Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2017 Páx. 5324

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 23 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encomenda aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, que ampliou a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e aproba a súa convocatoria para o ano 2017. A súa concreción e realización levarase a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, na liña dos obxectivos do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia.

As bases reguladoras do certame, así como a súa convocatoria para o ano 2017, recibiron informe do Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino dirixido
ao alumnado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Participantes

1. Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, presentando os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Modalidades

O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:

a) Actividades artísticas tales como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.

b) Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.

c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Artigo 5. Modalidade de actividades artísticas dirixidas ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial

1. O alumnado dos centros de infantil, primaria e educación especial poderá presentar a este concurso os debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos, realizados por eles, en que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos, segundo as seguintes categorías:

a) Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.

b) Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

c) Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

d) Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

2. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

3. Condicións técnicas.

a) Os traballos de debuxo, pintura e elaboración de maquetas presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. Os traballos deberán estar correctamente identificados en letras maiúsculas cos datos de autoría: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan e título do traballo.

b) Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Ademais dos arquivos en formato dixital deberán enviarse copias en papel. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente soporte coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso que indique con letra lexible os datos de identificación da autoría: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan e título do traballo.

c) No caso de vídeos, as producións presentaranse nun DVD estándar ou noutro soporte reproducible en calquera reprodutor convencional e poden conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. A súa duración non poderá exceder os 10 minutos. O soporte non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos da autoría: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría en que participan, título da creación presentada, así como unha ficha técnica.

d) Todos os textos, locucións e grafismos empregados nos traballos deberán utilizar o galego. Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas.

Artigo 6. Modalidade de actividades cooperativizadas dirixido ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e de educación especial poderá presentar a este concurso as memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, en viaxes de ampliación de estudos, festivais de fin de curso, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou obras de teatro.

2. Establécense as seguintes categorías:

a) Categoría E: alumnado do primeiro ciclo da ESO.

b) Categoría F: alumnado do segundo ciclo da ESO.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

4. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

a) Título do traballo.

b) Definición dos obxectivos, aclarando as metas que se pretenden acadar e os beneficios de tipo cooperativo que se espera que reporte a actividade.

c) Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

d) Tarefas desenvolvidas. Débese especificar que tipo de recursos se precisan para levar a cabo a actividade e cales deles se utilizan. Estes poden ser materiais de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

e) Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que realizar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, as persoas encargadas de realizalas e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

f) Resultado final.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editada en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cada bordo. Deberase entregar un exemplar en papel e o seu soporte en sistema informático. Engadiranse, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

5. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas.

Artigo 7. Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial

1. O alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e de ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos poderán optar aos seguintes premios:

a) Premio ao mellor proxecto.

b) Un accésit ao proxecto finalista.

3. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e en formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados obrigatoriamente dunha ficha resumo segundo o modelo, que pode obterse na parte de Cooperativismo e Economía Social na web http://emprego.ceei.xunta.gal/, así como dun currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado, así como do profesor ou profesora, ou do director ou directora).

4. Na elaboración de cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.

Artigo 8. Presentación das solicitudes e traballos

1. A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes deberán acompañarse do DNI da persoa representante (só no caso de denegar a súa consulta), así como os traballos ou documentos mencionados nos artigos 5, 6 e 7, para cada unha das modalidades.

3. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Os traballos do alumnado na modalidade de actividades artísticas, debidamente identificados, deberán entregarse na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo previsto na convocatoria.

7. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 9. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá ao interesado que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás entidades interesadas aviso da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal seguirá o procedemento salvo que, de oficio ou por instancia da entidade destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polo medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 10. Tribunais e criterios de avaliación

1. Os traballos que participen nas modalidades de actividades artísticas e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Dúas persoas, nomeadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, especialistas nas materias de debuxo e pintura e en audiovisual, respectivamente.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal emitirá proposta sobre os traballos presentados tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

– Representación dos valores e actitude que representa o cooperativismo, ata 25 puntos.

– Grao de organización amosado na realización do traballo polo grupo, ata 25 puntos.

– Orixinalidade do traballo e tema elixido, ata 25 puntos.

– Calidade final do traballo presentado, ata 25 puntos.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Unha persoa nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Unha persoa técnica especialista en cooperativismo nomeada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

d) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal emitirá proposta sobre os proxectos presentados tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

– A coherencia do traballo, ata 25 puntos.

– A orixinalidade do tema elixido, ata 25 puntos.

– A viabilidade económica do proxecto, ata 25 puntos.

– A relación coa contorna onde se desenvolve, ata 25 puntos.

3. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. Se existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 11. Apoio aos centros educativos para a realización de actividades de promoción do cooperativismo

Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán solicitar asesoramento en materia dos principios e valores cooperativos a través dun escrito dirixido á Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O tribunal fará pública a relación provisional dos traballos propostos para os premios na web http://emprego.ceei.xunta.gal/

2. Contra ela poderase presentar reclamación dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación. A dita presentación deberá facerse unicamente por medios electrónicos.

3. Transcorrido o prazo e se non existiren reclamacións, a proposta converterase en definitiva. Se existiren reclamacións, o tribunal resolveraas e emitirá a proposta definitiva de adxudicación dos premios.

4. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

6. Unha vez publicada a resolución definitiva, as persoas e entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxa finalidade e usos sen a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24x7, axudas, subvencións e xestión das relacións administrativas con entidades sen ánimo de lucro que manteñan relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán acompañarse dos documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que fosen elaborados por calquera Administración ou fosen achegados anteriormente pola persoa interesada de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos.

No supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de participación pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino gañadores de oficio pola Secretaría Xeral de Emprego.

2. No prazo indicado na convocatoria, os centros premiados deberán remitir a seguinte documentación xustificativa do destino do importe recibido:

a) Facturas xustificativas da adquisición do material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou do custo da realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro.

b) Memoria explicativa indicando o obxecto do gasto, xustificación deste e alumnado beneficiario.

c) Declaración asinada pola persoa que ocupe a dirección do centro que acredite a conformidade das facturas presentadas, así como o xustificante bancario de transferencia conforme foi aboada a factura que se presenta como xustificación do premio outorgado.

3. Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto. Para iso o centro responsable do proxecto premiado deberá presentar a solicitude de pagamento segundo o modelo que figura como anexo II a esta orde, xunto coa seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

a) Declaración asinada por todos os autores do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada un deles.

b) Memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto.

c) Acta das reunións do grupo promotor cos datos de identificación das persoas integrantes (nome e apelidos, domicilio e DNI).

d) Datos identificativos de cada unha das persoas participantes segundo o modelo do anexo III, asinado por cada participante.

e) Copia do DNI das persoas participantes só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

f) Certificados de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, só no caso de denegar expresamente a autorización para a súa consulta.

4. A xustificación deberá presentarse na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). A dita presentación deberá facerse unicamente por medios electrónicos.

Artigo 15. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Condicións xerais de participación

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria de reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

2. A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes das persoas e centros gañadores, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

3. As persoas e entidades concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Economía, Emprego e Industria no caso de que os traballos resulten danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estean no seu poder. Os centros poderán recoller os traballos presentados nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos réxense polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. As persoas e entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Convocatoria do certame Cooperativismo no ensino para o ano 2017

Artigo 18. Convocatoria

Convócase para o ano 2017 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes e traballos

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 30 de abril de 2017. Non obstante, se o período de presentación resultar inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Contía dos premios

1. Os traballos presentados á modalidade de actividades artísticas dirixido ao alumnado de infantil e primaria, e á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido ao alumnado dos centros de secundaria, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os centros de ensino premiados en cada categoría recibirán a cantidade de 2.000 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á realización dunha actividade formativa, cultural ou deportiva dirixida ao alumnado do centro.

b) Un accésit por cada categoría: os centros de ensino premiados en cada categoría recibirán a cantidade de 1.000 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á realización dunha actividade formativa, cultural ou deportiva dirixida ao alumnado do centro.

Poderanse acumular os importes dos distintos premios no caso de que o centro resulte gañador de máis dun premio.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo coa seguinte dotación:

– Un premio de 4.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto premiado.

b) Un accésit coa seguinte dotación:

– Un premio de 2.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto finalista.

Artigo 21. Prazo de presentación da documentación xustificativa

1. Na modalidade de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas, o prazo de presentación da documentación xustificativa do destino do importe recibido rematará o 30 de novembro de 2017.

2. Na modalidade de proxectos empresariais cooperativos, o prazo de presentación da documentación xustificativa para o pagamento destes premios rematará o 31 de outubro de 2017. Non obstante, esta documentación tamén poderá presentarse xunto coa solicitude.

Artigo 22. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, aplicación 09.40.324C.480.1, do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2017, ata un importe máximo de 25.000 euros.

Artigo 23. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo a que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2017.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file