Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2017 Páx. 2531

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, con financiamento plurianual.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe terceiro un programa específico, tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugueiro social.

O 28 de agosto de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social. Esta orde foi modificada polas ordes do 23 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro) e do 13 de maio de 2016 (DOG núm. 95, do 20 de maio), nas cales se ampliaron os colectivos de persoas beneficiarias, así como se incrementou a contía desta axuda.

Con esta nova orde preténdese unha tripla finalidade: por unha banda, refundir nun único texto a normativa dispersa que ata o de agora regulaba o bono de alugueiro social, adaptándoo, ademais, ás previsións contidas na nova Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas; por outra banda, ampliar o seu ámbito subxectivo a novos colectivos e, finalmente, estender a duración desta axuda a unha terceira anualidade, máis acorde coa duración mínima dos contratos de alugueiro para uso de vivenda prevista na actual regulación de arrendamentos urbanos. Ademais, procédese á convocatoria destas axudas para a anualidade 2017, cun financiamento plurianual para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020, e con tramitación anticipada de gasto.

A presente orde, que consta de 28 artigos, 3 disposicións adicionais e 2 derradeiras, define as bases reguladoras das subvencións, nas cales se inclúe o seu obxecto, os requisitos das persoas beneficiarias, o seu importe, o procedemento para resolver as axudas, o xeito de xustificación e o seu pagamento, o procedemento de reintegro, a súa publicidade, o réxime de compatibilidades e a convocatoria para o ano 2017.

Esta convocatoria suxeitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017 habilítanse créditos para o financiamento da axuda do bono de alugueiro social.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio 2017, con financiamento plurianual.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. As subvencións do Programa do bono de alugueiro social están destinadas a atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.

c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, rematasen o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugueiro social.

e) Aquelas que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.

f) Aquelas que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.

2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia durante, polo menos, os 12 meses anteriores á data da presentación da solicitude da axuda.

b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 6.

e) Que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM).

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grado, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptuase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a superficie correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que se atope en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non poden ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que os membros da unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de 6 meses.

b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración superior aos 12 meses.

3. No caso de mulleres pertencentes ao colectivo de vítimas de violencia de xénero, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que a situación de violencia de xénero se producise no seo dunha relación de convivencia.

b) Que teña cesado a dita convivencia dentro dos 12 meses anteriores á presentación da solicitude.

c) Que á data de presentación da solicitude leven residindo polo menos dous meses nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscrito a unha Administración pública.

d) Que o documento acreditativo da situación de violencia sinalado no artigo 9 desta orde fose emitido dentro dos 6 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

e) Que a orde de protección ou calquera outra medida cautelar adoptada estea vixente na data de presentación da solicitude e se manteña na data da resolución desta axuda.

4. No caso de unidades de convivencia privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos 6 meses anteriores á presentación da solicitude.

5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, rematasen o período de desfrute desta axuda dentro dos 9 meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugueiro social, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que non se lles interpuxese unha demanda por danos causados na vivenda alugada a través do citado programa.

b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións dos recibos de auga, electricidade e/ou gas da vivenda alugada a través do Programa Aluga por un período superior aos 2 meses.

6. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de 3 meses.

7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa, ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da comisión de seguimento e coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello a que se refire o número 10.X) do artigo 9.

Artigo 4. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non excedan límites previstos neste artigo.

Para estes efectos, considerase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan nunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada un dos seus membros durante os 3 meses anteriores ao da presentación da solicitude. O resultante mensual ponderarase de acordo ao establecido no artigo seguinte. A contía resultante deste rateo non poderá superar o límite de ingresos que de seguido se indica:

Nº membros unidade
de convivencia

1,5 veces IPREM
mensual

1

745,51

2

1.035,44

3

1.164,87

4

1.331,28

5 ou máis

1.553,15

3. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o punto anterior e ponderados conforme o previsto no artigo seguinte, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Artigo 5. Ponderación dos ingresos

1. Os ingresos medios das unidades familiares ponderaranse mediante a aplicación do seguinte coeficiente multiplicador:

Familias dun membro: 1,25.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,70.

Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, o coeficiente multiplicador aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.

3. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicador previsto neste artigo, sempre que da aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

Artigo 6. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 400 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 350 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 300 euros, para as vivendas situadas no resto de concellos.

2. Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesiten unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A contía de cada bono alugueiro será a seguinte:

– 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.a) do artigo 6.

– 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.b) do artigo 6.

– 150 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.c) do artigo 6.

Cada unidade de convivencia só poderá recibir ata un máximo de 12 bonos, prorrogables por dous períodos sucesivos de 12 meses, ata acadar unha duración máxima de 3 anos.

2. Ademais, poderase conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros.

Artigo 8. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde e deberase dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido nos artigos 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución. Este anexo tamén está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou do seu representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, deberán indicarse cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g).

d) Declaración responsable de que nin o solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

6. No modelo de solicitude poderase asinar a denegación expresa para que o IGVS realice as seguintes consultas:

a) Os datos de identidade (DNI ou NIE) da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, a consulta dos seus datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse a copia do seu DNI ou NIE.

c) Os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse o seu certificado de empadroamento.

Artigo 9. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia (anexo II), distintos da persoa solicitante. No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo por cada unha delas. No citado anexo II poderanse denegar ao IGVS as consultas telemáticas dos seguintes datos:

a) Consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de denegar esta consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE correspondente.

b) Consulta dos datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. No caso de denegar esta consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite, na data da solicitude, a súa residencia habitual.

c) Consulta, de ser o caso, da condición de discapacidade das persoas que integran a unidade de convivencia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de denegar esta consulta ou de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

d) Consulta de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia. No caso de denegar estas consultas, deberanse presentar as correspondentes certificacións exixidas para a obtención da subvención.

2. Contrato de arrendamento de vivenda e presentación do xustificante do depósito da fianza no IGVS ou indicación do código de procedemento, número de expediente e ano de presentación do depósito da fianza. No caso de descoñecer se foi presentada a fianza, indicarase esta circunstancia na solicitude.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente Área Provincial do IGVS no prazo de dous meses, contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, acompañado do xustificante do depósito da fianza, dos certificados de empadroamento das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido no número 6 deste artigo.

3. No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

4. Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

5. Certificado da condición de discapacidade da persoa solicitante para o suposto de ser expedido por unha Administración pública distinta da Xunta de Galicia, ou para o suposto de ter denegado a súa consulta de ser expedido pola Xunta de Galicia.

6. Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugueiro social (anexo III). Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

Neste anexo III a persoa arrendadora poderá denegar ao IGVS a consulta dos seus datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo, que a desenvolve. No caso de denegar esta consulta, deberase presentar a copia do seu DNI ou NIE.

7. No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, deberase achegar a copia da demanda interposta.

8. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, para efectos de acreditar esta condición, deberase presentar algún dos seguintes documentos:

a) Certificación, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da orde de protección ou de calquera outra medida cautelar adoptada.

b) Sentenza que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

d) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

e) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

9. No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, deberanse achegar os seguintes documentos:

a) Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos.

b) Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

c) Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

10. Informe dos servizos sociais do concello, que terá o seguinte contido:

I) A composición da unidade de convivencia.

II) Os ingresos de cada unha das persoas que integran a unidade de convivencia, conforme o sinalado no artigo 4, e a situación económica en que se xustifique a dificultade do pagamento da renda da vivenda que se vaia subvencionar.

III) O seu grao de integración social. En concreto, debe informarse se as persoas que integran a unidade de convivencia incumpriron reiteradamente as normas da comunidade de propietarios/as. Para estes efectos, poderán ser excluídas destas axudas aquelas persoas que, en virtude do informe emitido polos servizos sociais, conste que incumpriron reiteradamente as devanditas normas.

IV) Unha memoria de actuación para o apoio á unidade de convivencia en que se indiquen os recursos postos á súa disposición, orientados á recuperación da economía familiar.

V) A necesidade, de ser o caso, da participación nun proxecto individualizado en que se defina o itinerario, os recursos e o conxunto de obrigas e compromisos da persoa beneficiaria e da súa unidade de convivencia, orientado á recuperación da economía familiar.

VI) As distintas axudas, cos seus importes, que para a mesma finalidade poida recibir a unidade de convivencia.

VII) Ademais, para o caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas:

a) O número do procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento de rendas do que sexa ou fose parte a persoa solicitante, con indicación da data da interposición da demanda ou, de ser o caso, da resolución xudicial da terminación do procedemento.

b) A duración do contrato de alugueiro que motivou o procedemento de desafiuzamento.

VIII) Ademais, para o caso de que a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se fixer mediante a presentación dalgún dos documentos sinalados nas letras a), b) e c) do número 7 deste artigo, o informe social deberá acreditar que a situación de violencia sucedeu no seo dunha relación de convivencia.

IX) No caso de unidades de convivencia privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, o informe social deberá sinalar a posible situación de desamparo da unidade de convivencia.

X) No caso de unidades de convivencia en situación de emerxencia social acollidas ao Programa de vivendas baleiras, deberá constar expresamente as causas que xustifican a dita situación, así como a determinación do seu nivel de ingresos conforme o citado programa e un estudo que especifique a viabilidade de asumir as obrigas derivadas do contrato de alugueiro.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano instrutor poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano instrutor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento (anexo I), caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 11. Prórroga da subvención

As persoas beneficiarias destas axudas poderán solicitar as prórrogas da subvención dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, se é o caso, da primeira prórroga. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co artigo 8 parágrafos 2, 3 e 4, a solicitude que figura incorporada como anexo IV a esta orde.

Xunto coa solicitude de prórroga, presentarase a seguinte documentación:

a) Informe dos servizos sociais municipais en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos ponderados da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data de solicitude de prórroga.

b) Declaración formalizada polos/as asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

Artigo 12. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución das solicitudes de axudas, así como as das súas prórrogas, é competencia da Área Provincial do IGVS que corresponda por razón da situación da vivenda. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente publicación da resolución de convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria, rematando, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, terase por desistido da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da Área Provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que segundo dereito proceda.

Artigo 14. Notificacións das resolucións e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten aos seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@ dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á contas de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para tales efectos, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da Area Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude este a validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da subvención, comunicándolle, se é o caso, á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 17. Xustificación da concesión da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase mediante o correspondente contrato de aluguer.

2. Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual para poder cobrar a subvención.

3. A documentación xustificativa do pagamento da parte da renda que lle corresponde satisfacer á persoa arrendataria deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes. Para tales efectos, só será válida a xustificación realizada mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no anexo III.

4. A axuda complementaria prevista no artigo 7.2 desta orde xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza, dos contratos de altas de subministracións e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro do prazo de dous meses, contados desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

Artigo 18. Pagamento das subvencións

Unha vez acreditada pola persoa beneficiaria a xustificación do pagamento da súa parte da renda mensual, procederase ao pagamento da subvención mensual do bono de alugueiro social mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora. No caso da xustificación da axuda complementaria conforme o sinalado no artigo 17.4, procederase ao seu pagamento mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.

Artigo 19. Pagamento anticipado

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da subvención concedida, ata un importe do 25 %, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado será necesario enviar a xustificación do pagamento referida no artigo 17 mediante correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora na Área Provincial do IGVS.

Artigo 20. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, subscribindo un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á Área Provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial no prazo máximo de 5 días, a contar desde a sinatura do novo contrato de arrendamento. Así mesmo, deberá achegar o novo contrato de alugamento xunto co xustificante do depósito da fianza no IGVS, o certificado de empadroamento na nova vivenda e o anexo III, debidamente cumprimentado.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Nestes supostos, a persoa beneficiaria percibirá, como máximo, o mesmo importe en concepto de subvención que o que tiña recoñecido inicialmente.

Artigo 21. Xustificación final

Para a percepción da axuda do derradeiro mes subvencionable deberá terse xustificado a totalidade dos pagamentos dos meses anteriores dentro do prazo de 10 días naturais correspondentes ao dito mes.

Artigo 22. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causas de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a resolución do contrato de arrendamento subvencionado.

2. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados das perdas de subvencións se reasignen á concesión doutras solicitudes, o que se fará atendendo á orde de prelación establecida no artigo 15.2.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle podan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias, así como da súa publicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é o IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal

Artigo 26. Compatibilidade e incompatibilidade

As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coas axudas desta ou doutras administracións públicas, así como de calquera outra entidade, xa sexa pública ou privada, sempre que o importe total concedido por todas elas non supere o custo da renda do contrato de alugueiro.

Convocatoria con financiamento no ano 2017

Artigo 27. Obxecto

1. A convocatoria das subvencións do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 para o exercicio 2017 réxese polo establecido nesta orde.

2. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 20 de novembro de 2017.

Artigo 28. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2017, 2018, 2019 e 2020 faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 1.500.000 euros para a anualidade 2017, 1.500.000 euros para a anualidade 2018, 1.500.000 euros para a anualidade 2019 e 500.000 euros para a anualidade 2020.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Ámbito subxectivo da prórroga da axuda

Todas as persoas que resultaron beneficiarias deste programa conforme as convocatorias realizadas nos anos 2015 e 2016 polas ordes do 7 de agosto de 2015 e do 23 de decembro de 2015, respectivamente, poderán solicitar a prórroga da axuda do bono de alugueiro social, de conformidade co artigo 7, segundo o procedemento establecido nesta orde.

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file