Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 27 de decembro de 2016 Páx. 56014

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 326589.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas pola Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras para poderen acceder a estas axudas, e deberá ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.

d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, de ser o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.

f) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.

g) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

h) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Así mesmo, os requisitos previstos nas letras d), f), g) e h) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Segundo. Obxecto

As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:

1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

4. A optimización na utilización das oportunidades e dos recursos dispoñibles.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2017, de douscentos mil euros (200.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 3, con fondos dos orzamentos xerais do Estado, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias