BDNS (Identif.): 328986.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarias
As entidades locais que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos nas zonas rurais de Galicia, que se relacionan a seguir:
a) Concellos.
b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.
c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto
Fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade e da sinalización nos seguintes recursos:
a) Miradoiros e outros espazos de interese paisaxístico.
b) Praias marítimas, fluviais, encoros, fervenzas...
c) Bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia regulados na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.
d) Sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e as actuacións necesarias pra acadar esta homologación.
e) Rutas en centros BTT de Galicia pertencentes á rede da Xunta de Galicia e as actuacións necesarias para a inclusión nesta rede.
f) Rutas e infraestruturas de interese turístico.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.
Cuarto. Importe
Contía de 2.018.123 €, aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2016 00002.
Deste crédito total, 1.333.333 € está cofinanciado nun 75 % por fondos Feader, nun 7,5 % con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e nun 17,5 % con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Prazo de xustificación da subvención
O prazo de xustificación da subvención será o 1 de outubro de 2017.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016
Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia