Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3208

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue, aos cales a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE(2016) 8144, do 18 de novembro, establece diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Esta actuación encádrase dentro da medida M07 (Servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais) do PDR de Galicia 2014-2020 e, concretamente, na submedida 7.50 destinada ao apoio aos investimentos para uso público en infraestruturas recreativas, información turística e infraestrutura turística a pequena escala.

Con esta submedida perséguese a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valoración dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

Dado que o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia Turismo de Galicia vai materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.

Estas subvencións, no correspondente aos fondos propios, financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o seu regulamento.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

O obxecto desta resolución é aprobar as bases –que se inclúen como anexo I– polas que se rexerá a concesión das subvencións a entidades locais, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2017.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal

b) Nos teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e no fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico: xerencia.turismo@xunta.gal

d) Presencialmente.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade
e sinalización dos recursos turísticos no medio rural

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. Para os efectos desta resolución, terán a consideración de pequenas infraestruturas turísticas aquelas cuxo investimento sexa inferior a 120.000 euros (IVE excluído).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade e da sinalización nos seguintes recursos:

a) Miradoiros e outros espazos de interese paisaxístico.

b) Praias marítimas, fluviais, encoros, fervenzas...

c) Bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, regulados na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

d) Sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e as actuacións necesarias para acadar esta homologación.

e) Rutas en centros BTT de Galicia pertencentes á rede da Xunta de Galicia e as actuacións necesarias para a inclusión nesta rede.

f) Rutas e infraestruturas de interese turístico.

Exclúense as actuacións para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos, destinados a concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

En materia de accesibilidade poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos definidos neste artigo.

b) Creación das infraestruturas necesarias para o acceso ao recurso.

c) Construción de pasarelas, ramplas, aparellos elevadores e eliminación de barreiras arquitectónicas que melloren o acceso ao recurso e os itinerarios de visita.

d) Construción ou adecuación de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional.

Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que se atopa o recurso. Neste senso, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente ao medio.

En todo caso deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

Respecto á sinalización poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Nova sinalización en estradas, sempre que conten coas autorizacións dos organismos competentes.

b) Paneis interpretativos, tanto tradicionais, como aqueles que incorporen novas tecnoloxías.

c) Ferramentas tecnolóxicas que sirvan aos fins establecidos nestas bases (aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC, audioguías...).

d) Colocación de postes e outros elementos consonte os criterios de homologación de sendeiros e os específicos dos centros BTT de Galicia.

e) Retirada de sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada.

Os materiais e características da sinalización deberán respectar o manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo) e os correspondentes manuais de sendeiros homologados ou de centros BTT.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie, ao vandalismo e que ao mesmo tempo harmonicen coa entorna onde se coloquen.

No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade do concello, deberá ser retirada antes da colocación da nova sinalización.

No caso de que a sinalización que se debe retirar sexa de titularidade doutra Administración pública ou dunha entidade privada, solicitarase a autorización correspondente.

En todo caso, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita subvención, deberá contarse coas autorizacións das administracións sectoriais correspondentes (patrimonio, augas, costas...).

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 45 do Regulamento UE 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural Feader, e cumprir os requisitos do artigo 13 do Regulamento delegado UE 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o anterior, e demais normativa de aplicación.

3. Serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A utilización de novas tecnoloxías da información (TIC) na sinalización de recursos turísticos e a adquisición de aplicacións informáticas especificamente destinadas a facilitar información sobre os devanditos recursos.

b) O uso de medios que favorezan a accesibilidade universal dos recursos, considerando solucións destinadas a persoas con limitacións visuais, auditivas, con mobilidade reducida ou de calquera outra natureza.

c) A adquisición de terreos destinados á construción ou ampliación de aparcadoiros ou necesarios para permitir unha correcta accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, ata un 10 % do importe da operación.

d) Os materiais e gastos necesarios para a correcta execución das accións subvencionadas.

e) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de redacción de proxectos de arquitectos, enxeñeiros e honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluidos os estudos de viabilidade, gastos xerais e beneficio industrial. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 12 % do gasto subvencionable.

Con carácter xeral serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación dunha solicitude de axuda en tempo e forma logo da correspondente convocatoria pública, tendo en conta que a simple presentación dunha solicitude en ningún modo garante a súa aprobación.

Non obstante, serán, así mesmo, admisibles como subvencionables os custos xerais de honorarios e estudos de viabilidade ata un 12 % e a compra de terreos ata un 10 % dos custos totais subvencionables da operación de que se trate, ainda que estes gastos sexan anteriores á presentación dunha solicitude de axuda, sempre que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2017.

4. Non son gastos subvencionables:

– A reposición ou mera substitución de maquinaria.

– Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

– Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables: a) os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade, b) calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato, c) os pagamentos efectuados polo beneficiario que deriven da execución dos contratos públicos.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais.

De conformidade co disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o imposto sobre o valor engadido non será subvencionable, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse cun crédito total de 2.018.123 euros á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2016 00002.

Deste crédito total, 1.333.333 euros está cofinanciado nun 75 % por fondos Feader, nun 7,5 % con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e nun 17,5 % con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán dar lugar á subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017.

Asemade, estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. A intensidade da axuda poderá acadar ata un máximo do 100 % do custo elixible subvencionable por entidade beneficiaria. A intensidade da axuda non superará o importe máximo de 50.000 euros e as diferentes contías estableceranse en función da puntuación obtida por cada solicitude.

4. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera das outras medidas do PDR.

5. Non obstante, é posible a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as entidades locais que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos nas zonas rurais de Galicia que se relacionan:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Só teñen a consideración de zonas urbanas os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. Dentro de cada unha destas zonas urbanas, as parroquias definidas como rurais ou intermedias pola autoridade de xestión xunto co Instituto Galego de Estatística serán admisibles para os efectos dos fondos Feader.

3. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

4. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

6. So poderá solicitarse unha axuda por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Os concellos pertencentes a entidades locais supramunicipais ou agrupacións que soliciten axudas como integrantes destas poderán, pola súa vez, solicitar unha axuda para unha actuación diferente de maneira independente.

Artigo 5. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. As entidades interesadas achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

No caso de presentarse a solicitude por unha agrupación de concellos de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación, como se expuxo no artigo 4.1.c).

Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

b) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas. No caso de agrupacións de concellos, deberán acreditar este requisito todos os concellos que as forman.

c) Acreditación da titularidade do inmoble ou de calquera título de disposición válido en dereito que garanta a súa permanencia durante un período que permita cumprir os prazos establecidos.

d) De ser o caso, acreditación de aprobación do plan de ordenación municipal, ordenanza municipal ou calquera outro instrumento xurídico de ordenación urbanística vixente.

e) Certificación do/a secretario/a da entidade local en que consten os seguintes datos:

– O acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

– Remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

No caso das agrupacións de concellos, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

– O instrumento xurídico que regule a agrupación, o cal deberá incluír, en todo caso, a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

f) De ser o caso, acreditación da existencia no concello ou concellos dunha oficina de información turística aberta ao público.

g) De ser o caso, acreditación da existencia no concello ou concellos dunha parte específica na páxina web adicada á promoción do turismo.

h) Acreditación da poboación do concello no momento da solicitude.

i) Memoria detallada asinada por un técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual.

- Planos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

- Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

l) No caso de que a solicitude comporte a realización de obras, tres ofertas como mínimo de diferentes provedores de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

En todo caso, é de obrigado cumprimento por parte da entidade beneficiaria o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

No caso de que algún dos documentos que debe presentar o/a solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos ou estea en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaráselle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. De conformidade co disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web, ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia (importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios), o texto íntegro da convocatoria das axudas ou subvencións e as concesións das devanditas axudas ou subvencións. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

5. De conformidade co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, os beneficiarios adquiren o compromiso de proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

6. Así mesmo, a entidade beneficiaria acepta o sometemento aos controis específicos da Unión Europea reflectidos no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, que establece:

Efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda, solicitudes de pagamento ou outras declaracións que deben presentar os beneficiarios ou terceiros. Estes controis abranguerán todos os elementos que poidan verificarse e resulte axeitado verificar mediante controis administrativos. Os procedementos de control permitirán rexistrar os controis efectuados, os resultados das comprobacións e as medidas adoptadas en caso de discrepancias. Os controis administrativos das solicitudes de axuda garantirán que a operación cumpre as obrigacións aplicables establecidas pola normativa da Unión ou a lexislación nacional ou polos programas de desenvolvemento rural, entre elas, a contratación pública, as axudas de Estado e demais normas e requisitos obrigatorios.

Nos controis administrativos constarán procedementos destinados a evitar o dobre financiamento irregular con outros réximes nacionais ou da Unión e do anterior período de programación, e unha verificación da moderación de custos propostos.

Os controis sobre o terreo representarán como mínimo o 5 % da totalidade dos gastos que cofinancia o Feader. Desta porcentaxe entre un 30 ou 40 % será un control aleatorio sobre as subvencións concedidas e entre un 60 ou 70 % será un control con criterios de risco.

Efectuaranse controis a posteriori das operacións de investimento para comprobar que se cumpren os compromisos establecidos no artigo 71 do Regulamento 1303/2013 ou establecidos no programa de desenvolvemento rural.

Os controis a posteriori cubrirán cada ano natural ao menos o 1 % dos custos do Feader no que se refire ás operacións de investimento que estean aínda suxeitas aos compromisos mencionados no punto anterior (permanencia das operacións relativas a investimentos) e respecto ás cales o Feader aboase o pagamento final.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: estrada Santiago-Noia, km 3 (A Barcia) Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a xerencia.turismo@xunta.gal

Artigo 8. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Para a instrucción do procedemento o secretario ou un empregado público municipal acreditarán que as obras non están iniciadas.

4. Os proxectos ou memorias valoradas serán avaliados na Área de Obras e Mantemento, que emitirá un informe ao respecto para o seu estudo pola comisión.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases, por unha comisión de avaliación que será a responsable de propoñer a resolución final ao órgano competente para resolver.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) Os/as delegados/as territoriais ou persoas en que deleguen.

c) O/a xerente da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en que delegue.

d) Un/unha representante da Dirección de Promoción designada pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

e) Un/unha funcionaria da Axencia Turismo de Galicia designado/a pola persoa titular da Dirección, que actuará como secretario/a.

3. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

4. No caso de existiren solicitudes que non figuran no informe anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito ao terse producido algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

1. Pola realización de obras complementarias que melloren a actuación de accesibilidade ou sinalización, tales como demolición e retirada de estruturas construídas que non harmonicen co recurso, acondicionamento de muros, fachadas e balaústre e outras similares que melloren a estética do recurso: ata 15 puntos.

Para a avaliación deste criterio terase en conta o importe total do proxecto presentado de acordo co seguinte:

– Importe superior a 50.000 euros e inferior ou igual a 75.000 euros: 10 puntos.

– Importe superior a 75.000 euros: 15 puntos.

2. Pola relevancia turística do espazo xeográfico que se vai sinalizar ou onde se realicen as obras de accesibilidade: ata 20 puntos. Para valorar este criterio terase en conta o seguinte:

– Pertenza do recurso a un espazo natural protexido: 10 puntos.

– Pertenza do recurso ao patrimonio cultural: 10 puntos.

3. Iniciativas que se atopen no ámbito territorial de concellos que promoven políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e ambiental por teren normas aprobadas ao respecto a través do correspondente instrumento xurídico (ordenanza, plan...): ata 15 puntos segundo o seguinte:

– Aprobación do plan de ordenación municipal adaptado á LOUG: 10 puntos.

– Aprobación de ordenanza municipal u outro instrumento xurídico de ordenación urbanística: 5 puntos.

No caso de que a solicitante sexa unha mancomunidade, consorcio ou agrupación de concellos, valorarase ter aprobado un plan de dinamización ou desenvolvemento turístico: 15 puntos.

4. Que o concello en que se realice a actuación estea declarado municipio turístico galego: 10 puntos.

No caso de que a solicitante sexa unha mancomunidade, consorcio ou agrupación de concellos, e a actuación para a cal se solicite a subvención afecte varios concellos, terá a puntuación indicada no parágrafo anterior no caso de que polomenos un dos citados concellos conte con tal declaración.

5. Que o concello solicitante ou, no caso de mancomunidade, consorcio local ou agrupación, teña unha oficina de información turística aberta ao público no concello ou nalgún dos concellos nos que se vai realizar a actuación subvencionable: 10 puntos.

6. Que o concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación de concellos teña na súa páxina web unha parte específica dedicada á promoción do turismo: 10 puntos.

7. A poboación do concello en que se realice a actuación obxecto da subvención: ata 20 puntos, tal como se detalla a seguir:

Concellos con poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes: 20 puntos.

Concellos con poboación superior a 5.000 habitantes e inferior a 10.000 habitantes: 16 puntos.

Concellos con poboación igual ou superior a 10.000 habitante e inferior a 20.000 habitantes: 14 puntos.

Concellos con poboación igual ou superior a 20.000 habitantes: 12 puntos.

No caso de solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios ou agrupacións de concellos, este criterio aplicarase tendo en conta o tramo en que se inclúa a maioría dos concellos agrupados.

A aplicación destes criterios de valoración está condicionada á súa aprobación polo Comité de Seguimento do PDR.

Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 100 % sobre o investimento subvencionable ata unha contía máxima de 50.000 euros. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:

• Con 20 puntos: 50 %.

• Entre 21 e 25 puntos: 55 %.

• Entre 26 e 30 puntos: 60 %.

• Entre 31 e 35 puntos: 65 %.

• Entre 36 e 40 puntos: 70 %.

• Entre 41 e 60 puntos: 75 %.

• Entre 61 e 80 puntos: 80 %.

• Entre 81 e 90 puntos: 90 %.

• Entre 91 e 100 puntos: 100 %.

Se os fondos dispoñibles nesta convocatoria non foren suficientes para conceder axudas a todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima, serán excluídas as de menor puntuación.

O resultado da análise plasmarase nun informe que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución provisional da comisión de avaliación, ao órgano competente para resolver.

5. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario e importe e porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reuniren os requisitos.

6. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. Esta proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, a denominación e o NIF da entidade ou entidades solicitantes, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Nas notificacións indicarase, de modo expreso, que a subvención foi concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader na medida 7.50 do PDR de Galicia 2014-2020 na cal se enmarca o proxecto.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://notifica.xunta.gal. De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

6. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite co cal seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

7. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 14. Réxime de recursos

a) As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se for o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo, coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade ou entidades locais beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 12.

6. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que poderían dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Retirar a sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade do concello antes da colocación da nova sinalización.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

d) Manter o investimento durante un período mínimo de 5 anos conforme o establecido no artigo 71 do Regulamento (UE)1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre a durabilidade das operacións.

e) Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación da actuación.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Someterse ás verificacións previstas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

h) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Os beneficiarios deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

j) Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 66 1.c).i) do Regulamento (CE) 1305/2013).

k) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, os beneficiarios deberán facer constar o financiamento dos proxectos subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

l) En todas as actividades de información e comunicación que leven a cabo, os beneficiarios deberán recoñecer o apoio do Feader á operación mostrando:

– O emblema da Unión de acordo coas normas gráficas presentadas na páxina http://ec.europa.eu/agriculture/rural-development-2014-2020/index_es.htm

– Unha explicación da axuda Feader por medio da declaración seguinte: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Europa inviste no rural».

m) Durante a realización da operación, os beneficiarios informarán ao público da axuda obtida do seguinte xeito:

1. Presentando no sitio web dos beneficiarios para uso profesional, no caso de que exista o dito sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación en proporción ao nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financieira da Unión.

2. No caso de operacións que reciban unha axuda pública superior a 10.000 euros e en función da operación financiada, colocando polomenos un panel con información sobre a operación dun tamaño mínimo A3 en que se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público.

3. Cando a operación dea lugar a un investimento que reciba unha axuda pública total superior a 50.000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa con información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financieira da Unión.

Os beneficiarios colocarán, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación cando esta consista na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestructura ou en traballos de construción.

Este cartel indicará o nome e o principal obxectivo da operación e destacará a axuda financeira achegada pola Unión.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos, o logotipo do Feader e o lema: «Feader: Europa inviste no rural». Esta información ocupará como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

4. Todas as publicacións (tales como folletos, prospectos e boletíns) e os paneis que versen sobre actividades cofinanciadas polo Feader indicarán claramente na páxina de portada a participación da Unión Europea e incorporarán o emblema desta no caso de que tamén se utilicen outros emblemas nacionais ou rexionais. As publicacións incluirán referencias ao organismo responsable do contido e a autoridade de xestión encargada da aplicación da axuda do Feader e/ou o nacional correspondente.

5. No caso de que a información se ofreza por medios electrónicos (como en sitios web ou bases de datos para os posibles beneficiarios) ou como material audiovisual, o parágrafo cuarto aplícase por analoxía,

Nos sitios web relacionados co Feader deberán:

a) mencionar a contribución do Feader polomenos na páxina de portada.

b) incluír unha hiperligazón ao sitio web da Comisión dedicado ao Feader.

Igualmente os beneficiarios deberán incluír nas súas accións promocionais a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberán inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberán incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de http://www.turismo.gal/marca01/ os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións de uso.

Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

En relación cos intereses de demora, deberá observarse o previsto no artigo 7 do Regulamento 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo.

«1. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, se for o caso, os xuros calculados conforme o disposto no número 2.

2. Os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o agricultor indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución».

Artigo 18. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación, ata o 100 %, as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non sumen valor engadido ao seu contido.

No caso no que se realice a subcontratación, só se considerará gasto subvencionable o custo dos traballadores contratados de conformidade co disposto no parágrafo 2 do artigo 2, e en ningún caso se subvencionará o beneficio da empresa ou entidade que realice a contratación nin ningún imposto indirecto derivado desta.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, os beneficiarios terán de prazo ata o 1 de outubro de 2017 para presentaren nos lugares sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, mediante a modalidade de conta xustificativa orixinal ou copia cotexada da documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Conta xustificativa: conforme o artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida.

– Unha memoria sobre a actuación subvencionada que incluirá a seguinte información:

– Infraestructuras ou equipamentos creados e/ou mellorados coa execución do proxecto subvencionado.

– Ter cumprido o estipulado no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade a súa realización.

– Fotografías, en soporte dixital ou papel do cartel ou carteis das actuacións, nos cales se aprecie a publicidade de cofinanciamento das actuacións con fondos Feader (75 % da subvención).

– Fotografías, en soporte dixital ou papel da placa ou placas explicativas permanentes coa publicidade sobre o financiamento das actuacións colocada en lugar visible no lugar das actuacións, que deberá permanecer, cando menos, 5 anos.

– Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (p.e.: escritura pública de adquisición de inmoble, contratos, libros contables, etc.), entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade.

As facturas presentaranse en orixinal e achegarase xustificante bancario do pagamento polo beneficiario, extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

– Se for o caso, deberán certificarse os gastos con base no proxecto de execución e presentarase certificado de fin de obra asinado polo técnico municipal competente.

c) Certificado do secretario da entidade ou do órgano que teña atribuídas as competencias, acreditativo de que se cumpriu o procedemento de contratación de acordo co establecido no Real decreto legislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no caso de que para a realización da actuación subvencionada tivese que acudirse a este procedemento.

d) No caso de agrupacións previstas no artigo 4.2 destas bases, documento subscrito polos concellos agrupados que regule as relacións entre eles, no que respecta á subvención.

e) Anexo III: modelo de declaracións.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

Se os beneficiarios xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderase o dereito de cobramento da subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nesta non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

En todo caso, para a determinación das reducións e exclusións aplicarase o establecido no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, que determina o seguinte:

«1. Os pagos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos determinados no artigo 48 (controis administrativos).

A autoridade competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) O importe que se pagará ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.

b) O importe que se pagará ao beneficiario tras o exame da adminisibilidade do custo que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado conforme a letra a) do parágrafo segundo supera o importe fixado conforme a letra b) do mesmo parágrafo en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado conforme a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

2. A sanción administrativa mencionada no número 1 aplicarase, mutatis mutandi, aos gastos non admisibles detectados durante os controis sobre o terreo determinados no artigo 49. Neste caso, os custos examinados serán os custos acumulados contraídos con respecto á operación de que se trate. Isto entenderase sen prexuízo dos resultados dos anteriores controis sobre o terreo das operacións de que se trate».

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso de agrupacións de concellos, estes deberán presentar cada un a súa.

2. De conformidade co disposto nos artigos 45 e 63 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, os beneficiarios destas axudas poderán solicitar un anticipo dun 50 % como máximo da axuda pública correspondente ao investimento.

O pagamento de anticipos estará supeditado á constitución dunha garantía equivalente que corresponda ao 100 % do importe anticipado.

Un instrumento proporcionado como garantía por unha autoridade pública considerarase equivalente á garantía mencionada sempre que esa autoridade se comprometa a aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se establecese o dereito ao importe anticipado.

A garantía liberarase cando o organismo pagador competente considere que o importe dos gastos reais correspondentes á axuda pública destinada á operación supera o importe do anticipo.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, en relación á determinación dos xuros de demora.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a cantidade para reintegrar será unha porcentaxe da subvención percibida igual á do tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido (mantemento do emprego, prestación do servizo, mantemento do ben, etc.).

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de sancións previsto no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Igualmente están sometidas ás verificacións previstas no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, e, de ser o caso, as dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o programa e o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As persoas ou entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 24. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

• Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2016) 8144, do 18 de novembro.

• Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

• Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

• Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo.

• Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

• Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file