Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2017 Páx. 1838

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO do acordo de suspensión de licenzas nunha serie de elementos susceptibles de inclusión no catálogo do Plan xeral de ordenación municipal de 2013 da Coruña (expediente 631/2016/299).

O Pleno do Concello, na sesión que tivo lugar o 12 de decembro de 2016, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas, que se referirá exclusivamente ás relativas ao parcelamento de terreos; obras de demolición; obras de reestruturación e exteriores definidas no artigo 1.4.8, nas epígrafes 4.d).2, e 4; e obras de nova edificación, agás as de reconstrución previstas no artigo 1.4.10, na epígrafe 1.d).1, todos eles das normas urbanísticas do plan xeral, sobre os seguintes elementos:

Patrimonio etnográfico:

– Sistema de peiraos e embarcadoiros nas Xubias.

Patrimonio arquitectónico:

– Edificio das seccións de vela e remo do Club do Mar de San Amaro.

– Rúa Castaño de Eirís, 1. Conxunto de vivenda e leira en Castaño de Eirís.

– Rúa Pelamios, 2. Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso.

– Avenida de Oza, 117. Antiga garaxe e concesionario da Citroën.

– Rúa Gregorio Hernández, 1. Edificio do Observatorio Meteorolóxico.

– Rúa Padre Sarmiento, 26. Chalet acaroado no núcleo de Vista Alegre.

Edificios de interese no trazado do Camiño de Santiago Inglés (Informe de Patrimonio da Xunta do 13 de maio de 2016):

– Avenida Fernández Latorre, 43. Edificio.

– Avenida de Monelos, 117 e 119. Casas.

– Eirís de Arriba, 3, 7, 10 e 46. Casas.

– Rúa Portádego, 35 e 37. Casas (elementos de valor cultural recollidos tamén no POLGA).

– Avenida de Linares Rivas, 28-32. Edificio do Banco do Noroeste.

Edificios da listaxe do DO.CO.MO.MO. Ibérico que aínda non foron incluídos no catálogo:

– Rúa Fernando González, 7-9. Edificio Pou. Miguel Fisac, 1964.

– Peirao da Palloza, 2. Lonxa do Gran Sol. Eduardo García de Dios e Félix Calderán Gaztelu, 1960.

Todos eles reflectidos no xogo de planos que acompaña a presente proposta.

Segundo. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, nun dos xornais de maior difusión na provincia e na web municipal de urbanismo.

Terceiro. Notificar a adopción do presente acordo aos servizos municipais implicados na aplicación do PXOM».

Contra este acordo cabe interpoñer, de conformidade co disposto nos artigos 124 e 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso potestativo de reposición ante o órgano que o ditou, no prazo máximo dun mes, ou ben, recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, ou desde que se produza, se for o caso, a desestimación expresa do recurso de reposición interposto. No caso de desestimación presunta, poderase presentar en calquera momento.

Os planos a que fai referencia o acordo pódense descargar da páxina web de Urbanismo www.coruna.es/urbanismo na epígrafe Documentos en exposición pública.

A Coruña, 2 de xaneiro de 2017

O alcalde
P.D. (Decreto do 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente de alcalde da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda