Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 16 de decembro de 2016 Páx. 54817

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co fin de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, fundamentadas nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, e de acordo co previsto nos artigos 23.3 e 26.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procede agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 15 de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

a) Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

2. Secretaría Xeral de Medios.

2.1. Dirección Xeral de Comunicación.

3. Secretaría Xeral da Emigración.

4. Secretaría Xeral para o Deporte.

b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, de conformidade co disposto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

c) Queda adscrita funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a Axencia Turismo de Galicia, nos termos previstos no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional primeira

Un. Corresponderán á persoa titular da Consellería de Facenda as funcións que os artigos 3 e 4, así como a disposición derradeira segunda do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, atribúen á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Dous. Os estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia modificaranse para adaptarse ao establecido no parágrafo un desta disposición adicional.

Disposición adicional segunda

A delegación de competencias outorgada a favor da Secretaría Xeral da Presidencia continuará vixente ata que sexa revogada expresamente ou novamente outorgada.

Disposición transitoria primeira

En tanto non se modifique o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, corresponderá á Secretaría Xeral da Presidencia a preparación previa dos asuntos da Amtega que deban elevarse e someterse ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación, así como aquelas outras funcións que se lle atribúan no dito decreto.

Disposición transitoria segunda

Os órganos dependentes dos órganos superiores e de dirección sinalados no artigo único manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira

As referencias contidas nas disposicións adicionais primeira e segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación aos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto, mentres non se regule a súa nova estrutura orgánica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza