Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3188

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 328765.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas os/as propietarios/as do gando que se especifica no anexo I da orde de convocatoria e que foi afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos/das titulares de actividades gandeiras afectados/as polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Contía

O importe asignado é de trescentos setenta e nove mil novecentos cincuenta e oito euros (379.958 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Para aos danos comunicados entre o 1 de outubro de 2016 e a entrada en vigor da orde de convocatoria, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados a partir da entrada en vigor da orde.

Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor da orde de convocatoria, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Sexto. Outros datos

Comunicar o dano nas vinte e catro horas seguintes á constatación do ataque. Os/as propietarios/as das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará unha chave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas, os sábados.

Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo.

A partir do 1 de outubro de 2017, poderanse realizar comunicacións por danos de lobo de acordo co establecido nos parágrafos anteriores, e a concesión de axudas queda condicionada a unha nova convocatoria no ano 2018.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio