Así mesmo, o citado plan de estudos prevé o recoñecemento e transferencia de créditos nas ensinanzas superiores de Música, e o Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da Educación Superior, establece o réxime de recoñecemento de ensinanzas entre as diferentes ensinanzas que constitúen a educación superior.

En consecuencia, procede establecer os procedementos que desenvolvan o previsto no citado Decreto 163/2015, do 29 de outubro, co obxecto dunha correcta organización académica nos centros que imparten estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, e de acordo coa disposición derradeira primeira do citado Decreto 163/2015, do 29 de outubro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música en desenvolvemento do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de Composición, Interpretación, Musicoloxía e Pedagoxía, na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente orde será de aplicación nos centros públicos e privados autorizados do ámbito territorial de competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos que se impartan as ensinanzas superiores de Música, en calquera das súas especialidades.

CAPÍTULO II
Acceso e admisión

Artigo 3. Requisitos xerais para o acceso

1. De acordo co establecido no artigo 5.1 do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, para o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao título superior de Música, en calquera das súas especialidades, requirirá estar en posesión do título de Bacharel, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De acordo co establecido no artigo 5.2 do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, para os maiores de dezaseis anos de idade que non cumpran os requisitos xerais para o acceso ás ensinanzas superiores de Música, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, polo menos unha vez ao ano, a proba establecida no artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Para a realización desta proba que substitúe o requisito de titulación, será necesario cumprir, ou ter cumpridos, os dezaseis anos en ano en que se realice esta.

Artigo 4. Proba específica de acceso

1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música levarase a cabo para cada especialidade e itinerario, e terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos, e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas.

2. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música faculta, unicamente, para matricularse no ano académico e na especialidade para o que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

3. A proba de acceso específica suporá o 60 % do total da cualificación da proba de acceso aos estudos superiores de Música. O 40 % restante corresponderá á media do expediente académico do título profesional de Música do/da aspirante.

Artigo 5. Características da proba específica de acceso

1. Especialidade de Composición. A proba consistirá:

• Parte A: na realización dun traballo harmónico-contrapuntístico.

• Parte B: na presentación e defensa oral de obras e traballos realizados polo/a candidato/a.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

2. Especialidade de Dirección. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata vinte minutos, no instrumento principal ou voz (no caso do canto) integrado por obras dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra orquestral ou coral por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista no piano dun fragmento musical escollido polo/a aspirante de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte D: realización dun ditado a catro voces, de entre oito e doce compases de duración.

3. Especialidade de Interpretación (agás itinerario de Jazz). A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata trinta minutos, integrado por obras e/ou estudos dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista.

4. Especialidade de Interpretación, itinerario de Jazz. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa ata trinta minutos, integrado por obras do repertorio jazzístico. Será requisito indispensable que o/a aspirante improvise en cada unha delas.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal, engadindo contidos propios da análise de jazz.

• Parte C: na lectura e improvisación á vista dunha obra ou fragmento de jazz.

5. Especialidade de Musicoloxía. A proba consistirá:

• Parte A: na análise histórico-estilística e defensa dunha obra ou fragmento por proposta do tribunal.

• Parte B: na realización dun comentario de texto ou traballo escrito por proposta do tribunal.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

6. Especialidade de Pedagoxía. Itinerario Xeral e da Linguaxe Musical. A proba consistirá en:

• Parte A: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a. A elección do instrumento principal estará supeditada á oferta dos itinerarios de cada centro.

• Parte B: nunha proba vocal individual.

• Parte C: na composición dunha peza breve, de carácter didáctico, sobre unha melodía ou un texto proposto polo tribunal. O/a aspirante deberá realizar unha defensa didáctica da súa aplicación.

7. Especialidade de Produción e Xestión. A proba consistirá en:

• Parte A: no desenvolvemento por escrito dunha proposta de proxecto, a partir dun suposto proposto polo tribunal.

• Parte B: no desenvolvemento e posterior defensa oral dun tema vinculado a unha cuestión relacionada coa xestión de políticas culturais do contorno musical. Poderase escoller un tema de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte C: análise formal e estética dunha obra proposta polo tribunal.

• Parte D: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

8. Cualificación das probas de acceso. Cada unha das distintas partes de que se compón a citada proba cualificarase de 0 a 10, con aproximación dun decimal; será preciso acadar un mínimo de 5 en todas e cada unha das partes para superar a proba.

a) A cualificación total da proba será o resultado da suma ponderada das cualificacións das diferentes partes, sempre que se superasen todas e cada unha delas, do seguinte xeito:

– Especialidade de Composición: (0,35 × A) + (0,15 × B) + (0,10 × C).

– Especialidade de Dirección: (0,15 × A) + (0,15 × B) + (0,15 × C) + (0,15 × D).

– Especialidade de Interpretación: (0,40 × A) + (0,15 × B) + (0,05 × C).

– Especialidade de Musicoloxía: (0,30 × A) + (0,20 × B) + (0,10 × C).

– Especialidade de Pedagoxía: (0,20 × A) + (0,20 × B) + (0,20 × C).

– Especialidade de Produción e Xestión: (0,20 × A) + (0,20 × B) + (0,10 × C) + (0,10 × D).

b) O resultado desta suma ponderada constituirá a cualificación da proba de acceso específica, e expresarase numericamente, entre 0 e 6, con aproximación a dous decimais e arredondamento á alza no caso de equidistancia do segundo decimal.

c) Concluída a proba específica, os tribunais publicarán a listaxe de persoas que superaron a proba e as non admitidas en cada especialidade, ordenada por puntuación en orde decrecente.

d) Unha vez obtida esta cualificación, procederase á agregación da cualificación ponderada correspondente á nota media do expediente no caso dos candidatos que acrediten posuír o título profesional de Música. Para este fin:

– A cualificación da proba desenvolvida nos conservatorios superiores de Música para cada unha das especialidades e itinerarios constituirá o 60 % da cualificación final.

– A nota media do expediente, para o caso do alumnado que acredite estar en posesión do título profesional de Música, constituirá o 40 % da cualificación final. No caso de alumnado que realice as probas de acceso sen estar en posesión deste título, a puntuación que se deberá agregar por este concepto será o 0.

Artigo 6. Proba que substitúe o requisito de titulación

1. As persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaseis anos non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Música en todo o Estado.

2. O resultado da avaliación da proba a que se refire o punto anterior expresarase en termos de apto/a ou non apto/a.

3. A superación da dita proba será condición indispensable para concorrer á proba específica de acceso sinalada no artigo 4.

4. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determinará a estrutura e os contidos da proba que substitúe o requisito de titulación.

Artigo 7. Convocatoria das probas de acceso

1. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba específica e a proba de acceso que substitúe o requisito de titulación.

2. A proba ordinaria realizarase nos meses de xuño e/ou xullo, e a extraordinaria, de ser o caso, no mes de setembro.

3. Os centros privados autorizados poderán realizar ata dúas convocatorias anuais das probas de acceso específicas, relativas á(ás) especialidade(s) para as que estean autorizados, e que deberán ser solicitadas ante a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, que as autorizará, se procede, para que a continuación se fagan públicas cunha antelación mínima de trinta días naturais, respecto da data de comezo da proba. A solicitude deberá incluír o lugar e instalacións de celebración, o calendario de realización dos diferentes exercicios que a conforman, así como a proposta de compoñentes dos tribunais.

4. Nos conservatorios superiores de Música, para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, constituirase un tribunal por especialidade e itinerario nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por tres membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de catedráticos/as ou de profesores/as de música e artes escénicas, con destino nos conservatorios superiores de Música da Comunidade Autónoma de Galicia, e de entre os seus membros un/ha presidente/a e un/ha secretario/a.

5. Nos centros autorizados de ensinanzas superiores de Música, para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, constituirase un tribunal por especialidade e itinerario nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por tres membros, en número impar en calquera caso, por: un/unha funcionario/a do corpo de inspectores de educación, que actuará de presidente/a; un/unha funcionario/a do corpo de catedráticos/as ou de profesores/as de música e artes escénicas, que actuará de secretario/a, e tres vogais por proposta do centro autorizado.

Artigo 8. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Música que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Música, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Artigo 9. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

De acordo co establecido nos artigos 34 e 36.d) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas superiores de Música, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.

CAPÍTULO III
Matrícula, promoción e permanencia

Artigo 10. Matrícula

1. O alumnado soamente poderá realizar matrícula con carácter presencial nas ensinanzas superiores de Música, en calquera das súas especialidades.

2. A matrícula no primeiro curso das ensinanzas superiores de Música será de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de trinta créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.

3. Para o segundo, terceiro e cuarto curso das ensinanzas superiores de Música, o alumnado poderá formalizar a matrícula, sempre cun mínimo de trinta créditos ECTS, ata un máximo de setenta e cinco. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas nas cales o alumnado solicitase o recoñecemento de créditos.

4. O alumnado deberá matricularse, obrigatoriamente, naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica, e naquelas disciplinas que non superase, de ser o caso, no curso académico anterior, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción establecidos nesta orde. Igualmente, consideraranse de matrícula obrigatoria as seguintes disciplinas, segundo as especialidades:

a) Instrumento, da especialidade de Interpretación.

b) Composición, da especialidade de Composición.

c) Instrumento principal, da especialidade de Pedagoxía.

d) Músicas de Tradición Oral, da especialidade de Musicoloxía, itinerario Etnomusicoloxía.

e) Historia da Interpretación Musical, da especialidade de Musicoloxía, itinerario Histórica.

f) Dirección de Orquestra e Dirección de Coros, da especialidade de Dirección.

g) Planificación e Deseño de Proxectos Culturais, e Produción Aplicada á Industria Musical, da especialidade de Produción e Xestión.

5. Habilitarase un período extraordinario de matrícula ao remate do primeiro cuadrimestre, que determinarán os centros, para o efecto de que se poida matricular o alumnado que superase disciplinas pendentes ao longo do primeiro cuadrimestre. Así mesmo, no caso de disciplinas de contidos progresivos que teñan un mínimo de sete cuadrimestres, a dirección poderá autorizar con carácter excepcional a ampliación de matrícula ao cuadrimestre seguinte, por un número máximo de dúas veces na totalidade dos catro cursos, por proposta do departamento correspondente e logo do informe do profesor ou profesora das citadas disciplinas.

6. O alumnado matricularase no traballo fin de estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o traballo fin de estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos, terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.

7. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no traballo fin de estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18. Igualmente, poderá autorizar o alumnado da especialidade de Composición para realizar e presentar as obras que integran o traballo fin de estudos (TFE) antes do remate do último curso académico.

Artigo 11. Renuncia de matrícula

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Música poderá renunciar á matrícula unicamente da totalidade das disciplinas en que estea matriculado. A dita renuncia realizarase por escrito dirixida á dirección do centro e presentada con rexistro de entrada na secretaría deste, e suporá a perda da condición de alumno/a do dito centro a partir do día seguinte ao da súa presentación.

2. A perda da condición de alumno/a por renuncia á totalidade da matrícula implicará a perda da praza obtida no centro, e deberá concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A perda da condición de alumno/a do centro pola renuncia á matrícula na totalidade das disciplinas en que estea matriculado/a non implicará a devolución dos prezos públicos aboados.

Artigo 12. Promoción

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Música disporá, con carácter xeral, de catro convocatorias para a superación das diferentes disciplinas integradas nestes estudos, agás no traballo fin de estudos (TFE), no que soamente disporá de dúas convocatorias.

2. As convocatorias establecidas no punto anterior computaranse de xeito sucesivo e entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere a disciplina como no caso de que non se presente ás probas programadas para a dita convocatoria.

3. O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no punto anterior, sen superar a disciplina correspondente, poderá solicitar por escrito, ante a dirección do centro en que estea matriculado, unha convocatoria adicional, de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, sen que se poida alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico.

4. O prazo para a presentación da solicitude sinalada no punto anterior abranguerá os cinco días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria.

5. A dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria sinalada no punto anterior, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento da especialidade correspondente, no cal consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do/a alumno/a solicitante, e resolverá nun prazo non superior a dez días hábiles.

6. O alumnado que obteña autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que fose concedida, sen prexuízo da solicitude da anulación de convocatoria establecida na presente orde, da que o alumnado poida facer uso.

7. O alumnado poderá solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre as ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico. A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda, nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.

8. A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no punto anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente, e valorada pola dirección do centro.

9. A concesión de anulación de convocatoria pola dirección do centro implicará que a dita convocatoria se considere como non consumida polo/a solicitante, sen prexuízo dos criterios da permanencia nas ensinanzas superiores de Música establecidos nesta orde. Na acta de cualificación correspondente figurará a anotación AC (anulación de convocatoria).

10. A solicitude e obtención dunha convocatoria adicional ou dunha anulación de convocatoria por parte do alumnado non afectará o dereito de asistencia ás actividades lectivas periódicas programadas na disciplina correspondente.

11. Contra a decisión da dirección do centro en relación á non concesión de convocatoria adicional ou de anulación de convocatoria, o alumnado poderá, no prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a xefatura territorial correspondente, que resolverá segundo proceda.

Artigo 13. Permanencia

Non se poderá realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da consellería competente en materia de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle fosen concedidas. Para estes efectos computaranse todos os anos académicos en que o alumnado realizase matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas en que se matriculase e do número de créditos ECTS asociados a estas.

CAPÍTULO IV
Recoñecemento de créditos ECTS

Artigo 14. Criterios xerais para o recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Música

1. Para o recoñecemento e transferencia de créditos aplicarase o disposto no artigo 10 do Decreto 163/2015, do 29 de outubro.

2. O recoñecemento de créditos efectuarase, en todo caso, tendo en conta a adecuación dos contidos e competencias asociados ás disciplinas cursadas polo/a estudante e aos previstos no plan de estudos do centro de destino.

3. O recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina das ensinanzas superiores de Música suporá a aceptación dos créditos obtidos noutras ensinanzas superiores para os efectos da obtención do título superior de Música na especialidade que corresponda.

4. O dito recoñecemento suporá a validación ou exención de cursar a/s disciplina/s correspondente/s, para os efectos da obtención do título superior de Música na especialidade que corresponda.

5. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados a unha determinada disciplina das ensinanzas superiores de Música, para a superación da totalidade desta o alumnado deberá cursar e superar a parte da programación docente desa disciplina que lle sinale o/a profesor/a correspondente, e a cualificación da disciplina recoñecida parcialmente será a resultante da media ponderada en función do número de créditos recoñecidos entre a cualificación obtida e a cualificación que o alumnado obteña na parte non recoñecida da disciplina.

6. A experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado das ensinanzas superiores de Música poderá ser tamén obxecto de recoñecemento en forma de créditos ECTS, que se computarán para os efectos da obtención dun título oficial, sempre que a dita competencia estea relacionada coas competencias asociadas ao dito título. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado non poderá ser superior ao 15 por cento do total de créditos ECTS do plan de ensinanzas en que o/a alumno/a estea matriculado/a. O recoñecemento destes créditos ECTS non implicará cualificación destes polo que non computarán para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia laboral e profesional acreditada terán a consideración de prácticas externas, e quedarán asociados ás seguintes disciplinas:

a) Prácticas de profesorado na especialidade de Pedagoxía.

b) Materias optativas, segundo as distintas especialidades.

c) Prácticas na especialidade de Produción e Xestión.

7. En ningún caso serán obxecto de recoñecemento os créditos ECTS asociados ao traballo de fin de estudos ou a mestrados.

8. Nas disciplinas en que se recoñeza a totalidade dos créditos ECTS asociados a estas, computarase a cualificación obtida no centro de procedencia.

9. No caso do recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina por ter cursado máis dunha disciplina, a cualificación da disciplina obxecto de recoñecemento será a resultante da media aritmética das cualificacións nas disciplinas consideradas para o recoñecemento.

10. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales a cualificación sexa literal e numérica, respectarase a cualificación numérica.

11. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales a cualificación sexa unicamente literal, considerarase a cualificación numérica segundo a seguinte equivalencia:

a) Aprobado/suficiente: 5,5.

b) Ben: 6,5.

c) Notable: 8,0.

d) Sobresaliente/matrícula de honra: 9,5.

12. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas cales non exista cualificación, ou ben figuren como exento/a, validada, recoñecida ou adaptada, na disciplina cuxos créditos ECTS asociados se recoñezan non existirá cualificación, figurando como REC (recoñecida), e non computará para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado.

Artigo 15. Criterios específicos para o recoñecemento de créditos ECTS en función dos estudos cursados e superados

1. Estudos cursados en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior: con carácter xeral, os créditos obtidos polo alumnado das ensinanzas superiores de Música, en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior, poderán ser obxecto de recoñecemento tendo en conta a concordancia entre as competencias, os contidos e o número de créditos ECTS asociados ás disciplinas cursadas e ás competencias, aos contidos e ao número de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas no plan de estudos que o alumnado estea cursando.

2. Estudos cursados e superados noutra especialidade das mesmas ensinanzas artísticas superiores de Música: con carácter xeral, ao alumnado que acceda a unha nova especialidade das ensinanzas superiores de Música recoñeceráselle a totalidade dos créditos ECTS obtidos asociados ás disciplinas con carácter de formación básica que estea cursando, e serán de aplicación para o resto das disciplinas os criterios xerais recollidos nesta orde. No suposto de especialidades que teñan disciplinas de formación básica non coincidentes, será de aplicación o establecido no punto anterior.

3. Estudos cursados e superados en ensinanzas artísticas superiores de Música, segundo plans de estudos previos, e declarados equivalentes para todos os efectos á licenciatura universitaria: ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Música, tendo iniciado ou rematado as ensinanzas superiores de Música cursadas segundo plans de estudos anteriores declarados equivalentes, e seralles recoñecidos a totalidade dos créditos ECTS correspondentes ás materias de formación básica, e seralles de aplicación para o resto das disciplinas os criterios xerais recollidos nesta orde. Ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Música, tendo iniciado ou rematado os estudos superiores de Música cursados segundo plans de estudos anteriores establecidos polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, seranlle recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o disposto no artigo 14 desta orde.

4. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias segundo plans de estudos anteriores ao establecemento do Espazo Europeo da Educación Superior: ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música e estea en posesión dun título universitario oficial, ou cursase e superase períodos formativos conducentes a titulacións universitarias oficiais dentro do Estado español, segundo plans de estudos regulados con anterioridade ao establecemento do Espazo Europeo de Educación Superior, poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Música que cursan, de acordo co establecido no artigo 14 desta orde.

5. Recoñecemento de créditos ECTS pola participación do alumnado en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación: de acordo co establecido no número cinco do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados a unha disciplina de carácter optativo pola súa participación en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, ata un máximo de seis créditos ECTS no total do plan de estudos, sempre que a natureza da actividade se relacione directamente coas competencias transversais, xerais ou específicas do título.

6. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias de grao: o alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música poderá obter o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas que os integran, por ter superado períodos de estudo conducentes a titulacións oficiais españolas de ensinanzas universitarias, sempre que se acrediten en créditos ECTS. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música, e estea en posesión dun título de grao universitario, integrado nunha rama de coñecemento directamente relacionada coas ensinanzas superiores de Música, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seralle recoñecido un mínimo de 36 créditos ECTS asociados ás disciplinas que integran as ensinanzas que cursa, segundo o establecido no anexo 1 do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro.

7. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico/a superior de Artes Plásticas e Deseño, de Formación Profesional ou de Ensinanzas Deportivas: ao alumnado de ensinanzas superiores de Música que estea en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño, de Formación Profesional ou de Ensinanzas Deportivas, ou titulacións declaradas equivalentes, poderanlle ser recoñecidos créditos ECTS segundo o disposto no artigo 14 desta orde.

Artigo 16. Límites ao recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Música

1. O procedemento de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Música en ningún caso comportará a obtención do título superior de Música.

2. En ningún caso poderá ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Música:

a) Os traballos de fin de grao de ensinanzas universitarias.

b) Os traballos fin de estudos das ensinanzas artísticas superiores.

c) Os módulos de Obra ou Proxecto final ou de Proxecto integrado das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

d) Os módulos profesionais de Proxecto das ensinanzas de Formación Profesional.

e) Os módulos de Proxecto final das ensinanzas deportivas.

3. Os estudos recoñecidos non poderán superar o 60 % dos créditos ECTS do plan de estudos que cursa o alumnado.

4. Cando o recoñecemento de créditos ECTS se solicite para cursar estudos que conduzan á obtención dun título que permita o acceso a unha profesión regulada, deberá comprobarse que os estudos alegados responden ás condicións exixidas aos currículos e plans de estudos cuxa superación garantirá a cualificación profesional necesaria.

Artigo 17. Órgano competente na resolución de recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Música

Ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, o órgano competente para a resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Música na Comunidade Autónoma de Galicia é a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, que poderá estar asesorada por unha comisión específica, integrada por inspectores de educación e/ou docentes dos corpos de catedráticos/as ou de profesores/as de música e artes escénicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18. Procedemento para o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Música

1. Solicitude, prazos e documentación acreditativa.

a) O alumnado poderá solicitar o recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Música no centro en que estea cursando os ditos estudos. A solicitude deberá realizarse no momento da formalización da matrícula, segundo o modelo de solicitude que se estableza para tal fin.

b) Xunto coa solicitude, o alumnado achegará a seguinte documentación:

– Unha certificación académica oficial dos estudos cursados que sustentan a solicitude de recoñecemento de créditos.

– No caso de que os estudos superados polo alumnado solicitante fosen cursados segundo plans de estudos establecidos por outras administracións educativas autonómicas do Estado español, polas universidades, ou por autoridades educativas doutros estados, o alumnado achegará os programas oficiais seguidos nas disciplinas ou módulos que sustentan a solicitude, visados polos centros oficiais en que se superaron.

c) Rematado o prazo de matrícula, a dirección do centro remitirá á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, nun prazo non superior a dez días, todas as solicitudes presentadas xunto coa documentación relativa a estas, e, de ser o caso, os informes correspondentes.

2. Resolución, prazos e notificación.

A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores resolverá e notificará aos centros, sobre as solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS recibidas no prazo máximo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de entrada das solicitudes na devandita dirección xeral.

Artigo 19. Matrícula do alumnado nas disciplinas nas cales se lle recoñecen créditos ECTS asociados

O alumnado ao cal se recoñecese a totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina poderá ampliar a súa matrícula noutras disciplinas que sumen o mesmo ou inferior número de créditos ECTS asociados que os recoñecidos, sen prexuízo do cumprimento do establecido con carácter xeral na presente orde en canto a matrícula e promoción.

Artigo 20. Consignación dos créditos ECTS no expediente académico do alumnado

As disciplinas das ensinanzas superiores de Música nas cales o alumnado obteña o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados, figurarán no seu expediente coa cualificación numérica que corresponda segundo o establecido na presente orde, seguida da notación REC (recoñecida).

CAPÍTULO V
Mobilidade académica do alumnado

Artigo 21. Ámbitos de aplicación

De acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, o crédito ECTS como medida do haber académico do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música na Comunidade Autónoma de Galicia, garante a súa mobilidade académica entre centros de ensinanzas artísticas superiores da propia comunidade autónoma, entre centros de ensinanzas artísticas superiores doutras comunidades autónomas do Estado español e entre centros de ensinanzas artísticas superiores no Espazo Europeo da Educación Superior.

Artigo 22. Traslados de expediente entre centros de ensinanzas artísticas superiores de Música da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os traslados de expediente, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino, sendo competente o consello escolar de cada centro para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que esta estableza, e non estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS, sempre que o alumnado que se traslada continúe cursando a mesma especialidade das ensinanzas superiores de Música.

2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, dirixida á dirección do centro de acollida, achegando certificación do expediente académico do alumnado solicitante, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar. No caso de ser admitida a solicitude de traslado, a dirección do centro de acollida solicitará ao centro de orixe do alumnado o traslado de canta documentación integre o seu expediente académico.

3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, a dirección do centro de acollida solicitará ao centro de orixe, informe completo das cualificacións obtidas polo alumnado solicitante ata o momento do traslado.

4. O alumnado trasladado que iniciase unha disciplina de carácter optativo no centro de orixe, que non figure no plan de estudos do centro de destino, deberá elixir entre as optativas ofertadas polo centro de destino, segundo o establecido na presente orde.

Artigo 23. Mobilidade académica no Espazo Europeo da Educación Superior

1. Os traslados de expediente do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Música nun centro oficial dependente doutra Administración educativa do Estado Español ou nun centro oficial de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino, sendo competente o consello escolar de cada centro para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que esta estableza, e estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS, establecidos no capítulo IV desta orde.

2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, segundo o modelo que se estableza para tal fin, dirixida á dirección do centro de acollida, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar, para o cal presentará certificación académica dos estudos cursados en que conste a norma que establece o plan de estudos cursado e as cualificacións obtidas, en idioma castelán.

3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, será competencia da dirección do centro a valoración e admisión da solicitude; o/a interesado/a deberá presentar informe completo das súas cualificacións ata o momento do traslado.

4. No caso de alumnado que supere estudos parciais como resultado da súa participación nun programa de intercambio, o recoñecemento dos estudos cursados no país de destino por créditos ECTS corresponderalle á dirección do centro en que estea matriculado, ao abeiro do acordo establecido previamente entre os dous centros no marco da normativa europea de educación superior.

CAPÍTULO VI
Planificación académica

Artigo 24. Planificación académica anual

A planificación académica anual en cada centro axustarase ao disposto no plan de estudos recollido no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, atendendo ao calendario oficial establecido para cada ano académico e ás normas de organización e funcionamento dos conservatorios superiores de Música.

Artigo 25. Guías docentes

1. A guía docente xeral é o documento de carácter público en que se especifican os aspectos básicos de cada unha das disciplinas que integran o plan de estudos:

a) Identificación da materia e da disciplina.

b) Obxectivos.

c) Competencias.

d) Contidos.

e) Metodoloxías, actividades e temporalización.

f) Sistema de avaliación.

2. As guías docentes, tanto das disciplinas con carácter de formación básica (FB), como as de carácter obrigatoria de especialidade (OE) e as de carácter de optativas (OP) con igual denominación, serán únicas para cada especialidade das ensinanzas superiores de Música, con independencia do centro, público ou privado, en que se impartan.

3. As guías docentes axustaranse ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro educativo.

Artigo 26. Programación anual das disciplinas

A programación anual de cada disciplina basearase no establecido na guía docente da disciplina correspondente, e axustarase ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro.

A programación da disciplina recollerá para cada ano académico, ademais dos puntos establecidos con carácter xeral na correspondente guía didáctica:

a) Identificación completa e contextualización.

b) Docente responsable.

c) Organización dos contidos propios e temporalización da súa docencia.

d) Procedemento e instrumentos de avaliación ordinaria e extraordinaria. Sistema de cualificación e sistema de recuperación.

e) Metodoloxía, materiais e recursos didácticos e actividades complementarias.

f) Criterios e pautas para o alumnado con necesidades educativas especiais.

A programación de cada disciplina formará parte da programación xeral anual e será accesible ao alumnado polo medio que determine a dirección do centro.

Artigo 27. Disciplinas optativas

1. As disciplinas de carácter optativo serán ofertadas polos centros, atendendo aos requirimentos de formación específica do alumnado en relación coas necesidades detectadas no mercado laboral da especialidade correspondente, ás necesidades de actualización derivadas da evolución das tecnoloxías da información e a comunicación, ás necesidades impostas pola evolución da normativa relacionada coa profesión correspondente, ou as necesidades relacionadas coa incorporación de novas técnicas ou procedementos na materia propia da especialidade.

2. O catálogo de disciplinas optativas nas ensinanzas superiores de Música é o que figura no anexo a esta orde.

3. Ademais das disciplinas optativas indicadas no punto anterior, os centros poderán solicitar á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores a correspondente autorización para incluír novas disciplinas optativas, achegando xunto coa solicitude unha memoria xustificativa da necesidade da súa incorporación, a correspondente guía docente e a programación da disciplina. Non se poderán impartir disciplinas optativas con menos de sete alumnos/as, agás situacións académicas excepcionais, que requirirán dunha autorización especial por parte do servizo de inspección educativa. A incorporación dunha disciplina á oferta dos centros manterase polo menos durante dous anos académicos consecutivos.

Artigo 28. Sistema de xestión calidade

1. Para os efectos do establecido no artigo 2.3 do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, no ámbito das súas competencias, establecerá cantas normas considere oportunas para o desenvolvemento dos sistemas de garantía interna e externa da calidade dos centros de ensinanzas artísticas superiores, que incluirán a supervisión a través dos servizos de inspección educativa, e a avaliación e o seguimento do plan de estudos por parte da axencia para a calidade que se determine.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, cada centro superior establecerá un sistema de garantía interna da calidade coa finalidade de potenciar a mellora das súas actividades docentes e de xestión, que seguirá as normativas establecidas pola Administración educativa en relación cos procesos de xestión e auditorías de calidade.

CAPÍTULO VII
Avaliación e cualificación do alumnado

Artigo 29. Características xerais da avaliación

1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado será continua e diferenciada por disciplinas, considerando os contidos, as competencias e os criterios de avaliación establecidos no currículo de cada unha das súas especialidades e cursos.

2. A avaliación será realizada polo profesor ou profesora de cada disciplina en sesión coordinada pola xefatura de estudos.

3. As disciplinas con carácter progresivo son aquelas que na súa denominación inclúen números romanos.

Artigo 30. Convocatorias

En cada curso académico o alumnado disporá de dúas convocatorias: unha convocatoria de carácter ordinario e unha convocatoria de carácter extraordinario, que se farán públicas para o alumnado coa suficiente antelación.

Artigo 31. Sistema de cualificación

1. Os resultados da avaliación de cada disciplina expresaranse en termos de cualificación numérica nunha escala de 0 a 10, con expresión dun decimal, engadíndolle a correspondente cualificación cualitativa segundo a seguinte correlación:

a) 0-4,9: suspenso/a (SS).

b) 5,0-6,9: aprobado/a (AP).

c) 7,0-8,9: notable (NT).

d) 9,0-10: sobresaliente (SB).

Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. Cando o alumnado deba ser avaliado unicamente a través da realización dunha proba, e non se presente á súa realización, a cualificación será a de «non presentado/a» (NP).

2. Cualificación media do expediente académico do alumnado.

Segundo o disposto no artigo 5.3 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, a media do expediente académico de cada alumno/a será o resultado da aplicación da seguinte fórmula: suma dos créditos obtidos polo/a alumno/a multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan e dividida polo número de créditos ECTS totais obtidos polo/a alumno/a.

3. Matrícula de honra.

A mención de matrícula de honra poderá ser outorgada aos/ás estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder o 5 % dos/das estudantes matriculados/as nunha disciplina no correspondente cuadrimestre, agás que o número de estudantes matriculados/as sexa inferior a 20, caso en que se poderá conceder unha soa matrícula de honra.

4. Nota media da promoción.

Para os efectos do cálculo da nota media da promoción, aplicarase o disposto no punto terceiro da Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos.

Artigo 32. Reclamación contra as cualificacións

1. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento sexa avaliado conforme criterios obxectivos, o interesado ou interesada poderá reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de dous días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, contra as seguintes cualificacións:

a) Probas de acceso.

b) Probas finais ordinarias e extraordinarias.

c) Traballo fin de estudos (TFE).

2. A reclamación poderana presentar cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta ou dos instrumentos de avaliación aplicados en relación cos obxectivos e contidos da disciplina.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica.

3. No suposto de reclamación contra as cualificacións finais, o director ou directora do centro someteraa ao departamento correspondente. Logo de recibido o informe do departamento, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción.

4. No suposto de reclamación contra as cualificacións das probas de acceso e do TFE, o director ou directora do centro someteraa ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción. Para as probas de acceso o prazo será de dous días.

5. Contra a resolución do director ou directora do centro, o/a interesado/a poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 33. Premios extraordinarios

1. Os centros poderán outorgar un único premio extraordinario por especialidade e itinerario, de ser o caso, ao finalizar o cuarto curso destas ensinanzas.

2. Para optar ao dito premio será requisito indispensable ter obtido a cualificación media de 8,5 no último curso, incluída a cualificación do traballo fin de estudos (TFE), e exclusivamente na convocatoria ordinaria.

3. No suposto de que haxa máis dun/dunha candidato/a que cumpra os requisitos para a obtención do premio extraordinario, aplicaranse os seguintes criterios:

a) Maior cualificación media do cuarto curso.

b) Maior cualificación no TFE.

c) Maior cualificación media de todo o expediente.

4. Para os efectos do cálculo da nota media, tanto se esta se refire a un curso como se se refire a todo o expediente académico do alumnado, aplicarase o disposto no artigo 31.2 desta orde.

Artigo 34. Documentos de avaliación

A documentación de avaliación deberase axustar aos modelos e procesos de calidade que a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determine.

CAPÍTULO VIII
Traballo de fin de estudos (TFE)

Artigo 35. Aspectos xerais do TFE

1. O alumnado do TFE deberá propoñerlle ao departamento da especialidade que estea cursando, nos prazos que para cada curso escolar se determinen desde a Comisión de Coordinación Pedagóxica, e achegando a documentación necesaria, o traballo ou tema concreto que pretende desenvolver. O departamento, vistas as propostas do alumnado, proporá a xefatura de estudos a asignación de titor/a, e determinará a idoneidade do proxecto presentado en función dos requisitos exixibles. De non considerarse idónea a proposta formulada, o/a alumno/a deberá aceptar os cambios propostos polo/a titor/a, ou formular unha nova proposta, no prazo sinalado polo departamento.

2. Durante a realización do TFE, o alumnado poderá dispoñer dos espazos, instalacións e medios precisos existentes no centro, coa tutela do/da docente que exerza a función de titor/a, e en horario e calendario que a xefatura de estudos determine.

3. Como parte integrante do TFE, o alumnado presentará unha memoria xustificativa do traballo realizado, que deberá conter un resumo desta nun idioma estranxeiro.

4. A presentación e defensa do TFE poderá ser recollido en soporte dixital. En calquera caso, as gravacións obtidas quedarán perfectamente identificadas, catalogadas e arquivadas para os efectos de atender calquera reclamación.

5. Os/as aspirantes que se presenten ao TFE poderán preparalo cos/coas pianistas acompañantes do centro. Corresponderalle a cada centro, a través da xefatura de estudos, a organización do tempo dispoñible dos/das profesores/as pianistas acompañantes.

Artigo 36. Desenvolvemento do TFE

1. Especialidade de Composición. Elaboración e defensa dun traballo de composición constituído por dúas obras musicais, unha para orquestra ou banda, e outra para grupo de cámara, na cal se amose o grao de coñecemento abordado ao longo dos seus estudos así como a aplicación destes. As obras deberán ser interpretadas en concerto ou audición pública, posterior á defensa do dito traballo. A duración e as características desta estableceranse en función dos criterios establecidos polo departamento, e tendo en conta os medios dispoñibles no centro.

2. Especialidade de Interpretación. Proposta dun programa de concerto e interpretación pública deste, con elaboración dun traballo académico que poderá versar sobre diversos aspectos do repertorio elixido, do seu instrumento, ou calquera outra temática relacionada coa especialidade e aprobada polo departamento. Este concerto deberá ter unha duración entre 45 e 70 minutos, cun descanso opcional non computable que non supere os quince minutos. O traballo académico deberá ter unha extensión mínima de vinte páxinas.

3. Especialidade de Musicoloxía. Elaboración e posterior defensa dun traballo de investigación relacionado coas disciplinas obrigatorias específicas das abordadas polo/a alumno/a ao longo dos seus estudos. O traballo de investigación deberá ter unha extensión mínima de cen páxinas.

4. Especialidade de Pedagoxía. Itinerario Xeral e da Linguaxe Musical. Elaboración e posterior defensa dun traballo académico relacionado coa especialidade e a súa aplicación, incidindo directamente no desenvolvemento profesional da Pedagoxía da Linguaxe. O traballo incluirá unha proposta didáctica que trate de desenvolver ámbitos do ensino da linguaxe musical nas ensinanzas elementais e/ou profesionais da música, desenvolvendo materiais didácticos específicos para acadar obxectivos definidos. O traballo académico deberá ter unha extensión mínima de cen páxinas.

5. Especialidade de Dirección. Elaboración e posterior defensa diante do tribunal dun traballo académico sobre un tema relacionado coa súa especialidade, e proposta dun programa de concerto para realizar como director/a cunha das agrupacións instrumentais ou vocais do centro, en función dos criterios establecidos polo departamento e dos medios dispoñibles. A duración do concerto deberá ter unha duración entre 45 e 70 minutos, cun descanso opcional non computable que non supere os quince minutos. O traballo académico deberá ter unha extensión mínima de vinte páxinas.

6. Especialidade de Produción e Xestión. Elaboración e posterior defensa diante do tribunal dun proxecto relacionado con calquera dos ámbitos de coñecemento da súa especialidade. A duración e características deste estableceranse en función dos criterios establecidos polo departamento, e tendo en conta os medios dispoñibles no centro.

Artigo 37. Organización, supervisión, tutela e cualificación

1. Para a organización, avaliación e cualificación do TFE, constituirase un tribunal integrado, preferentemente, por docentes da especialidade correspondente, nomeado pola dirección do centro, por proposta da xefatura de estudos deste, que estará integrado, polo menos, por un/ha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal. Asemade, a dirección do centro nomeará un tribunal suplente.

2. A Comisión de Coordinación Pedagóxica establecerá os criterios para o desenvolvemento do TFE en cada curso escolar, que se integrará no plan anual, e que conterá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Prazo/s, condicións e documentación precisa para a presentación e defensa das propostas de traballo por parte do alumnado, calendario e horario de defensa das propostas.

b) Asignación de titor/a do TFE e dun/ha pianista acompañante, de ser o caso, a cada alumno/a, e horario semanal de atención por parte do/da titor/a, segundo a dispoñibilidade do profesorado.

c) Calendario de realización, prazo e forma de entrega do TFE, calendario e horario de exposición e defensa destes.

3. O alumnado do TFE contará coa tutela dun/ha profesor/a titor/a da especialidade, asignado pola xefatura de estudos, por proposta da xefatura do departamento correspondente, tendo en conta a dispoñibilidade horaria do profesorado.

4. Previamente, en data que determine o tribunal cualificador do TFE, o/a titor/a do alumnado que presente o TFE para a súa avaliación e cualificación, deberá achegar informe individualizado para cada alumno/a tutelado/a, en relación co desenvolvemento do proxecto e cantas outras circunstancias consideren significativas ou relevantes para a correcta avaliación do TFE.

5. A cualificación do TFE será a media aritmética das cualificacións emitidas polos/as integrantes do tribunal presentes na sesión de cualificación. Cando entre as puntuacións outorgadas exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.

6. A cualificación no TFE expresarase en termos numéricos segundo a escala de 0 a 10 cun decimal. No caso de que a cualificación obtida polo alumnado resulte con máis de dous decimais, redondearase aos dous decimais por exceso. Á cualificación numérica engadiráselle a cualificación cualitativa segundo a relación establecida no artigo 31.1 desta orde. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. A acta incluirá un informe do tribunal elaborado para tales efectos.

CAPÍTULO IX
As prácticas externas (PE)

Artigo 38. Características e modalidades das PE

1. As prácticas académicas externas constitúen unha actividade de natureza formativa e carácter práctico que o alumnado pode realizar, baixo a supervisión do centro en que cursa os estudos, tendo como obxectivo aplicar e complementar os coñecementos acadados na súa formación académica, favorecer a adquisición das competencias propias da súa especialidade, preparalo para o exercicio de actividades profesionais, facilitar a súa empregabilidade e fomentar a súa capacidade de emprendemento.

2. As PE poderanse realizar en entidades colaboradoras, tales como empresas, institucións, entidades públicas ou privadas de ámbito nacional ou internacional. Dado o carácter formativo das PE, da súa realización non derivarán, en ningún caso, obrigas propias dunha relación laboral, nin suporá para o alumnado en prácticas a prestación laboral propia dun posto de traballo.

3. As PE poderán ser curriculares e extracurriculares:

a) As PE curriculares configúranse como actividades académicas integrantes do plan de estudos das especialidades de Pedagoxía e de Produción e Xestión.

b) As prácticas extracurriculares son aquelas que o alumnado poderá realizar con carácter voluntario durante o seu período de formación e que, aínda tendo os mesmos obxectivos que as prácticas curriculares, non forman parte do plan de estudos, e serán recollidas no Suplemento europeo ao título (SET) segundo o establecido nesta orde.

Artigo 39. Programación das PE curriculares

Unha vez recibida a solicitude do alumnado, e logo da asignación dun/dunha profesor/a titor/a por parte da dirección oído o departamento correspondente, a programación en que se concretará a realización das PE deberá fixar os obxectivos formativos e as actividades que se van desenvolver. Os obxectivos estableceranse considerando as competencias xerais, transversais e específicas da titulación e da especialidade, e os contidos definiranse de xeito que aseguren a relación directa das competencias que se deben acadar nos estudos cursados. En calquera caso, procurarase que a programación se conforme seguindo os principios de inclusión, igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Artigo 40. Realización, duración e horarios das PE curriculares

1. As PE desenvolveranse no ámbito profesional da especialidade correspondente. O alumnado redactará e entregará ao/á seu/súa titor/a académico/a unha memoria final segundo o formato disposto polo centro, ao remate das prácticas, na cal deberán figurar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Datos persoais do/da alumno/a.

b) Datos da entidade en que realizou as PE e lugar de localización.

c) Descrición concreta e detallada das tarefas, traballos desenvolvidos e departamentos da entidade aos cales estivo asignado/a, temporalización, circunstancias, calendario e horario destas.

d) Valoración das tarefas desenvolvidas segundo os seguintes parámetros: adecuación das tarefas aos coñecementos e competencias acadadas na súa formación académica e grao de inmersión do/da alumno/a nos procesos produtivos e laborais da institución ou empresa.

e) Valoración dos problemas formulados e o procedemento seguido para a súa resolución.

f) Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas realizadas.

g) Valoración da titoría efectiva desenvolvida polo/a responsable das PE por parte da entidade, e suxestións de mellora.

2. As PE serán realizadas en horarios establecidos de acordo coas súas características e as dispoñibilidades da entidade colaboradora. Procurarase que os horarios sexan compatibles coa actividade académica formativa e de representación e participación desenvolvida polo alumnado en centro en que cursa as ensinanzas superiores de Música.

3. As PE na especialidade de Pedagoxía deberán realizarse nun conservatorio profesional dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Para tal fin, o alumnado solicitará, por escrito no mes de setembro e ante a dirección do centro en que desexa realizar as prácticas, a admisión como alumno/a en prácticas do departamento de Linguaxe Musical.

Artigo 41. Organización das PE

1. Os centros en que o alumnado cursa as ensinanzas superiores de Música e as entidades colaboradoras na realización das PE asinarán un acordo de colaboración no cal constarán, polo menos, os seguintes datos:

a) Nome, razón social da empresa ou institución en que se realizarán as prácticas externas, e persoa responsable da realización das PE por parte da empresa ou institución.

b) Centro, enderezo e localidade en que terán lugar.

c) Datas de comezo e remate das PE, e a súa duración en horas.

d) Número de horas diarias de dedicación ou xornada e horario/s asignado/s.

e) Programación das actividades e competencias que se van desenvolver.

f) Horario e calendario individualizado para cada alumno/a, e definición das tarefas nas que o alumnado terá que participar.

g) Modelo de informe de valoración da actividade desenvolta polo alumnado na realización das PE, que formalizará o/a responsable das PE por parte da empresa ou institución.

2. Avaliación e cualificación das PE curriculares.

As PE serán avaliadas e cualificadas polo/a titor/a correspondente tendo en conta o informe individualizado sobre cada alumno/a redactado polo/a responsable da empresa ou institución en que o/a alumno/a teña realizadas as PE. A cualificación das PE expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con expresión dun decimal.

No caso que, por causa debidamente xustificada, o alumnado que está realizando as PE interrompa a súa realización, o tempo efectivo de realización seralle computado sempre que se reincorpore á súa realización, no mesmo ou diferente ano académico.

Cando o alumnado realice as PE noutro centro de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, conforme un programa de mobilidade do alumnado, a realización, organización e cualificación das PE realizarase conforme o establecido no dito programa de mobilidade.

Artigo 42. Prácticas extracurriculares nas especialidades de Interpretación, Musicoloxía, Composición e Dirección

O alumnado poderá solicitar o recoñecemento de actividades relacionadas coas especialidades de Interpretación, Musicoloxía, Composición e Dirección, que poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos, segundo o procedemento establecido no capítulo IV desta orde, correspondentes ás materias optativas da especialidade correspondente.

CAPÍTULO X
Tramitación da documentación dos centros privados autorizados

Artigo 43. Expediente académico

O trámite de apertura do expediente académico do alumnado deberá realizalo o centro privado autorizado, que dará traslado ao centro público ao cal estea adscrito de toda a documentación que integra o dito expediente.

A apertura do expediente deberase realizar unha vez que o/a estudante formalizase a matrícula de primeiro curso e dentro dos tres primeiros meses do curso académico.

O expediente do/da estudante que o centro privado deberá achegar ao centro público conterá a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Orixinal e copia da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos académicos de acceso, segundo proceda:

1º. Título de Bacharel ou titulación equivalente.

2º. Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

3º. Certificado da superación da proba que substitúe o requisito de titulación para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores.

c) Certificado de superación da proba específica de acceso.

d) Xustificante de ter aboado o prezo público establecido para estas ensinanzas, ou de estar exento do seu pagamento.

e) Xustificante de ter realizada a matrícula no centro privado. Neste xustificante deberanse consignar as materias obxecto de matriculación por curso académico, incluídas aquelas en que o/a estudante solicite recoñecemento de créditos. Nos casos en que os/as estudantes fosen admitidos/as por traslado de expediente ou ben soliciten recoñecemento de créditos, deberase incluír unha certificación académica dos estudos oficiais cursados anteriormente.

Artigo 44. Actualización do expediente académico e entrega de actas

A información contida no expediente académico deberá ser actualizada cada curso académico nas datas que os centros públicos determinen.

A información que deberá ser actualizada será a seguinte:

a) Para cada curso académico, deberanse facer constar tanto as materias cursadas como as recoñecidas.

b) Orixinais das resolucións de recoñecemento de créditos, renuncias de matrícula, anulacións de convocatoria, convocatorias extraordinarias e traslados de expediente, que fosen concedidas ao longo do curso.

c) Xustificante de ter aboado o prezo público establecido para estas ensinanzas, ou de estar exento do seu pagamento.

d) Orixinal e copia das actas correspondentes a cada unha das convocatorias.

Artigo 45. Peche e arquivo do expediente académico

Unha vez que o/a estudante finalice os seus estudos no centro privado ou se non continúa os seus estudos por decisión propia ou por incumprimento da normativa de permanencia e matriculación, o centro público procederá ao peche e arquivamento do expediente académico persoal.

Artigo 46. Expedición de certificacións académicas oficiais

A expedición de certificacións académicas oficiais só poderá ser realizada polo centro público de adscrición.

O/a estudante presentará a solicitude no centro privado en que estea matriculado/a, que deberá remitir cuberta ao centro publico a certificación académica, para a súa comprobación e sinatura polo centro público. Unha vez asinada, o centro público remitirá ao centro privado a certificación académica para a entrega ao/á interesado/a.

Artigo 47. Proposta de títulos

O centro privado será o encargado de recompilar a documentación necesaria para a elaboración da proposta de títulos por parte do centro público de todos/as os/as estudantes do centro privado que finalizasen os seus estudos.

Os prazos para a remisión das propostas de títulos desde os centros privados serán establecidos polos centros públicos a que estean adscritos.

A documentación que se deberá entregar ao centro público será a seguinte:

a) No caso de que non sexa depositada con anterioridade á solicitude de título, a documentación recollida nos artigos 43 e 44 desta orde.

b) Naqueles casos en que se producise algunha modificación na documentación acreditativa da identidade do/da estudante deberase achegar o documento de identidade debidamente actualizado.

c) Xustificante acreditativo de ter aboadas as taxas legalmente establecidas para os efectos da expedición de cada un/ha dos/das estudantes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos e disposicións da Orde do 30 de setembro de 2010 pola que estableceu o plan das ensinanzas artísticas superiores de grao en música na Comunidade Autónoma de Galicia que non fosen derrogados polo Decreto 163/2015, do 29 de outubro. Igualmente, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Quedan autorizados/as os/as titulares das direccións xerais de Centros e Recursos Humanos e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todos os actos e medidas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Centro

Optativa

Especialidade/s
que poden cursala

A Coruña

As Funcións Estruturais da Harmonía I e II

Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Coro Jazz-Gospel-Pop I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Fisionomía do Ritmo I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Hermenéutica da Fonte Musical - Denotación e Connotación no Texto Musical e Metamusical I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Historia da Interpretación Musical I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Introdución á Didáctica da Linguaxe Musical I e II

Composición, Interpretación

A Coruña

Laboratorio de Música Antiga I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Música Contemporánea para Instrumentistas I e II

Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Música Latina I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

O Estudio de Gravación Persoal I e II

Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

O Teclado como Ferramenta I e II

Interpretación

(só itinerario Jazz)

A Coruña

Práctica, Creación e Didáctica da Música Actual I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

A Coruña

Recursos Musicais Creativos I e II

Composición, Interpretación

A Coruña

Taller de Interpretación Aplicado a Dirección I e II

Dirección

Vigo

Linguaxes e Técnicas da Música Contemporánea I e II

Interpretación, Musicoloxía, Pedagoxía

Vigo

Introdución á Música Tradicional Galega I e II

Composición, Interpretación (agás IMPT), Pedagoxía

Vigo

Fundamentos da Mecánica e Acústica dos Instrumentos de Corda e Tecla I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

Vigo

Historia da Música Española para Tecla I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

Vigo

Introdución á Teoría e Práctica da Improvisación de Jazz I e II

Composición, Interpretación, Musicoloxía, Pedagoxía

Vigo

Músicas Populares Urbanas I e II

Composición, Interpretación, Pedagoxía

Vigo

Improvisación na Linguaxe Musical I e II

Composición, Interpretación, Musicoloxía

Vigo

Improvisación na Linguaxe Musical III e IV

Composición, Interpretación, Musicoloxía

Vigo

Interpretación da Música Folk e Novas Músicas I e II

Composición, Interpretación, Musicoloxía, Pedagoxía

Vigo

Interpretación da Música Folk e Novas Musicas III e IV

Composición, Interpretación, Musicoloxía, Pedagoxía

Vigo

Contidos Dixitais Curriculares I e II

Composición, Interpretación, Musicoloxía, Pedagoxía