Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53916

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se autorizan as ensinanzas básicas iniciais de persoas adultas nos niveis I e II, no IES Lama das Quendas de Chantada.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolven, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, considera a educación como unha aprendizaxe permanente e no seu artigo 66 establece que a educación para persoas adultas ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de dezaoito anos a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

A Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 9.2 que poderán impartir a educación secundaria para persoas adultas, nas súas distintas modalidades, aqueles centros autorizados para cada unha delas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta aconsellable ampliar esta oferta, coa finalidade de mellorar a atención deste alumnado.

Por todo canto antecede, e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización de ensinanzas

Autorízase a implantación das ensinanzas básicas iniciais para persoas adultas, niveis I e II, no IES Lama das Quendas de Chantada (Lugo), código 27003151.

Disposición derradeira primeira. Autorizacións

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria