Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2017 Páx. 541

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 328021

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, de acordo co establecido no artigo 4.2.c) desta orde.

Segundo. Obxecto

Conceder axudas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O importe máximo adxudicado por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €), para o ano 2017 90.000,00 euros e para o ano 2018 110.000,00 euros, do seguinte xeito:

a) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 euros.

b) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 euros.

c) Quedarán excluídos destas axudas aqueles proxectos que, despois de aplicado o baremo previsto nesta orde, alcancen unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

d) A contía fíxase en 20 euros por páxina, como máximo.

e) O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

f) A axuda non pode superar, en ningún caso, os 6.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria