Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2016 Páx. 55269

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

En virtude da Orde do 16 de xuño de 2015 (DOG núm. 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (DOG núm. 220, do 18 de novembro) convocouse o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.3.2 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias e acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superen o cuarto exercicio deste proceso selectivo ou estean exentos del poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar o procedemento que se seguirá para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

De acordo co establecido na base II.3.2. da convocatoria, os méritos que se baremarán na fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias, que foi o 8 de xullo de 2015.

Segundo. A Dirección Xeral da Función Pública remitirá automaticamente ás persoas participantes no proceso selectivo un PIN co cal poderán xerar unha chave propia e individual que lles permitirá consultar os datos que figuran no seu expediente electrónico no Rexistro Central de Persoal (RCP). Este envío efectuarase ao teléfono móbil ou correo electrónico sinalado pola persoa aspirante na solicitude de participación no proceso selectivo. Unha vez recibido o PIN, para xerar a súa chave deberán acceder a http://www.xunta.es/dxfp/usuarios.htm e seguir as instrucións que se indican na páxina web.

Se, unha vez transcorrido un día desde o comezo do prazo de xustificación de méritos, algunha persoa aspirante non recibiu a chave, poderá dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública mediante correo electrónico (informatica.dxfp@xunta.gal) ou fax (981 54 52 25), solicitando a súa chave, con indicación do número do teléfono móbil ou enderezo de correo electrónico onde desexa recibir o PIN, que deberá coincidir cos achegados na súa solicitude de participación no proceso.

No caso de que ambos os dous datos sexan incorrectos, deberá porse en contacto co departamento de atención ao usuario de RRHH no 981 99 98 83 no cal se informará do procedemento de actualización dos medios de contacto.

Alternativamente, no caso de ter un ordenador conectado á rede de datos da Xunta de Galicia, exceptuando os equipamentos das Consellerías de Educación e Facenda (por teren autenticación propia), poderá empregar para acceder á web do expediente electrónico o mesmo usuario e chave que emprega para acceder ao seu ordenador. Tamén poderá acceder empregando un certificado electrónico válido.

Terceiro. No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación polo tribunal no DOG das notas do cuarto exercicio da fase de oposición ou da resolución pola que se declaren todas as persoas aspirantes exentas deste, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Unha vez xerada a súa chave de acceso, deberán acceder á páxina web https://matrhix.xunta.es/neo/index.jsp, na cal poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados. Para acceder introducirán o seu NIF e a chave que acaban de xerar.

Unha vez dentro premerán na opción de xerar «impreso de enmenda ou conformidade».

No suposto de estaren conformes cos datos consultados, validaranos sen facer ningún cambio. O sistema xerará un impreso de conformidade que deberá ser asinado e remitido á Dirección Xeral da Función Pública.

No suposto de non estar conforme con algún dos datos porque se considere que son erróneos ou están incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada. Ao finalizar as correccións, pechará e imprimirá o impreso de emenda e remitirao á Dirección Xeral da Función Pública, achegando fotocopia compulsada da documentación xustificativa dos méritos engadidos ou modificados.

Cuarto. Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou no de emenda serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera dato omitido pola persoa interesada non poderá ser invocado por esta para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

Calquera impreso de conformidade ou certificación que non reúna os requisitos ou que for enviado pola persoa interesada fóra do prazo establecido terase por non presentado.

Quinto. Exclúese deste procedemento a xustificación dos seguintes méritos:

a) O establecido na base II.3.1.1.b) (grao persoal consolidado e formalizado), que será comprobado de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

b) Os establecidos nas bases II.3.1.1.f) e II.3.1.2.f) (exercicio dos dereitos de conciliación). Neste caso, as persoas aspirantes presentarán certificación segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución, que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes de acordo co destino de cada aspirante no día de publicación desta resolución no DOG:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva, ou titulares dos órganos ou unidades equivalentes das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais ou, de ser o caso, funcionario/a responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

c) A superación de probas selectivas para acceder á condición de persoal laboral fixo do grupo I segundo o establecido na base II.3.1.2.c) da convocatoria. Cando se trate de probas superadas na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral da Función Pública comprobarao de oficio; no caso de probas superadas noutras administracións públicas, o interesado deberá achegar, xunto co anexo II, copia do diario ou boletín en que conste a dita superación ou dilixencia administrativa que acredite a superación da correspondente proba.

A documentación a que se refiren as alíneas b) e c) deste punto quinto deberá ser presentada polas persoas aspirantes no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación polo tribunal no DOG das notas do cuarto exercicio da fase de oposición ou da resolución pola que se declaren todas as persoas aspirantes exentas deste. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2016

José Mª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I
Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Don/Dona

(Nome da persoa funcionaria que certifica)

Cargo

CERTIFICA que segundo os datos que constan neste centro directivo, D./Dna. ..., con DNI ..., ten acreditados os seguintes méritos:

Bases II.3.1.1.f) e II.3.1.2.f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG:

Licenza por maternidade, permiso de paternidade ou redución de xornada artigo 106.2.a) e b) da LEPG

Data

Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares

Desde

Ata

O que fago constar para os correspondentes efectos de participación no proceso selectivo para o ingreso pola quenda de promoción interna no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 16 de xuño de 2015, publicada no DOG núm. 114, do 18 de xuño, e asino esta certificación en ..., ....

ANEXO II

Don/Dona ..., NIF ..., declara, baixo a súa responsabilidade, para os efectos da súa baremación na fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de promoción interna no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, que superou o proceso selectivo ... convocado pola Orde ..., diario oficial/boletín núm. ...

..., ... de ...de 2016