Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1059

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural da Fórnea, parroquia de Santo Estevo da Fórnea, no concello de Trabada (expediente PTU-LU-12/089).

O 23.9.2016 tivo entrada no Servizo de Urbanismo de Lugo documentación correspondente ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Trabada, para os efectos da súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

No seu conxunto, a documentación remitida está integrada polo proxecto técnico de delimitación, datado en marzo de 2016, redactado polo arquitecto Santiago Fernández Manzanedo, da consultora Ingaplan, así como a documentación administrativa acreditativa da tramitación realizada.

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

a) O Concello de Trabada dispón dun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 8.5.1978, no cal se sinalan dous perímetros de solo urbano, e se clasifica como solo non urbanizable o resto de terreos do termo municipal, entre os cales se atopan os afectados polo presente expediente.

b) O 29.2.2016 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou resolución (en diante RSXOTU) sobre un proxecto de delimitación precedente.

c) Posteriormente, o Concello realizou os seguintes trámites:

– Emisión de informe do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial de Lugo (1.6.2016), onde se requiría acreditación da aprobación previa do proxecto de delimitación.

– Emisión de informe favorable da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria (9.6.2016).

– Emisión de informe favorable da Deputación Provincial de Lugo (29.7.2016).

– Aprobación plenaria da nova versión do proxecto de modificación (21.9.2016).

II. Aspectos xerais. Contido.

Proponse a delimitación, como núcleo rural complexo, do asentamento poboacional da Fórnea, cunha superficie bruta dunhas 7,55 ha, na cal se diferencian dúas áreas de núcleo rural histórico-tradicional (NRHT) e outras dúas de núcleo rural común (NRC), que ocupan unha superficie bruta global de 2,24 ha e 5,31 ha, respectivamente.

O proxecto delimita o núcleo, determina as aliñacións e zonas edificables, regula as condicións de uso e edificación, e incorpora un catálogo con varias construcións tradicionais que protexer (6 hórreos, 1 pozo, 3 vivendas e 2 edificacións auxiliares). Así mesmo, identifica dúas zonas de uso dotacional (equipamento sociocultural-deportivo e estación de bombeo da rede de abastecemento).

III. Observacións.

Unha vez analizado o documento e posto en relación coas observacións formuladas na Resolución da SXOTU do 29.2.2016, púidose comprobar:

– (Epígrafe III.1): emendáronse as deficiencias, e reuníronse os informes sectoriais referidos (telecomunicacións e estradas provinciais) con resultado favorable; e determináronse no plano O-1 as aliñacións da estrada provincial LU-P-6103.

Doutra banda, o novo proxecto sometido á aprobación definitiva incorpora o catálogo dos elementos que se van protexer (número 6 do documento e anexo 4).

– (Epígrafe III.2): no plano O-1 determínanse as aliñacións da vía, identifícanse de xeito diferenciado as aliñacións consolidadas, concepto que se emprega non só para identificar as liñas a que se poderán axustar as edificacións (posición frontal sen recuamento) senón tamén aqueloutras definidas por muros tradicionais que conservar (puntos 5.5.7 e 5.6.7).

Tamén se modificou o punto 5.4.2.a) do proxecto en que se exixía que as parcelas conten con acceso por vías públicas que permitan o acceso rodado.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a delimitación do solo do núcleo rural da Fórnea, no concello de Trabada.

Segundo. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file