Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2017 Páx. 4311

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2017 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2017.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 19 de xaneiro do 2016, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 21, do 2 de febreiro de 2016, fíxose público o importe do canon unitario que deberá percibir a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2016, que se fixa na suma de 67,18 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada.

Segundo. A teor dos datos subministrados polo Instituto Nacional de Estatística, a taxa de variación anual do índice de prezos de consumo correspondente a decembro 2016 foi do 1,6 %.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscríbenlle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, procurando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O punto dous da dita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade, e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo. A súa contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Tomando como base o importe de 67,18 euros, correspondente ao canon por tonelada de residuos xestionada vixente no exercicio 2016, o importe actualizado segundo a variación do IPC referida no antecedente segundo ascende a 68,25 euros.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe actualizado do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable, durante o ano 2017, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 68,25 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio