Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1065

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2016 de delegación de competencias da Xerencia na persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

O 14.1.2012 entrou en vigor o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia. Esta entidade instrumental é a responsable de materializar a política en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia e substituíu nestas funcións o organismo autónomo Augas de Galicia e a entidade de dereito público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, que se extinguiron coa súa constitución e posta en funcionamento.

A disposición transitoria terceira do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, prevé que ata a elaboración e aprobación do Decreto de desenvolvemento da estrutura orgánica da entidade pública empresarial Augas de Galicia se manterán as configuracións das estruturas orgánicas reguladas no Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, e nos estatutos da entidade de dereito público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, aprobados polo Decreto 125/1996, do 7 de marzo.

O 19.11.2015 publicouse o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A disposición derradeira primeira do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, incorpora a Xerencia como un novo órgano executivo de Augas de Galicia. Pola súa vez, a disposición adicional cuarta suprime a Subdirección Xeral de Programación e Proxectos de Augas de Galicia e atribúe as súas competencias á persoa titular da Xerencia.

A nova organización require efectuar unha delegación de competencias por parte da persoa titular da Xerencia que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O 29 de novembro de 2016, o director de Augas de Galicia aprobou a proposta resolución do xerente de Augas de Galicia, do 28 de novembro de 2016, de delegación de competencias da Xerencia na persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico, de conformidade co previsto no artigo 6.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A delegación de competencias vén regulada no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En consecuencia, e de acordo coas previsións legais indicadas,

RESOLVO:

Primeiro.

Delegar na persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico o exercicio das seguintes competencias:

a) A explotación das infraestruturas hidráulicas de regulación de titularidade de Augas de Galicia.

b) As competencias establecidas na normativa xeral en materia de augas relativas á seguridade de presas, encoros e balsas que correspondan a Augas de Galicia.

c) A programación e execución das actuacións de conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como das zonas de servidume e policía das augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

d) A presidencia das comisións de desaugamento, agás que asista á reunión a persoa que exerza a dirección da entidade, que neste caso asumirá a presidencia, consonte o prevé o artigo 21.2.a) do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

Segundo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta resolución teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

3. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan, acto que require a publicación no Diario Oficial de Galicia, ou avocar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

Terceiro. Réxime xurídico da delegación

O exercicio das competencias que se delegan axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

En todo caso, quedarán excluídos da delegación contida nesta resolución os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Cuarto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Transparencia

A resolución de delegación figurará dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional de Augas de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2016

Gonzalo Mosqueira Martínez
Xerente de Augas de Galicia