Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2016 Páx. 56390

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2017.

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación pode derivar no sacrificio obrigatorio e destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, establece no seu artigo 2 as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación; no seu artigo 15 indícase que todos os animais que resulten positivos ás enfermidades en cuestión deberán ser sacrificados; e no artigo 17 sinálase que os gandeiros que como resultado das actuacións levadas a cabo tivesen que sacrificar os seus animais terán dereito a percibir unha indemnización de acordo co baremo establecido para o efecto e que estea en vigor no momento do sacrificio.

O Real decreto 1228/2001, do 8 de novembro, polo que se establecen medidas específicas de loita e erradicación da febre catarral ovina ou lingua azul, sinala que cando se confirme oficialmente a presenza desta enfermidade se ordenará o sacrificio inmediato dos animais que se considere necesario para evitar a extensión da epidemia.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e se regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, sinala os animais que deben ser sacrificados nos casos de sospeita ou confirmación destas enfermidades, e no seu artigo 9 establece que o dito sacrificio dará dereito a unha indemnización de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

O Real decreto 650/1994, do 15 de abril, polo que se establecen medidas xerais de loita contra determinadas enfermidades dos animais e medidas específicas contra a enfermidade vesicular porcina, sinala as medidas que se tomarán ante a aparición de varias enfermidades de declaración obrigatoria que afectan diversas especies, nas cales se prevé, no caso de confirmarse a enfermidade, o sacrificio obrigatorio da totalidade dos animais sensibles das explotacións afectadas.

O Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica, e o Real decreto 546/2003, do 9 de maio, polo que se establecen disposicións específicas de loita fronte a peste porcina africana, indican as medidas que se tomarán ante a aparición destas enfermidades porcinas. No caso de confirmación da enfermidade, estas normativas establecen o sacrificio obrigatorio dos animais das explotacións afectadas, e sinálase expresamente nos dous casos que este sacrificio dará lugar á correspondente indemnización, de acordo cos baremos previstos na normativa vixente.

A Unión Europea elaborou unha normativa específica en materia de control de salmonela, constituída polo Regulamento (CE) nº 2160/2003 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de novembro, sobre o control da salmonela e outros axentes zoonóticos específicos transmitidos polos alimentos. O artigo 5 do dito regulamento dispón que os Estados membros establecerán programas nacionais de control para cada unha das zoonoses e dos axentes zoonósicos enumerados no anexo I para alcanzar os obxectivos comunitarios de redución da prevalencia das zoonoses e dos axentes zoonósicos indicados no seu artigo 4. Dentro deste marco, o Estado español elabora anual ou plurianualmente o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de aves reprodutoras da especie Gallus gallus, o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de galiñas poñedoras da especie Gallus gallus e o Programa nacional para o control de salmonela en pavos, que son aprobados mediante decisións comunitarias. Entre as medidas previstas nestes programas figura o sacrificio obrigatorio das aves das mandas consideradas infectadas.

O Real decreto 445/2007, do 3 de abril, polo que se establecen as medidas de loita contra a influenza aviaria, incorpora ao dereito español a Directiva 2005/94/CE do Consello, relativa a medidas comunitarias de loita contra a influenza aviaria; este real decreto establece que o sacrificio obrigatorio das aves daralle dereito ao seu titular á correspondente indemnización.

O Real decreto 1988/1993, do 12 de novembro, polo que se establecen medidas para a loita contra a enfermidade de Newcastle, establece que cando se confirme oficialmente a enfermidade nas aves de curral a autoridade competente ordenará o seu sacrificio in situ e a súa destrución.

O artigo 21 da Lei 8/2003, de sanidade animal, no que se refire á loita, control e erradicación das enfermidades dos animais, establece que o sacrificio obrigatorio destes ou, de ser o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados, dará lugar á correspondente indemnización, en función dos baremos aprobados oficialmente. Igualmente, establece que serán indemnizables os animais que morran por causa directa tras ser sometidos a tratamentos ou manipulacións preventivos ou con fins de diagnóstico ou, en xeral, os que morresen no contexto das medidas de prevención ou loita contra unha enfermidade como consecuencia da execución de actuacións impostas pola autoridade competente.

Os baremos oficiais de indemnizacións que deben ser aplicados son os que están vixentes e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante ordes e reais decretos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Así, temos o Real decreto 389/2011, do 18 de marzo, polo que se establecen os baremos de indemnización de animais no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles; o Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores; o Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica; a Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos, para animais destas razas; a Orde do 30 de decembro de 1987, pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, correspondentes a animais pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos; e a Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, neste outro tipo de razas.

Pero para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere imprescindible decretar o sacrificio obrigatorio de animais afectados por enfermidades sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, para as cales non exista baremo, ou por enfermidades non sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación e que tampouco teñan baremo establecido, procede fixar a contía dos baremos de indemnización.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

Acordo:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2017 (procedemento MR553C).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e dos seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.

f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morresen como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se encontren en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos

1. Para os efectos de ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas titulares implicadas e as explotacións gandeiras afectadas:

a) Cumprirán e seranlles de aplicación os contidos da normativa en vigor, citada a continuación, que afecten directamente o correcto desenvolvemento dos programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais: sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a propia dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Terán a obriga de cumprir o contido do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e, polo tanto, non estarán incursos en ningunha das circunstancias causantes da perda do dereito á indemnización previstas no artigo 17.2 do citado Real decreto 2611/1996.

c) As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia: en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, da Consellería do Medio Rural.

d) Será efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que fosen emitidas pola autoridade competente.

2. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural, como órganos competentes para a tramitación do procedemento de concesión da indemnización, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos no número 1 anterior.

Artigo 4. Contía das indemnizacións

1. As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

2. No caso de indemnización por sacrificio decretado pola aparición dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle, a contía da indemnización será a fixada nos baremos establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores, e mais no anexo II desta orde.

3. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as cales non haxa un baremo xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

4. En caso de que se decrete o sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas do bovino, ovino e cabrún, afectados por enfermidades non sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as cales non haxa un baremo xa aprobado, a contía dos baremos de indemnización será a fixada no punto 2 anterior e no anexo II desta orde.

5. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1 alínea d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. A presentación da solicitude de concesión de indemnización pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das indemnizacións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas indemnizacións e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades”, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Artigo 7. Inicio do procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión iniciarase por instancia de parte coa presentación da solicitude de indemnización por parte da persoa interesada, e empregando o formulario que se recolle como anexo I desta orde (procedemento MR553C).

2. Cando as indemnizacións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, no seu defecto, co que figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude deste procedemento inclúe un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

3. A solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria: nela, a persoa solicitante anotará os datos bancarios que corresponderán ao titular da explotación, para os efectos de pagamento das indemnizacións. Así mesmo, declarará a súa veracidade.

Artigo 8. Disposicións para as solicitudes de iniciación

1. As persoas interesadas no procedemento de concesión de indemnizacións que se xeren durante o ano 2017 deberán presentar o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (procedemento MR553C).

2. Para as persoas titulares de explotacións gandeiras que aínda teñan pendentes de tramitación, por parte da Consellería do Medio Rural, unha ou máis indemnizacións correspondentes ao ano 2016:

a) A persoa interesada no procedemento que non presentase durante o ano 2016 a/s solicitude/s de indemnización correspondentes a ese ano deberá presentar no ano 2017 unha única solicitude para todas elas, e empregando o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (procedemento MR553C).

b) Á persoa interesada que si presentase en tempo e forma durante o ano 2016 o/s formulario/s de solicitude (anexo I - procedemento MR553C) seralle de aplicación a apreciación que se recolle na disposición adicional segunda desta orde: non será necesario que presente de novo durante o ano 2017 a/s citada/s solicitude/s.

Artigo 9. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar, segundo o caso de que se trate, a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIF tanto da persoa solicitante como da persoa representante. A copia do DNI ou NIF só será necesaria presentala se se denega expresamente a súa consulta no formulario de solicitude.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica ou unha entidade sen personalidade xurídica: copias dos documentos de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia. O representante poderá ser unha persoa física con capacidade de obrar ou unha persoa xurídica sempre que estea previsto nos seus estatutos.

d) Xustificantes (certificado/informe) do sacrificio dos animais no matadoiro. No caso de animais trasladados ao matadoiro con documentos Conduce, en que o sacrificio é certificado polo veterinario oficial, non será necesario que a persoa interesada achegue o certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro.

e) Se procede, xustificantes da morte ou eutanasia dos animais positivos/sospeitosos ou de baleiro sanitario: certificado veterinario oficial, informe do veterinario da explotación. No caso de que o documento sexa unha acta de inspección emitida polos servizos veterinarios oficiais que comprobaron os feitos, non será necesario que a persoa interesada achegue esta por estar xa en poder da Administración.

f) De ser o caso, documentos comerciais de acompañamento para o transporte de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

2. No suposto de que algún dos documentos citados nas letras a), b), c), ou d) do punto 1 anterior xa estea en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 5.1 desta orde.

3. No caso de que morran animais da explotación afectada antes do seu traslado con destino ao matadoiro sen que a persoa titular/responsable destes achegase aos servizos veterinarios oficiais a documentación xustificativa sinalada nas alíneas e) ou f) do parágrafo 1 anterior, os mencionados animais non serán indemnizables aínda que estean incluídos na correspondente resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario.

Artigo 10. Presentación de novas solicitudes e de documentos complementarios

Cada vez que a persoa solicitante demande as indemnizacións, e unha vez que lle sexa entregada a resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario emitida pola autoridade competente e sexa efectivo o sacrificio dos animais incluídos nela, deberá presentar unha nova solicitude de indemnización, utilizando o mesmo anexo I desta orde (procedemento MR553C). Xunto coa solicitude achegará, se é o caso, a documentación necesaria sinalada nela.

Artigo 11. Emenda e mellora da solicitude

A persoa interesada que non presente a solicitude (anexo I) correctamente cuberta ou non entregue a documentación que corresponda, ou ben non emende a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días hábiles (excluíndose do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos) desde o momento en que llo notifique o Servizo de Gandaría provincial, terase por desistida da súa petición, segundo o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015.

Artigo 12. Documentos que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión das indemnizacións, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntarana aos correspondentes expedientes:

1. Documentos oficiais de traslado dos animais ao matadoiro: documentos Conduce, guías sanitarias, etc. No caso de animais trasladados con documentos Conduce ao matadoiro, estes documentos serán suficientemente acreditativos do sacrificio dos animais, sen necesidade de que a persoa solicitante presente outros certificados.

2. Xustificantes de destrución dos animais ou dos produtos. Para estes efectos, solicitaranse ás empresas autorizadas pola autoridade competente correspondente.

3. Xustificante de pertenza ou non da explotación a unha ADSG (agrupación de defensa sanitaria gandeira), para os efectos de baremación da indemnización recollida no Real decreto 389/2011, do 18 de marzo (anexo I, punto 3: incremento do 10 %). Ao respecto, se é o caso, a data que se terá en conta na dita baremación para determinar se a explotación pertence a unha ADSG será:

a) No caso dos programas de erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina e brucelose ovina e cabrúa, e o programa de vixilancia da leucose bovina, calquera data anterior á data en que se realizou na explotación a primeira proba sanitaria oficial do programa en que se detectaron animais sospeitosos/positivos, ou ben unha data anterior á data en que os servizos veterinarios oficiais do matadoiro atoparon no animal lesións compatibles coa enfermidade.

b) No caso dos programas de encefalopatías esponxiformes transmisibles e da lingua azul, será a data en que a autoridade competente determinou o sacrificio do animal, se este se efectuou por sospeita, ou a data en que o laboratorio oficial emitiu o ditame de positividade, se o animal non fose previamente sacrificado.

c) A explotación que estea incluída en ADSG para continuar a percibir o dito incremento do 10 % deberá seguir pertencendo a unha ADSG cada vez que a persoa titular da explotación ou interesada presente unha solicitude de indemnización.

4. Resolucións de sacrificio e de baleiro sanitario dos animais con destino o matadoiro, e emitidas pola autoridade competente da Consellería do Medio Rural.

5. Documento obtido das bases de datos da Consellería do Medio Rural que acredita a clasificación zootécnica da subexplotación a que pertencían os animais.

Artigo 13. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado MR553C dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A presentación electrónica da solicitude será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens (CB), sociedades civís (SC), sociedades agrarias de transformación (SAT), etc.) e para as persoas representantes dunha das anteriores.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave «Chave 365» (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As persoas físicas poderán elixir en todo momento se queren levar a cabo a presentación electrónica ou non. Por non estaren obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado MR553C dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Lugar e forma de presentación da documentación complementaria

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. A presentación electrónica da documentación complementaria será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens (CB), sociedades civís (SC), sociedades agrarias de transformación (SAT), etc.) e para as persoas representantes dunha das anteriores.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. As persoas físicas poderán elixir en todo momento se queren levar a cabo a presentación electrónica ou non. Por non estaren obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 15. Disposicións na instrución do procedemento

1. Unha vez reunida a documentación mencionada nos artigos 9 e 12 desta orde, xunto coa solicitude da indemnización (anexo I), os servizos provinciais de gandaría remitiranlle á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias os seus informes para proposta de resolución (un informe para cada solicitude de indemnización), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da dita dirección.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias emitirá as correspondentes propostas de resolución.

3. As propostas de resolución remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para os efectos de resolver as indemnizacións, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015.

4. Os órganos xestores tramitarán durante o ano 2017, ademais das indemnizacións correspondentes a ese ano, todas as indemnizacións que quedasen pendentes do ano 2016.

Artigo 16. Cómputo de prazos

1. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2017.

2. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2017, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.

Artigo 17. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (emendas, modificacións das solicitudes, alegacións,..), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución dos expedientes de indemnizacións correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015, e emitiraa no prazo máximo de cinco meses contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse denegada a solicitude de indemnización por silencio administrativo.

2. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma indemnización, outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), superando o valor de mercado do animal sacrificado.

Artigo 19. Notificación

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaránselles ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. A notificación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens (CB), sociedades civís (SC), sociedades agrarias de transformación (SAT), etc.), e para as persoas representantes dunha das anteriores.

As persoas físicas poderán decidir e comunicar en calquera momento á Administración actuante que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, ou ben o da notificación en papel, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Recursos

Contra as resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde poderanse interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Medio Rural, e segundo os artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a) No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa.

b) Nos casos de resolución presunta poderá interporse o recurso de reposición en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda denegada a indemnización.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Réxime de compatibilidade

1. As indemnizacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra indemnización que poida obterse das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere o valor de mercado que tiña o animal inmediatamente antes do seu sacrificio.

2. Neste ámbito de acumulación de indemnizacións, o formulario de solicitude recollido nesta orde (anexo I-procedemento MR553C) inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras indemnizacións concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 22. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, a persoa solicitante terá a obriga do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan no cumprimento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 23. Xustificación

1. Os expedientes de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde iniciaranse cando as persoas interesadas presenten a solicitude de indemnización (anexo I) (procedemento MR553C) e, se é o caso, a documentación recollida no artigo 9.1 desta orde.

2. Se for procedente, e segundo a enfermidade de que se trate, xustificarán que levaron a cabo o sacrificio obrigatorio dos animais (ordenado por resolución da autoridade competente), coa presentación do correspondente certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro ou ben, se é o caso, o documento acreditativo da morte ou eutanasia do animal. Se é o caso, os certificados de sacrificio poderán ser substituídos polos documentos Conduce, oportunamente selados e asinados polo veterinario oficial do matadoiro.

3. O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións ou requisitos establecidos nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización.

Artigo 24. Pagamento

1. O pagamento das indemnizacións tramitarase logo de comprobaren os órganos xestores do procedemento de concesión que as persoas solicitantes e as súas explotacións gandeiras afectadas cumpren as condicións e os requisitos sinalados nesta orde.

2. Así mesmo, o pagamento estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 25. Controis

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar a veracidade dos datos comunicados e da documentación presentada, así como para verificar o cumprimento dos requisitos para a percepción da indemnización. A persoa solicitante estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. Neste marco, as persoas solicitantes terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos xestores, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas e polo Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 26. Financiamento

1. As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2017 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2016, financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017:

13.03.713E.770.0, cunha dotación de 800.000 € (oitocentos mil euros).

Proxecto 2012 00748.

2. A convocatoria para a concesión destas indemnizacións tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2017, no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional primeira

A todos os aspectos non regulados na presente orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

No caso de que durante a instrución do ano 2016 houbese solicitudes de indemnizacións presentadas en tempo e forma por persoas interesadas, así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos de gandaría provinciais, e ao abeiro da Orde do 4 de decembro de 2015 da Consellería do Medio Rural, que rexía a concesión destas indemnizacións (procedemento MR553C), e que non se puidesen tramitar durante o ano 2016, teranse en conta no procedemento de concesión de indemnizacións para o ano 2017 (trátase tamén do mesmo procedemento MR553C) e ao abeiro desta orde, sen necesidade de que as ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude normalizada para elas, nin tampouco que os servizos de gandaría provinciais emitan novos informes para proposta de resolución se xa están xerados.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte á súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO II
Baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas da bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades non sometidas
a programas sanitarios nacionais

1. Especie porcina:

Sementais e reprodutoras: 240,00 euros unidade.

2. Avicultura:

Polos de engorda da especie Gallus gallus

Semanas de vida

Euros/ave

1

0,14

2

0,32

3

0,54

4

0,84

5

1,16

6

1,49

7 e máis

1,80

Pavos de engorda da especie Meleagris gallopavo

Semanas de vida

Euros/ave

Machos

Femias

2

0,28

4

1,12

6

2,18

1,88

8

3,25

2,64

10

5,12

3,91

12

6,98

5,17

14

8,94

6,58

16

10,90

7,99

18 e máis

12,34

8,76

missing image file
missing image file