Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56580

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de decembro de 2016 pola que se prorroga durante o cuarto trimestre de 2016 o acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, e, así mesmo, á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Polo que atinxe a esta materia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe plenas competencias, xa que a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, lle foron transferidos pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os que se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma e como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño.

Por outra banda, con data do 14 de outubro de 2003 a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal, polo que durante o ano 2008 se debería negociar e, se for o caso, aprobar, un novo acordo para os vindeiros anos. Por diversas circunstancias non foi posible acadar no ámbito negocial ese acordo novo, e logo das obrigadas conversas co Consello Galego dos Procuradores, ambas as dúas institucións acordaron a prórroga do baremo establecido no acordo do ano 2003 nas cantidades de compensación económica que rexeron no ano 2008 actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 ao tempo que as partes inician un proceso negociador coa finalidade de acadar un acordo para os vindeiros anos.

Así mesmo, a Orde 2 de agosto de 2012 desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. A prórroga do Acordo do 14 de outubro de 2003 entre a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores, polo que se estableceu o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta.

Segundo. Durante o cuarto trimestre do ano 2016 as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as que rexeron durante o ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 especificadas no anexo da presente orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de procuradores, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da presente orde, de acordo co artigo 38.3 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, e tendo en conta o disposto nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 2 de agosto de 2012.

Terceiro. Os procuradores percibirán o 100 % da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual en que interveña o procurador, ou a apertura do xuízo oral.

b) Nos procesos civís, a presentación da copia da providencia de admisión da demanda ou de ter por formulada a contestación dela.

c) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do procurador dos tribunais.

d) Nas apelacións civís, a presentación da copia da providencia pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

e) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

f) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da providencia pola que se teña por interposto o recurso.

Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

g) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de recaída resolución xudicial, presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos pola copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Cuarto. En cumprimento do establecido no artigo 44.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e do disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, dentro do mes natural seguinte ao da finalización do cuarto trimestre de 2016, o colexio de procuradores remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como unha relación desagregada a que fai referencia a Orde do 2 de agosto de 2012.

Quinto. En cumprimento do establecido do artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e segundo o establecido na Orde do 2 de agosto de 2012, os colexios de procuradores deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos a que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008.

Disposición adicional única

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001), e queda a eficacia da presente orde sometida á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para financiar as obrigas derivadas desta.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Módulos e bases da compensación económica

Baremos para o cuarto trimestre do ano 2016

Procuradores/tipoloxía

Xurisdición penal

Código

Denominación

Módulo

101

Procedemento ante o xulgado de instrución en sumarios ou causas perante o tribunal do xurado

36,91 €

102

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados de especial complexidade (actuacións de máis de 1.000 folios)

25,68 €

103

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados

14,02 €

104

Intervención ante o xulgado de instrución en xuízos rápidos

25,68 €

105

Xuízo oral ante a audiencia provincial

21,09 €

106

Xuízo oral ante o xulgado do penal

21,01 €

107

Xuízo por delitos leves (*)

28,02 €

108

Recurso de apelación

31,53 €

109

Procedemento ante o xulgado de vixilancia penitenciaria (*)

23,35 €

Xurisdición civil

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ordinario

44,37 €

202

Xuízo verbal e procesos especiais

35,02 €

203

Proceso matrimonial contencioso (completo)

52,53 €

204

Proceso matrimonial de mutuo acordo

36,91 €

205

Medidas provisionais previas

14,02 €

206

Modificación de medidas definitivas

49,03 €

208

Execución de títulos xudiciais con oposición ou posteriores a dous anos

30,00 €

209

Recurso de apelación. Tramitación ante a instancia

18,92 €

210

Recurso de apelación. Tramitación ante a audiencia

12,61 €

Xurisdición contencioso-administrativa

Código

Denominación

Módulo

301

Recurso contencioso-administrativo (*)

35,02 €

302

Recurso de apelación (*)

31,53 €

Xurisdición social

Código

Denominación

Módulo

401

Proceso laboral (*)

36,91 €

402

Recurso de suplicación (*)

31,53 €

Xurisdición militar

Código

Denominación

Módulo

501

Proceso íntegro

35,02 €

Recursos de casación e amparo

Código

Denominación

Módulo

606

Recurso de casación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

35,02 €

Normas xerais

Código

Denominación

Módulo

701

Execución de sentenza posterior aos dous anos de ditada a resolución xudicial, agás a xurisdición civil

20,00 €

(*) Cando a intervención do procurador sexa requirida expresamente pola autoridade xudicial de conformidade co artigo 6.3 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta.