Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2017 Páx. 4149

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2017 pola que se convoca unha xornada sobre a Lei 10/2014, de accesibilidade de Galicia, e a Convención internacional sobre persoas con discapacidade 2006: aplicación e control polas administracións públicas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2017 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre a Lei 10/2014, de accesibilidade de Galicia, e a Convención internacional sobre persoas con discapacidade 2006: aplicación e control polas administracións públicas, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, proponse a realización desta acción formativa cuxo obxecto principal é afondar no estudo do texto legal para un mellor tratamento da accesibilidade, en especial, nas relacións cidadán-Administración.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A linguaxe xurídica e a lectura fácil: a primeira sentenza en lectura fácil.

– A discapacidade visual e o acceso aos servizos públicos.

– A constitucionalidade do dereito de accesibilidade.

– A accesibilidade universal na Convención da ONU 2006 e a Lei de Galicia 10/2014, de accesibilidade. Os dereitos das persoas con discapacidade nos procesos electorais.

– A accesibilidade máis alá da norma.

– A xustiza e a discapacidade: o Foro Xustiza e Discapacidade do Consello Xeral do Poder Xudicial.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: mércores, 8 de febreiro de 2017.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

As clases presenciais desenvolveranse en Ourense, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, avenida da Habana, nº 79 (salón de actos, andar principal) e poderán seguirse tamén por videoconferencia desde calquera das seguintes sedes:

– Santiago de Compostela: EGAP, rúa Madrid, 2-4 (aula 5).

– A Coruña: Edificio Administrativo Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2 (sala de xuntas B, planta baixa).

– Lugo: Delegación Territorial da Xunta de Galicia, rolda da Muralla, 70 (sala Muralla, 1º andar).

– Pontevedra: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, avenida Fernández Ladreda, 43. Campolongo (aula 1, planta baixa).

– Vigo: Edificio Administrativo, Torre Principal, Concepción Arenal, 8 (sala A, 1º andar).

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade dos respectivos locais. Se o número de solicitudes de inscrición é superior ao número de prazas dispoñibles en cada sede, a orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/. Unha vez formalizada a súa inscrición e antes de que finalice o prazo de inscrición, todos os solicitantes deberán achegar, ademais, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal indicando o nome e apelidos da persoa que solicita asistir á xornada e o lugar elixido para facer o seguimento desta actividade formativa, de entre os propostos na base 4 desta resolución.

O prazo para inscribirse estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 5 de febreiro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

7. Publicación das listaxes de admitidos.

As listaxes de admitidos en cada sede publicarase na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), no espazo reservado para esta xornada.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a súa área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública