Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 928

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2016 pola que se publica o orzamento para 2017.

Con data do 22 de decembro de 2016 foi aprobado polo Consello Social da Universidad de Santiago de Compostela o orzamento da Universidade para o ano 2017.

Esta reitoría, en uso das atribucións conferidas polo artigo 171 dos estatutos da Universidade, resolve a súa publicación.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

Juan Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento 2017
Universidade de Santiago de Compostela

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, e no artigo 171 dos estatutos da Universidade aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, pola presente norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2017, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de 225.110.652,43 euros.

Clasificación económica

Ingresos:

2017

Non afectados

Afectados

Total

Capítulo III

24.806.170,00 €

10.120.650,00 €

34.926.820,00 €

Capítulo IV

118.886.015,00 €

17.589.170,00 €

136.475.185,00 €

Capítulo V

317.000,00 €

0 €

317.000,00 €

Capítulo VI

0 €

0 €

0 €

Capítulo VII

17.860.737,60 €

30.763.179,83 €

48.623.917,43 €

Capítulo IX

762.070,00 €

4.005.660,00 €

4.767.730,00 €

Total ingresos

162.631.992,60 €

62.478.659,83 €

225.110.652,43 €

Gastos:

2017

Non afectados

Afectados

Total

Capítulo I

128.696.873,26 €

15.627.376,00 €

144.324.249,26 €

Capítulo II

22.486.733,32 €

1.977.850,00 €

24.464.583,32 €

Capítulo III

787.011,00 €

0,00 €

787.011,00 €

Capítulo IV

1.057.280,00 €

826.791,00 €

1.884.071,00 €

Capítulo V

350.000,00 €

0,00 €

350.000,00 €

Capítulo VI

3.904.005,02 €

44.046.642,83 €

47.950.647,85 €

Capítulo VII

200.000,00 €

0,00 €

200.000,00 €

Capítulo VIII

500.000,00 €

0,00 €

500.000,00 €

Capítulo IX

4.650.090,00 €

0,00 €

4.650.090,00 €

Total gastos

162.631.992,60 €

62.478.659,83 €

225.110.652,43 €

As cifras do orzamento incorporaranse aos sistemas de xestión redondeando os decimais. No caso de se ter que realizar algún axuste por desviación agregada, esta regularizarase na partida que decida a Xerencia de entre as asignadas a ela.

Teito de gasto non financeiro:

O teito de gasto non afectado para o exercicio 2017 ascende a 162.631.992,6 euros.

Normas de execución do orzamento:

O orzamento do ano 2017, igual que os dous exercicios anteriores, mantén a diferenciación dos créditos afectados ao cumprimento dunha actividade específica daqueles outros destinados ao funcionamento ordinario da Universidade, os non afectados.

Artigo 1. Os créditos e as súas vinculacións

As partidas do orzamento de gastos para o 2017 preséntanse de acordo coas clasificacións orgánica, funcional e económica.

1. Os créditos con financiamento afectado terán carácter vinculante co nivel de desagregación con que figuren no orzamento.

2. A vinculación dos créditos non afectados establécese conforme os seguintes criterios:

a) Vinculación orgánica.

Os créditos que figuran no orzamento asignados a centros ou unidades orgánicas teñen carácter vinculante e limitativo a nivel de código orgánico.

b) Vinculación económica.

Terán carácter vinculante e limitativo a nivel de capítulo orzamentario:

– Os créditos destinados a gastos de persoal, agás o artigo 15 (gratificacións e produtividade), que manteñen a súa vinculación a nivel de artigo.

– Os gastos en bens correntes e servizos.

– Os gastos financeiros.

Terán carácter vinculante a nivel de artigo orzamentario:

– Os investimentos reais.

– Os activos e pasivos financeiros.

Terán carácter vinculante a nivel de concepto orzamentario as transferencias correntes e as transferencias de capital, coa excepción das subvencións nominativas, que terán carácter vinculante co nivel de desagregación con que aparece no orzamento.

c) Vinculación funcional.

Os créditos que figuran no orzamento asignados a centros ou unidades orgánicas teñen carácter vinculante e limitativo a nivel de código funcional.

Limitación cuantitativa:

a) Non se poderán adquirir compromisos de gasto por contía superior ao importe do crédito autorizado no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, de acordo co artigo 57 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

b) Será causa de apertura dun expediente de información reservada ao director de centro de gasto, pola contratación ou encargo a un terceiro dunha prestación con cargo aos orzamentos da USC cando non exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos.

Limitación temporal:

A vixencia temporal das partidas orzamentarias é o exercicio económico que se corresponde co ano natural, agás para:

a) As partidas orzamentarias de actividades con financiamento específico, que manterán a súa vixencia ata a data de fin da actividade.

b) Aquelas actividades cuxa duración exceda o exercicio orzamentario, para o cal deberá periodificarse o crédito en función da previsión da execución do gasto nos exercicios orzamentarios en que a actividade estea vixente.

c) Non poderán adquirirse compromisos de gasto que excedan a vixencia da actividade financiada.

Artigo 2. Modificacións de crédito

1. As modificacións de crédito exixirán unha proposta razoada da variación que se efectúe, e deberá valorarse a incidencia que poida ter, de ser o caso, na consecución dos obxectivos fixados no momento da aprobación do orzamento.

2. Non se poden financiar nin total nin parcialmente gastos afectados con créditos non afectados, agás para aqueles programas de xestión integrada de investigación ou as actividades de carácter institucional para os que así o aprobe o Consello Social por proposta do Consello de Goberno.

3. Terán a consideración de distribucións de crédito, autorizadas polo reitor, as transferencias que se realizan desde as partidas que teñen a consideración de fondos ás partidas específicas afectadas ao cumprimento da actividade que orixina o financiamento.

4. Consideraranse distribucións de créditos as modificacións que se realicen para dotar crédito a:

a) Departamentos.

b) Teses de doutoramento.

c) Concursos para a provisión de prazas.

d) Prácticas de campo.

e) Programas de calidade.

f) Cursos de posgrao.

g) Proxectos, contratos, reunións científicas, convenios de investigación e infraestruturas de investigación.

5. A autorización das modificacións de crédito axustarase ao disposto no artigo 174 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, de acordo coas seguintes particularidades:

a) Corresponde ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, a aprobación:

– Dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito.

– Das ampliacións de crédito.

– Das transferencias de crédito de operacións correntes a operacións de capital e de operacións de capital a correntes de programas de mantemento xerais e programas de investimentos.

b) Corresponde ao reitor a aprobación:

– Das xeracións de crédito.

– Da incorporación de remanentes.

– Das transferencias de crédito entre operacións correntes e de capital por causas derivadas do cumprimento de normas de carácter xeral.

6. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da Universidade os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzada, derivados das seguintes operacións:

– Prestacións de servizos.

– Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da Universidade.

7. Para garantir a execución das actividades financiadas con recursos externos, poderase xerar crédito nas partidas 8050 7000 64100 (fondo proxectos de investigación), 8050 7000 64200 (fondo de contratos e convenios de investigación) e a partida 5505 1100 22800 (fondo cursos posgrao propio) sen o requisito do número anterior.

Artigo 3. Gastos de persoal

As retribucións do persoal activo ao servizo da Universidade quedan suxeitas ao que, nesta materia, dispoña a normativa da Comunidade Autónoma galega para o exercicio 2017, recuperándose os conceptos retributivos minorados como consecuencia do axuste retributivo recollido na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

a) O persoal contratado con cargo ás axudas dos programas de recursos humanos percibirá en todo caso as retribucións mínimas establecidas nas convocatorias.

b) Os cadros de persoal incluídos no anexo correspóndense coas prazas orzadas o día 1 de xaneiro de 2017.

As relacións de postos de traballo deberán ser adaptadas aos cadros de persoal orzados e ás variacións que se produzan como resultado da aplicación das medidas derivadas do plan económico financeiro de equilibrio de conformidade co establecido nos artigos 21.2, 22.2 e 106 d) dos estatutos, no que atinxe ao PDI, e ao artigo 41.1, no que atinxe ao PAS.

c) De conformidade co establecido na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, as relacións de postos de traballo poderán modificarse para executar as sentenzas xudiciais firmes de recoñecemento dunha relación laboral de carácter indefinido non fixo que requiran a creación de postos de traballo, por non poder adscribir os afectados a un posto preexistente que estea vacante sen ocupación. Este posto preexistente deberá ser acorde coa natureza funcionarial ou laboral en relación coas funcións asignadas pola sentenza xudicial firme para poder adscribir a el o persoal afectado.

d) No orzamento dótase un fondo de 650.000 euros para atender os incrementos ou melloras en materia de persoal coa seguinte distribución: PAS 150.000 euros e PDI 500.000 euros, de acordo coa actualización do plan económico financeiro de reequilibrio.

e) As contratacións de persoal para substitucións de vacantes, baixas por enfermidade ou outras causas serán financiadas con cargo aos créditos dos correspondentes cadros de persoal, supeditándose á súa suficiencia.

f) Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servizos financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos.

g) Tamén poderán xerar crédito no capítulo I os ingresos derivados do financiamento por terceiros de custos da estrutura de persoal.

h) A Xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá as modificacións de crédito que correspondan.

i) Os créditos para o pagamento dos conceptos de produtividade investigadora, complementos retributivos autonómicos, complementos asistenciais Sergas e complemento asistencial Rof-Codina son afectados e financiados na súa integridade coas achegas específicas do Plan galego de financiamento universitario 2016-2020 e, consecuentemente, terán a consideración de crédito ampliable os créditos que amparan os ditos gastos.

j) Inclúense no capítulo I os créditos destinados ao financiamento dos plans de formación do persoal de administración e servizos, así como os correspondentes á acción social do persoal.

k) Non se incluirán na nómina do mes de agosto pagamentos correspondentes á impartición de cursos, conferencias, colaboracións, asistencias a órganos colexiados ou retribucións similares do persoal con vinculación xurídica coa USC.

l) Na contratación de persoal laboral temporal tomaranse as medidas necesarias para evitar, na medida do posible, que a Universidade teña que asumir gastos de indemnizacións derivados de sentenzas xudiciais.

Entre estas medidas poderán instrumentarse mecanismos para repercutir eses custes potenciais nas unidades ou responsables das propostas de contratación que dean lugar a eses gastos.

Artigo 4. Actividades de I+D+i e tipos de programas

A Universidade de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento das actividades de I+D+i executadas con cargo a financiamento afectado e con carácter finalista, establecerá dous tipos de programas:

a) Programas de xestión integrada (en diante PXI).

b) Actividades, proxectos e contratos de investigación singularmente considerados (en diante actividades singulares de I+D+i, AS).

4.1. Programas de xestión integrada (PXI).

A Xerencia ditará instrucións específicas sobre a xestión orzamentaria destes programas co obxecto de optimizar o aproveitamento dos seus recursos e facilitar a estabilidade da súa actividade conxunta.

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/goberno/xerencia/instrucions/Descargas2015/Instrucion_IX.pdf.

4.2. Actividades singulares de I+D+i (AS).

Cada proxecto, convocatoria ou actividade singular de investigación debe estar aprobada polo órgano competente. No caso de contratos de investigación deberán estar aprobados pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D e darase conta ao Consello de Goberno, de conformidade co regulamento para a realización de actividades de investigación ao abeiro do establecido no artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, de universidades. Entenderanse como tales as seguintes actividades:

– Actividades ou proxectos con prazo de execución determinado e financiamento específico desenvolvidos no marco de programas con fins de investigación vía convocatoria pública competitiva.

– Actividades de I+D+i desenvolvidas baixo contrato cunha empresa ou consorcio de empresas asociadas a un proxecto financiado por programas públicos de I+D+i dirixidos a entidades privadas.

– Contratos e convenios asinados con empresas, fundacións, organismos públicos, etc. que teñan por obxecto a realización dun proxecto de I+D, o desenvolvemento programado dunha liña de investigación colaborativa (unidades mixtas, plataformas tecnolóxicas), a realización de programas de valorización de resultados ou a prestación dun servizo de asistencia técnica ou asesoramento asociados ás capacidades propias de I+D+i.

Cada proxecto ou contrato de investigación singularmente considerado deberá autofinanciarse de xeito completo.

Artigo 5. Créditos de centros, departamentos, institutos e centros singulares

1. Os créditos asignados terán por finalidade financiar os gastos necesarios para o seu funcionamento ordinario.

2. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo a eses créditos.

Artigo 6. Créditos ou gastos plurianuais. Xestión e contabilización dos créditos e gastos

1. De acordo coas instrucións operativas que se diten, os gastos plurianuais que se inicien ou que teñan vixencia no exercicio 2017 e en futuros exercicios exixen a contabilización da anualidade en cadanseu exercicio e a necesidade da actualización cando se produza algunha modificación respecto dos datos iniciais.

2. En consonancia co anterior, no exercicio corrente faranse as autorizacións de crédito e os sucesivos axustes dos gastos derivados da contratación administrativa, de persoal ou nomeamento de bolseiros con cargo a créditos financiados con achegas específicas, conforme sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

3. En 2017 actualizaranse as autorizacións de crédito polo importe dos contratos en vigor de servizos, subministracións ou obras. O importe para consignar será o acordado para o exercicio, no caso de ser un contrato de contía fixa, e o importe estimado de consumo, no caso de contratos de contía variable. Para a revisión de prezos dos contratos deberá enviarse ao Servizo de Xestión Económica a autorización de crédito efectuada segundo o dito anteriormente.

4. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentarias para actividades de I+D+i será realizada pola Servizo de Xestión de Actividades de I+D, para o que se efectuarán distribucións de crédito desde as partidas xenéricas 8050.7000.64100 (proxectos de investigación) e 8050.7000.64200 (contratos e convenios de investigación). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servizos, co importe da facturación prevista para 2017.

Para estes efectos, a vicerreitora de Investigación e Innovación ten delegada a sinatura das distribucións de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectúa o Servizo de Xestión de Actividades de I+D aos directores dos centros de gasto e responsables de asuntos económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo Servizo de Contabilidade e Orzamentos.

5. As dotacións específicas para os cursos de posgrao xestionados polo Centro de Estudos Propios (CEP) faranse de xeito similar ao establecido no parágrafo anterior, para o que se distribuirá o crédito ás partidas correspondentes de cada curso desde a partida 5505.1100.22800.

6. Non obstante, no caso de que as dotacións para actividades de I+D+i ou cursos de posgrao superen os importes das referidas partidas, efectuaranse as correspondentes xeracións de crédito.

Artigo 7. Imputación de gastos

1. Con cargo aos créditos asignados no orzamento só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, prestacións de servizos e demais gastos en xeral que se realicen no ano natural do correspondente exercicio económico.

2. O reitor poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores como consecuencia de compromisos adquiridos de conformidade co ordenamento para os cales existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

3. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos por xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servizo pendentes ao peche do exercicio imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior, ao non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 8. Remanentes de crédito

O necesario axuste da contabilidade da USC e, en consecuencia, a adaptación da execución orzamentaria ás normas de contabilidade nacional, e o necesario axuste do déficit segundo os compromisos adquiridos no plan económico financeiro de reequilibrio aprobado, exixe manter o tratamento dos remanentes segundo o establecido para os anteriores exercicios, que se concreta nas seguintes normas:

1. De acordo co establecido no artigo 59 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean comprometidos para o cumprimento de obrigas recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito.

2. Non obstante, poderán incorporarse ao exercicio corrente os créditos non obrigados ao fin do exercicio anterior e que se correspondan coas seguintes situacións:

a) Titulacións de posgrao propias: poderán ser incorporados os créditos sempre e cando a vixencia do curso abranga máis dun exercicio. O crédito será anulado en todo caso no fin do exercicio económico do ano en que remata o curso.

b) Titulacións de posgrao oficiais con financiamento externo doutras entidades públicas ou privadas: igual que no caso anterior, poderase incorporar o crédito ao exercicio económico seguinte ou seguintes en función da duración prevista da edición financiada da titulación. O crédito será anulado en todo caso no fin do exercicio económico do ano en que remata o curso.

c) As actividades de investigación financiadas ao través de convocatorias competitivas: os remanentes existentes durante a vixencia establecida na concesión serán incorporados. No ano de finalización da actividade en que se presente o informe final, o crédito existente ao fin dese exercicio económico deixará de ter a consideración de remanente incorporable. De ser necesario atender a posibles reintegros e reclamacións, o crédito quedará á disposición da Xerencia.

Non procede a incorporación de remanentes nas seguintes actividades:

a) As que se financian mediante facturación ou autoliquidación como prestacións clínicas, prestación de servizos, cesión de espazos e similares.

b) Cursos de verán, congresos e reunións científicas.

3. Poderán incorporarse ao exercicio seguinte compromisos de gasto anteriores ao último mes, ou ao prazo máximo fixado na instrución para o peche do exercicio no caso de partidas que permanecen, así como os compromisos de gasto tramitados antes do prazo máximo previsto na instrución citada para o caso de partidas que non teñen continuidade.

4. A incorporación dos remanentes de crédito deberá autorizala o reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social dos expedientes aprobados.

5. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ao remanente xenérico de tesouraría será aprobado polo reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

6. Os remanentes incorporados segundo o previsto neste artigo unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio en que se acorde esta incorporación.

Artigo 9. O fondo de imprevistos

No exercicio 2017 habilítase no capítulo V o fondo de imprevistos. Este fondo deberá servir para:

– Cubrir posibles diminucións de financiamento para gastos producidos por diferenzas na aceptación de xustificacións de subvencións.

– Asumir custos financeiros derivados de reintegros de cantidades percibidas ou por devolver.

– Asumir falidos nos procesos de cobramento de servizos.

– Asumir custos derivados da execución de sentenzas xudiciais.

– Atender circunstancias temporais de insuficiencia de recursos en programas de I+D+i.

A xestión do fondo de imprevistos corresponde á Xerencia.

A este fondo aplicaráselle a porcentaxe adicional do 1 % de custos indirectos das actividades que o permitan, así como un importe inicial de recursos orzamentarios non afectados de cen mil euros. Poderá tamén dotarse con outras achegas.

Da aplicación da dotación incluída neste fondo darase conta ao Consello de Goberno.

O remanente de crédito ao final de cada exercicio do fondo de imprevistos de execución orzamentaria non poderá ser obxecto de incorporación ao seguinte exercicio.

Artigo 10. Fondo de continxencia

No exercicio 2017 habilítase no capítulo V do orzamento de gastos un fondo de continxencia destinado ao cumprimento do plan financeiro de reequilibrio.

O dito fondo ten unha dotación de 250.000 euros e del non poderá facerse uso agás no caso dun gasto imprevisto non aprazable e para o cal non exista crédito que permita o seu financiamento.

Artigo 11. Contratación administrativa

En aplicación do establecido no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado por Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro (TRLCSP), os procedementos de adxudicación dos contratos por razón da súa contía e duración son os que se especifican no anexo I ás presentes bases.

Artigo 12. Tarifas

1. Toda proposta de establecemento de novas tarifas deberá ser remitida á Xerencia acompañada dunha memoria económico-financeira que xustifique o importe delas así como o grao de cobertura dos custos correspondentes.

2. É competencia do Consello Social a aprobación das tarifas, mesmo as non incorporadas ao orzamento, que a USC vai aplicar pola prestación de servizos. Corresponde á Xerencia elevar a proposta para a súa aprobación. As tarifas que se publiquen nos respectivos servizos deberán incorporar a referencia da data de aprobación polo Consello Social. Na seguinte ligazón pódense consultar as tarifas oficiais:

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/goberno/xerencia/info_economica/Tarifas_por_servizos_universitarios_2017.pdf.

Artigo 13. Axudas para prezos públicos

As axudas para prezos públicos por servizos académicos estableceranse para o persoal das universidades do SUG con cargo á dotación que se efectúe no fondo de acción social.

Artigo 14. Axudas de custo e locomoción

A percepción de axudas de custo e locomoción debe aterse ao regulado no Real decreto 462/2002 e normas concordantes. En particular, debe terse en conta:

a) Só poderán percibir axudas de custo e locomoción as persoas que acrediten vinculación coa USC e xustifiquen o motivo do desprazamento.

b) Será precisa a autorización previa polo órgano competente da comisión de servizo que dea lugar ao desprazamento.

c) Ademais da autorización anterior, a percepción de axudas pola utilización do vehículo particular para efectuar desprazamentos debe ser excepcional e indicarase sempre o itinerario seguido. Os desprazamentos a fóra de Galicia e que sexan superiores a 300 km será preciso xustificalos achegando recibos de peaxe de autoestradas ou xustificación de reposición de combustible no traxecto.

d) Será precisa a autorización previa polo órgano competente para a tramitación de gastos de alugamento de vehículo. Deberá xuntarse á solicitude de autorización un informe xustificativo da necesidade, da imposibilidade de utilización do transporte público, do período de aluguer e das persoas que van utilizar o vehículo.

e) O importe máximo por aloxamento en cidades de máis de trescentos mil habitantes pode elevarse ata un 50 % do importe establecido para cada grupo.

f) No caso de que o importe do aloxamento supere o máximo establecido, deberá acreditarse documentalmente a imposibilidade de contratar un aloxamento por importe inferior no lugar da comisión de servizo.

g) Deben indicarse as horas de saída e chegada para os efectos do cálculo establecido no artigo 12 do real decreto: percepción de 50 % da axuda de custo por manutención.

h) A localidade de inicio e fin da comisión de servizo é, con carácter xeral, aquela en que o traballador teña o seu posto de traballo. Non obstante, considerarase que é o lugar de residencia nos casos en que este estea máis próximo ao lugar de saída (aeroporto) ou de destino.

i) No caso de aloxamentos nos campus de Santiago e Lugo, darase prioridade ao aloxamento de Casa de Europa, ao aloxamento do S.U.R. e dos hoteis das cidades de Santiago e Lugo con que a USC ten convenio asinado:

(http://www.usc.es/gl/servizos/convenios/hoteis.html).

Artigo 15. Normas en relación con gastos por atencións protocolarias, formación e outros

1. Atencións protocolarias. Os gastos de atención protocolarias deben ir acompañados dunha explicación en que se especifiquen os motivos que xustifican a realización dos gastos e os cargos, persoas ou grupos destinatarios.

2. Gastos de formación individual. Os gastos que se aboen con cargo aos orzamentos da USC deben responder á satisfacción de necesidades públicas. En consecuencia, non se poderán pagar con cargo a partidas do orzamento da USC gastos de formación individual en cursos de verán, cursos básicos de informática e similares, salvo xustificación e autorización expresa do reitor ou órgano en quen teña delegada a competencia.

Poderán tramitarse gastos de formación individual en cursos de idiomas sempre e cando sexan impartidos ou xestionados polo CLM.

3. Cotas por pertenza a asociacións. Non se poderán tramitar con cargo aos orzamentos da USC gastos relativos ás cotas de pertenza a asociacións a título particular.

4. Importes máximos que se retribuirán por conferencias. Cando o importe para aboar pola impartición dunha conferencia supere os 400 euros, será precisa a conformidade do reitor ou órgano en que teña delegada a competencia.

5. Participación do PAS en actividades de I+D+i e de formación. A participación do persoal de administración e servizos en actividades de I+D+i está establecida no Regulamento de colaboración do persoal de administración e servizos da USC en cursos e convenios de investigación, publicado por Resolución reitoral do 20 de maio de 1989 e publicada no DOG do 12 de xullo de 1989:

http://www.usc.es/gl/normativa/investigacion/colapas1.html.

Pola súa parte, a colaboración en actividades de posgrao propio e formación continua está establecida no Regulamento dos estudos de posgrao e formación continua:

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/normativa/descargas/documentos/Regulamento_de_estudos_propios_de_Posgrao_e_cursos_de_formacixn_continua.pdf.

http://www.usc.es/gl/normativa/3ciclo/regulamento_EPFC.html.

Non se autorizará o pagamento de retribucións pola realización doutras actividades ou daquelas que non sigan os procedementos de autorización establecidos nas normas anteriores.

O tope de remuneración por hora de colaboración do persoal de administración e servizos en títulos propios será o establecido na Instrución VIII/2015:

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/goberno/xerencia/instrucions/Descargas2015/Instrucion_VIII_2015.pdf.

6. Persoal contratado e bolseiro con cargo a actividades de I+D+i. As modalidades de incorporación deste persoal, as súas categorías e sistema retributivo deben seguir os procedementos establecidos na normativa da USC publicada en:

http://www.usc.es/gl/normativa/investigacion.

Artigo 16. Pagamentos con tarxeta persoal e medios electrónicos de xustificación dos gastos

1. Pagamentos por medios electrónicos e facturación. As facturas para xustificar gastos que se vaian aboar con cargo ao orzamento da USC deben ser a nome desta, e cos seus datos fiscais, agás nos xustificantes para axudas de custo e locomoción, que serán a título persoal. O pagamento pode facerse con tarxeta persoal sempre que se cumpran os demais requisitos e o gasto estea autorizado por quen proceda.

2. Pagamentos de compras a través da internet ou tarxetas corporativas ou persoais. Mediante instrución, a Xerencia regulará estes aspectos. Para estes efectos, actualizarase a Instrución V/2010 da Xerencia para o reembolso de gastos derivados de compras a través da internet e con pagamento mediante tarxetas persoais, que establece o procedemento para a tramitación destes gastos, actualmente vixente, que tamén establece o procedemento especial para os casos en que, sendo gastos de interese público, non se poidan xustificar mediante factura a nome da USC:

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/goberno/xerencia/instrucions/descargas_anteriores/10_instrucion_v.pdf.

Artigo 17. Tramitación da facturación de provedores da USC

Ao longo de 2017 completaranse as funcionalidades tecnolóxicas para interrelacionar de xeito óptimo ese rexistro co sistema de información contable e asegurar aos provedores a información da tramitación da súa facturación coa USC e permitir a emisión por parte da universidade de facturas electrónicas.

Artigo 18. Custos indirectos

Mantense no exercicio 2017 o establecido nas bases de execución do orzamento 2016 e que se recolle no anexo.

A porcentaxe mínima que se aplicará sobre a base impoñible das actividades será do 15 % para as actividades non incluídas no anexo.

O único límite á aplicación dos custos indirectos será o establecido polas entidades financiadoras sobre a elexibilidade ou non deles.

Disposicións adicionais:

1. Autorízase o reitor para subscribir, de ser necesario, unha póliza de crédito por un importe máximo de 11.800.000,00 euros. Esta contía correspóndese cos importes pendentes de ingreso das sentenzas firmes de IVE a prol da USC dos exercicios 2005, 2006, 2007, 2008, 2012, 2013. A cancelación da póliza será o 31.12.2017 ou anticipada, de producirse o cobramento do IVE.

2. Se, como consecuencia da aprobación de reestruturacións orgánicas ou de medidas de racionalización na xestión do gasto, se producen cambios na codificación das partidas do orzamento, os compromisos adquiridos serán imputados de oficio nas partidas resultantes.

3. Habilítase o reitor para que de xeito extraordinario poida autorizar as modificacións orzamentarias necesarias para as operacións que se deban producir con motivo do peche do exercicio orzamentario e mentres non haxa as reunións dos órganos competentes segundo o establecido no artigo 174 dos estatutos da Universidade.

O reitor tramitará para a súa validación ao Consello de Goberno e Consello Social que corresponda as modificacións autorizadas.

4. Autorízase o xerente da Universidade para que ditar as instrucións necesarias para adaptar e desenvolver as normas de execución do orzamento.

5. Co obxectivo da axeitada aplicación da contabilidade analítica aos servizos, faise necesaria a emisión dunha memoria deles comprensiva do número de produtos, unidades ou servizos prestados, para o que desde a Xerencia se requirirán as memorias de produción logo da definición individualizada cos servizos afectados.

Os servizos previstos son:

– Publicacións.

– Imprenta.

– Servimav.

– Servizo de Deportes.

– Servizo Universitario de Residencias.

– Centro de Linguas Modernas.