Visto o texto do Acordo do 30 de xuño de 2016 entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSI-F e UGT polo que se modifica o segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia (DOG do 19 de xullo de 2013), e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,
Esta Secretaría Xeral de Emprego,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2017
Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego
Acordo do día 30 de xuño de 2016 entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSIF e UGT polo que se modifica o segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia
(DOG do 19 de xullo de 2013)
Reunida o día 21 de xuño de 2016 a comisión de seguimento do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e analizado o segundo parágrafo da instrución cuarta, que establece:
«Cuarta. Limitacións para a formalización do contrato de remuda:
2. No suposto de que unha vez formalizado o contrato co remudista, este se extinga por calquera causa, no prazo de 10 días deberá comunicarse á correspondente delegación territorial do Instituto Nacional da Seguridade Social o novo contrato de remuda realizado co substituto daquel; para dar cumprimento ao dito prazo, o remudista será seleccionado directamente polo Servizo Público de Emprego de Galicia».
Proponse unha redacción alternativa en que se prime a cobertura mediante as listas de contratación derivadas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para el desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
O día 30 de xuño de 2016 a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSIF e UGT
Acordan:
Primeiro. Unha nova redacción do segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións para a aplicación do Acordo para o acceso á xubilación parcial e do contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, que queda do seguinte xeito:
«2. No suposto de que, unha vez formalizado o contrato co remudista, este se extinga por calquera causa, no prazo de 10 días deberá comunicarse á correspondente delegación territorial do Instituto Nacional da Seguridade Social o novo contrato de remuda realizado co substituto daquel; para dar cumprimento ao dito prazo, o remudista será seleccionado correlativamente do seguinte xeito:
1º. Lista confeccionada a propósito para a selección do remudista, sempre que non existan listas posteriores derivadas do Decreto 37/2006.
2º. Listas derivadas do Decreto 37/2006.
3º. En caso de non existiren listas do Decreto 37/2006, será seleccionado directamente polo Servizo Público de Emprego de Galicia».
Segundo. O presente acordo entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura e darase conta del na próxima Comisión de Persoal.
Autorízase o persoal que determine a Dirección Xeral da Función Pública para o seu rexistro e publicación.